Setembro das vendimas, a posta en valor da cultura do viño en Galiza

Ampliar: Columna barroca con vides e acios, tan repetida na Arte Galega



O cambio climático fai mudar tamén as tradicións. Aínda así setembro celebra a vendima, o paso da viticultura á vinicultura, saberes que caracterizan a madurez dos pobos, sendo Galiza un referente coas súas 5 denominacións...e máis para o enoturismo

A circunstancias do cambio climático fan que se adianten as vendimas ao mes de agosto, cando o tradicional era setembro. Xa, no medievo representábanse os meses con escenas do agro que lle correspondían, así para agosto era o labrego con fouciño en man, segando o trigo; setembro era o viñateiro co corvo podón cortando un acio de uvas... e en outubro a sementeira, o arado...  Esperada vendima, traballo e festa que da paso do verán ao outono e  que significa un rito ascético. Parte dun longo proceso que vai de sementar as vides ou podalas no inverno, seguido dunha secuencia de traballos, até brindar co viño novo. Cultura do viño que dignifica un pobo,  viticultura e vinicultura, sintetizada en vitivinicultura.  Sendo o viño símbolo de tradicións, de saberes para finalmente erguelo ao ceo nunha cunca e brindar. E, ao redor deste xeito de liturxia crear amizade, cánticos, contos. Ben soubo a cristiandade facer do viño sacramento, sangue de vida. E así o atopamos coa vide e os acios en parábolas, fábulas, contos... Pan e viño que significan tantas cousas herdadas, melloradas no tempo, arquitecturas, saberes, experimentación... Atinou Galiza dende o medievo  en escoller cáliz e molete de pan como símbolo do seu armorial...  e detrás disto traballo e unha forte economía que rodeaba reitorais, pazos, quintas , casas e conseguintemente a sedución, o enoturismo.



Tradicións que enxalzan o traballo e o misterio da vida, que se asocian simbolicamente co Cáliz do primeiro Xoves Santo, co que logo Xosé de Arimatea recolle o sangue do costado do Crucificado...Cunca transportada en periplo aos confíns do mundo, os países celtas, para ser o buscado  Santo Grial (sinónimo de Sangre Real) co que se bendicen liñaxes de rango. E velaí unha nova odisea, perigrinatio na súa demanda, como a de Arturo e os seus...raiceira das novelas de cabalerías que tanto incidiron na cultura europea, como en tolemias ou fanatismos.

Galiza, país de viñedos, de socalcos,  de lagares, con tan antiga historia, de adegas , como as de Vilachá  en terras do Brollón, as da Rúa en Valdeorras ou as de Gomariz, Paradela no ribeiro de Avia . Cavas, construcións consideradas na tradición como templos pagáns, escuros , de temperatura fresca e constante, entre variedades de pipotes e cubas con doelas de carballo ou castiñeiro, envoltas en abarcas antigas de madeira ou aros de ferro... onde o viño fermenta de vagar e colle pouso. Para, finalmente ofrecelo nas tabernas, esas institucións que Roma espallou co seu imperio, punto de encontro, onde se ofrecen os produtos da terra e saberes da cociña, onde se canta e se conta, onde aniñan tantas tradicións, as que tanto risco corren neste noso tempo, tan macdonalizado. Ben saben os célticos irlandeses defender os seus pub.

A vitivinicultura galega e o enoturismo

Historia da vitivinicultura galega, enxertada na súa propia cerna e modelos do bo facer haber hainos: véxanse viñedos e adega da Provenza , modélica na xestión do seu patrimonio cultural, por exemplo Beaujolais; como a Toscana  ou mesmo Cataluña, a Rioxa, o Douro portugués, os que entenden como facer das súas adegas catedrais, mesmo da contemporaneidade e dos seus produtos dignidade de país e para iso os seus museos. Así o entendeu o historiador da Arte Manuel Chamoso Lamas (1909-1985), ribeirao de Moldes (Boborás, Ourense) quen,  no II Congreso de Artes y Costumbres Populares, celebrado en Córdoba en maio 1971 presentou o relatorio La creación de Museos de Artes y Costumbres Populares en Galicia, actas  editadas en Zaragoza en 1974.  Proposta na que se refería a unha súa vella teima, algo xa tramado en 1969, que comportaba a adquisición de espazos significativos, históricos rehabilitar e revitalizar continentes e contidos , os oficios en relación co lugar, pioneiro pois na idea de ecomuseo. Como así se fixo coas pallozas do Cebreiro para Museo da Montaña, coas adquiridas casas de Combarro para Museo do Mar, aínda nun esperpéntico proceso...  ou en Ribadavia coa recuperación do pazo urbano  dos marqueses de Baamonde, tamén coñecida como Casa da Fundación, situada na rúa de Santiago 16, á beira da súa igrexa. Casona con orixes no sc. XVI, mercada nos anos da Independencia polo filántropo José María Martinez Vázquez, servindo de escola maristas. Chamoso recupéraa para Museo do Viño do Ribeiro. Comezouse entón  a  facer un plan museográfico relacionado coa vitivinicultura :  a xeoloxía,  vides, os tipos e orixe de vides, de emparrados... a reunir documentación e pezas que puideran servir á pedagoxía, dende  ánforas, fotos de lagares romanos, tipoloxías de socalcos, de ferramenta, podallas,  coleiros, molidas... de porróns, olas e alfares, odres, xerras de xunco trenzado, embetumadas en resina pez por dentro; tipos de botellas e etiquetados , propagandas e carteis, pipotes de todos os tamaños, coas súas doelas de madeiras de carballo, de castiñeiro, cos diferentes aros... o viño na literatura galega, nos refráns, cantares, como nas cantigas de Alfonso X que se refire ao bon vinho de Ourens, nos cancioneiros dos camiños de Compostela, nas narracións...e  cavilamos na novela da Pardo Bazán El Cisne de Vilamorta, onde a condesa muda os topónimos de o Ribeiro por el Borde e o Avia -Arenteiro polo de Avieiro... interacción de paisaxe/ paisanaxes .  Pensamos tamén na novela da donostiarra de ascendencia emigrantes galegos - o pai mariñeiro pontevedrés, a nai de Corme -  Dolores Redondo, Todo esto te daré, (Premio Planeta 2016), ambientada na Ribeira Sacra que cae ao Sil... seguido dunha proposta de itinerarios polos antigos camiños.  O plan de Chamoso complementábase  coa  ansia de rehabilitar e revitalizar a Ribadavia histórica, centrada polo seu castelo, capital dos cinco ribeiros,  igual que fixo con Compostela, Tui ou Pontevedra...  No 1951 autor dunha Guía de Ribadavia e que no 1962  levárono a ser nomeado  fillo adoptivo. Finado Chamoso aqueles espazos pasarían a depender da Consellería de Cultura e redefiniríanse como Museo Etnolóxico de Ourense. Despois, conveniaríase coa Igrexa  para dedicar a casona  do prioiro  de Santo André de Campo Redondo ,  o que dependeu do Compostelán  mosteiro de San Martiño Pinario,  para abrirse como Museo do Viño de Galicia o 19 de xullo do 2019.Nunca é tarde.

As cinco denominacións dos viños galegos e a súa espiral cultural

A Xunta de Galicia, dende 1996 distingue cinco denominacións de orixe oficial, cada unha delas cunha longa historia e mesmo subrexións, pola situación, tipos de chan, clima, variedades de uva... Viñedos inicialmente vinculados a mosteiros, igrexarios, como a pazos ou a casas aldeáns. Pois velaí o Ribeiro, no que incluiriamos os seus 5 ribeiros: Avia, Miño, Arnoia, Arenteiro, Barbantiño, con sona polo tipo de uva treixadura. A denominación Ribeira Sacra,  a que mesmo deberiamos precisar, do Sil, do Miño, Mao, Bibei... con socalcos trazados en empinadas abas e que fan que se coñeza como viticultura heroica, célebre pola uva mencía... A denominación Rias Baixas, ribeiras pontevedresas do Ulla, Umia, mesmo do  Miño  e do Condado do Tea sobre as que campa o castelo de Vilasobroso ; A denominación Monterrei , a que corresponde co val do Támega presidido polo seu castelo, berce de cabaleiros e santos. Viñedos caracterizados polo godello e polo tinto de mencía. Non queda atrás, a denominación e Valdeorras, seguindo o Sil,  temen cos seus brancos godellos e mesmo os tintos mencía. Habendo outras regulación e de longa historia, como os viños de Betanzos ou os de Padrón.

Montes ondulados deses ribeiros viñateiros achanzados en socalcos con orixes que van do mundo romano  ao medievo, seguindo ao século XIX...como os que debuxan a paisaxe do Santuario das Ermidas, en terras do Bolo, algúns recuperados, outros aínda  pardiñeiro .

Celebrados viños en festas e mais deberan a fin de desestacionalizar a concentración parcelaria estival. Presumir de ancestrais saberes, da arte da alquimia e das alquitaras, as augardentes, o licorcafé, o tostado, o eucaliptine, arte dos frades, abadesas e adegueiros... E velaí no Pazo de Arxeriz ( Saviñao)  a mostra da cultura da súa Ribeira Sacra, de viños, compañeiros da cociña:  troitas, anguías, magras de xamón, pementos, queixo...

Ben aquece neste tempos de profanacións, sustento do botellón, voltar a saber beber, ao saber vivir a brindar coas tradicións melloradas...como proclama a Orde dos Viños Galegos, instituída no polo sabio e lembrado Xosé Posa e Nemesio Barxa, aura de Ourense. O traballo dos Paadín, Luis e o seu fillo Alexandro , autores  das Guías de vinos destilados y bodegas de Galicia de cada ano; o de Xavier Castro  Los grandes vinos gallegos , co organización de cursos, sumillers, visitas, catas... Un potencial símbolo de madurez, de saber beber e vivir.

11 SETEMBRO 2026