As orixes da arte de Picasso na Coruña, unha inversión cultural en espera
Picasso (1881-1973) neno que pasa en familia na Coruña os anos de 1891 a 1895, faino acompañando ao pai como profesor na Escola de Belas Arte. Centro onde nacen moitas teimas na dialéctica do xenio, entre eles a da pomba como símbolo universal da Paz
Non aprenderon os poderes públicos o que significa a inversión no singular aporte á cultura universal. A vida pásanos por diante mentres facemos outras cousas, non tan importantes para a educación, onde radica tanto. Sabendo que na súa orixe as deputacións cumpriron un importante papel nas comisións de monumentos, nos Museos e academias provinciais...
E velaí tantas cousas que a Coruña e Galiza leva perdido: o códice hebreo Kennikott, agora en Oxford; as lousas da mesma época e procedencia que se mostran no Museo Sefardí de Toledo ou o códice maia do Museo de América... o Cristo gótico que foi da igrexa de Santiago para mostrarse no Mosteiro de La Rábida... as coleccións Romero Ortiz, Blanco Ciceron, Cuena, Orol... o Museo Eléctrico de Fenosa, o Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa.... como canto significan as pegadas dos anos dos Ruiz Picasso na Coruña, aos que as crónicas se refiren como un pesadelo, envolto nas sombras da morte de Conchita... as que prenden no neno que sería Picasso. Leccións de vida no camiño: Málaga, Coruña, Barcelona, París, a Provenza...
Estancia dos Ruiz Picasso na Coruña envolta nun ambiente de efervescencia atlántica, cidade na noite arrolada baixo o muiñar dos estralampos dun faro milenario. Peirao de arribadas e partidas, de americanos, do cine, da música, fotógrafos, arquitectos, da Academia de Belas Artes, de coleccionistas, a de Murguía e da Pardo Bazán, condesa na onda do naturalismo, seguindo ao provenzal Zola, paisano e amigo do pintor Cezanne, de quen naceu a deconstrución das formas e o cubismo. Dialéctica coruñesa de luces e sombras, de Eros e Tánatos, na que se enchoupa o neno Pablo Ruiz Picasso. E velaí as pegadas a rescatar: os mestres, os compañeiros, as obras... asunto no que teimou Luis Seoane, e quen máis, o xornalista Ángel Padín Panizo, como na actualidade Ruben Ventureira, cun meritorio traballo de localización de obra e recomposición do crebacabezas dos anos coruñeses dos Ruiz Picasso . Como proba as exposicións dedicadas, con publicacións que mudan as perspectivas e axudan a poñer á Coruña no universo. Capítulo das orixes, onde radica a orixinalidade do xenio.
Recompoñer os tempos que do Romanticismo dan paso ao Modernismo
Malia que a un tempo que se celebraba ao Picasso coruñés, coñeciamos como, no 2022, se adquiría á familia coruñesa Molezún Rebellón, por parte da Fundación Raimón Noguera, o lenzo El Palomar de José Ruiz Blasco (1838-1913) para integralo ao Museo Picasso de Barcelona. Obra lembrada polo fillo, Pablo, encargado de rematar con pincel fino as patas daquelas pombas, una vez hizo un cuadro enorme que representaba un palomar abarrotado de palomas... Figurate tu una jaula con centenares de palomas. Con miles y millones de palmas....así o recolle Jaime Sabartés en Picasso. Retratos y recuerdos. Mesmo se pode ver nas páxinas do albume coruñés, o Carnet de Picasso, hoxe no Museo de Barcelona, como o alumno expresa as súas teimas e segue os pasos do profesor Modesto Brocos: a luz e as sombras, os modelos do natural, as esculturas clásicas, o movemento...a teima polos contrastes, a tristura, a ledicia, a nenez, a vellez, a enfermidade e sempre Eros e Tánatos. Albumes de Modesto Brocos que foron adquiridos no ano 1986 pola Fundación Caixa Galicia, grazas ás xestión de Vicente Martelo e Fernando Esclusa. O historiador da Arte Chamoso Lamas tense referido a esta cuestión e mesmo dirixido en escrito ao pintor, como tamén sabemos que naqueles anos, cando falar de Picasso estaba prohibido pola ditadura, dende institucións como o Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, polo baixo, se dirixiron a Picasso. Non sabemos si contestou, nin daquela se contaría. Si, coñecemos un escrito de Picasso dirixido ao entón secretario da Academia de Belas Artes da Coruña, a mon amí José Luis Bugallal, asinado en Vallaurís, (5 de febreiro de 1960), cunha foto, autentificando o óleo dunha significativa tete de femme, Dora Mar. Enigmático asunto e Provenance aínda por determinar.
Outro gran Museo Picasso na Coruña...o que está de ser será e nunca é tarde
No 1997 a Deputación da Coruña preocupouse pola adquisición do edificio da rúa Paio Gómez Chariño 14, no que se sitúa o segundo piso no que viviu a familia Ruiz Picasso de 1891a 1895, arquitectura do prestixioso Faustino Domínguez Coumes-Gay, conservándose aínda tal cal. Máis adiantouse o concello e adquiriu unicamente o piso... Si ben un museo implica espazos amplos para a súa misión de futuro: acopio, conservación, exposición, marchandaising...
Tempo coruñés de Picasso tratado na exposición comisariada por Ruben Ventureira e Antón Castro no 2023, como tamén entre as teimas de Padín, contextualizando o ambiente finisecular, a confluencia de ismos. Era aquela unha Coruña con arrecendo a tabaco e chocolate, de corridas de toros e pregóns polas rúas, onde o porto era un atractivo... de habaneiras de fondo, onde imperaba o ambiente musical, Marcial del Adalid, Canuto Verea... con parladoiros de rebotica, de cafés, do Círculo de Artesanos ou do Casino, de espazos , como unha tenda de mobles , o 20 da Rúa Real que ofreceron exposicións a Ruiz Blasco como ao seu fillo Pablo, de 13 anos, este en febreiro de 1895 e con mellor acollida da crítica que a o seu pai.
As nostalxias viaxan cos Ruiz Picasso, cun Pablo de 10 anos que enxerga todo: unha treboada fixo que se apearan do barco en Vigo para coller o tren e entrar na noite na Coruña, un 6 de outubro de 1891... e xa o océano, o estralampos da Torre, como un pirulí de caramelo. O mar e o costumismo, temas pictóricos, non faltaron e aquelas pombas, das que Picasso fará símbolo da Paz... a enfermidade da irmán Concha, o ir e vir do doutor Ramón Pérez Costales, que fora ministro de Fomento na Primeira República, creador da Cociña Económica... a morte da nena, os funerais, o enterro no novo cemiterio do San Amaro... Ambiente gris, chuviñoso, os das nenas dos pes descalzos, co seu chal ao lombo, a saia roxa, como nun Espolio.
Ao respecto da museoloxía velaí a lección de Málaga, cidade que da nada, xestión tras xestión, converterase nun referente de Picasso, atopando aquí boa parte documentada do seu paso pola Coruña. Costa do Sol onde a Fundación Pablo Ruiz Picasso, aproveita e celebrar a figura do profesor Ruiz Blasco, recollendo datos do seu biógrafo, o malagueño Ricardo Huelin Ruiz- Blasco (1912-1991). O pai pintor que fuxe da solemnidade dos seus contemporáneos tamén malagueños, Moreno Carbonero, Martinez de la Vega, Degrain, Ferrándiz ... co seu marcado acento andaluz. Como moitos pintores do seu tempo e daquela súa terra, preocupados por canto implica representar, tanto o movemento como a natureza contida, afable, intima, inxenua, o bodegón, o paso da luz...Mi padre pintaba cuadros de “comedor” de aquellos que tienen perdices o pichones, liebres y conejos....
Ruiz Blasco foi o noveno, de once irmáns, fillo de Diego e Maria de la Paz, unha familia que deu de todo, cregos, vagamundos, comerciantes.... alto, roxo, pálido, con pencas, de ollos claros, por algo lle chamaban “el inglés”. Simpático, enxeñoso, preciso... Fai estudos na Escola de Belas Artes da súa cidade, co mestre Ferrándiz Badenes...tomando nota de Carlos de Haes, o holandés que dis, viña a emborrachar os seus pinceis coa luz e o viño malagueño. José Ruiz comezaría como profesor daquela súa escola, sendo a un tempo conservador do Museo Municipal. Un 8 de decembro de 1880, aos 42 anos casa con María Picasso, de 25 anos e o 25 de outubro nace o neno ao que bautizaran como Diego, José Francisco de Paula, Juan Nepomuceno, Crispín, Crispiniano, Maria de los Remedios de la Santísima Trinidad. No dia dos Santos inocentes do 1884 nace Maria Dolores e o 30 de outubro 1887 Maria de la Concepción.
Ao suprimirse a praza de conservador do Museo Municipal de Málaga, José Ruiz consigue a praza de Profesor de Dibujo y Adorno da flamante Escola de B. Artes da Coruña e en setembro de 1981, como nun sacrificio a familia parte á Coruña. No 1994 enferma de difteria Conchita, falecendo na véspera dia dos magos de 1895. A familia derrúbase... o pai enxerga a valía do fillo e entrégalle a paleta e os seus pinceis... Ofréceselle a oportunidade de permutar praza co pintor coruñés Román Navarro e un 16 de abril daquel mesmo ano, Ruiz Blasco toma posesión da cátedra de Debuxo de Figura na barcelonesa Escola de Belas Artes de la Loja, colle vacacións e vaise a Málaga. José Ruiz falece en Barcelona o 2 de maio de 1913.Tanto por contar...
23 SETEMBRO 2026

