O Colexio Maior San Clemente e a Residencia Universitaria Compostelán
Coa República inicianse os trámites dun ansiado proxecto, a Residencia Universitaria de Compostela. O arquitecto vigués Jenaro de la Fuente Álvarez é quen o realiza, a modelo dos colleges británicos e recreando sobre o barroco compostelán
A deshumanización descarada estende os seus tentáculos á universidade, con canto significa de valores éticos e estéticos, unidade na diversidade, escola de humanismo. Cando prima a economía e se especula cos solares, coa vivenda, crise habitacional e máis para quen se forma... Vendo como en Compostela, cerna de valores espirituais, esmorece un dos singulares edificios, o Colexio Maior San Clemente. Parte do que foi modélico campus universitario en difíciles anos, “A Residencia”. Excolexiais insistimos na súa rehabilitación e revitalización.
E detrás unha historia que se remonta ao modernismo, ambiente aínda con algo de troiesco, o 1919, cando seguidores de Montero Rios, de cariz liberal dinástico, reitorado e alcaldía dunha Compostela de clérigos, universitarios tunescos de Fonseca e dun rebulir de feirantes, acordaron crear, a modelo de Madrid, unha Residencia Universitaria. O sitio sería o Campo de don Mendo, entre o bosque da Condesa e a Ferradura, a “parte de atrás” da cidade, onde na nas festas se instalaba a praza de touros . Moveuse entón a burocracia, axudou o xornal El Correo Gallego e dende 1946 La Noche, avivando unha vella ilusión.
Será no 1928, coa ditadura de Primo de Rivera, cando se retoma o proxecto, para madurar coa república, baixo a iniciativa do reitor, o noiés, Alexandre Rodríguez Cadarso , deputado da ORGA. Gabinete que pon mans á obra, visitando en Vigo ao prestixioso arquitecto Jenaro de la Funte Álvarez, fillo de Jenaro de la Fuente Domínguez (Valladolid 1851- Vigo 1922, este Tenente de Enxeñeiros Militares, destinado en Ferrol, logo en Vigo... Arquitectos coñecedores das posibilidades da pedra de Galiza, do potencial artesán, como os canteiros, así como das arquitecturas históricas . De la Fuente Álvarez (1891-1963 Vigo) está influído polo herdo do seu pai, así como do arquitecto de Porriño Antonio Palacios Ramilo (1874-1945), referente entón polas súas obras en Madrid, Mondariz, Vigo e mesmo en Compostela, igual que o outro arquitecto implicados na liña dos presupostos da Xeración Nós, como Gómez Román.
Jenaro de la Fuente Álvarez e un plan urbanístico referente non ben respectado
De la Fuente Álvarez, con antolóxica obra en Vigo, escoita as propostas dunha cidade que desexa anovarse, encargándoselle, a máis da residencia universitaria, a Cidade Xardín, a Rosaleda, con chalés recreando sobre tradicións galegas: pórticos, solainas, a galería...abertas á paisaxe...os balaustres, abeirados do tellado tipo portugués, as chemineas...todo dentro dun urbanismo ao estilo panceltista. Mais non sempre se respectou tal filosofía, a fin de contribuír á dignidade de Galiza, o que se prolonga ao noso tempo, o de despachos mesmo dirixidos por universitarios e quizais por excolexiais formados en espazos que deberan deixar pegada.
A idea inicial era de un so edificio de residencia, propoñendo o arquitecto un plan integral que ademais de residencias para estudantes incluiría pavillón de deportes, casas de catedráticos, facultade de ciencias, casa de exercicios, observatorio astronómico, feito á medida das demandas do astrónomo Aller Ulloa, un estadio... Conxunto inicialmente centrado por unha fonte e sobre dela a monumental estatua de Santo Tomás de Aquino, patrón de estudantes, o que logo se simplificaría cun estanque. Xa, dende 1929 se tiña trasladado á gran escalinata da Ferradura, deseño do arquitecto Candeira Pérez, a escultura de Ventura de Figueroa de 1899, clérigo asesor de Carlos III. Conxunto posteriormente complementado con parterres centrados por farois sobre banco... Plan urbanístico de Jenaro de la Fuente aberto ao futuro de novos arquitectos, suspendido pola guerra, retomado na posguerra polo reitor Legaz Lacambra. Entón aceléranse as obras do colexio iniciado no 1930 e que levaría o nome do ditador, para ser popularmente El Franco ( logo honrando a memoria de Rodríguez Cadarso) . No1942 será rematado o seu xemelgo, tamén de tres pisos, catro en torre aberta en ollos de boi. Colexios cunha acollida para 100 persoas, este recibirá o nome en honra do bispo renacentista Xoán de San Clemente. Chegando ao 1949 anos do influínte arcebispo e logo cardeal Quiroga Palacios e até o 1957 do alcalde Otero Aenlle, teimudos en rematar o plan.
Co inicio dos anos 60 aceléranse obras e inaugurase o edifico central, dedicado ao bispo Fonseca, no 1961 será a Facultade de Ciencias, lucindo no tímpano a escultura de Minerva do escultor Xosé Ferreiro, a que no neoclásico coroaba o tímpano do edificio Central da Universidade. Construíndose ademais un pequeno edificio para Consello Superior de Investigacións Científicas co que se pretendía ligar o espoliado Seminario de Estudos Galegos. Espazos que, medrando a universidade, conformarían o chamado Campus Sur, a un tempo que neste país tan propenso ao intervencionismo, á chafallada, a que, para máis inri se acuñará como feísmo gallego, iranse engadindo innecesarios gastos de afeamento.
Urbanismo de Jenaro de la Fuente trazado dende un espírito en relación coa area atlántica, cos campus e colleges de irlandesa e británicos. Construcións en pedra, re-creando sobre o compostelán barroco de placas, de Sarela, Simón Rodriguez... sobre a filosofía dos pazos: edificacións unidas, a modo de claustro, por corredores asoportalados. Cos seus balcóns, cuartos abertos á natureza, aos camelias, magnolios, amieiros, cipreses... Na entrada do San Clemente queda labrada a data e nome do arquitecto.
Espazos para unha historia de convivencia universitaria
O interior destes edificios estaba decorado seguindo o estilo rexionalista, con lámpadas tipo holandés, mobles sólidos de madeira, mesas e cadeiras... e coas que logo me reencontrei nun mesón da Cañiza, mesmo coas iniciais dalgún colexial labradas a navalla . Pois nos anos oitenta o conxunto do San Clemente recibiu unha rehabilitación integral, pasando a ser mixto. Fonseca ambientado con pinturas de Pesqueira, o San Clemente con tintas de Abelardo Bustamante...pregúntome onde estarán, como un homenaxe ao bus colexial FETO, ( mural coa súa matrícula e foto) que campaba a carón da lareira.
Residencias inicialmente integradas no Sindicato Español Universitario, xa creado na República pola Falanxe fronte a Federación Univ. Escolar, única organización estudantil reorganizada polo franquismo, con canto isto significaba, até que nos 60 apareceron agrupacións clandestinas.
Residencias universitarias dirixidas por significados profesores, inicialmente polo doutor, encargado da Farmacia Militar e profesor Alberto Giráldez Dávila, seguido polo filósofo Carlos París, que, contra fío organizou conferencias con intelectuais controvertidos , Alfonso Sastre, Eva Forest, o cineasta Juán Antonio Barden...actividades non ben vistas polas autoridades, dando paso na dirección ap prehistoriador Alonso del Real, coñecido polos colexiais como Ovejo polo rasurado de cabelo, teimudo nas súas teses celtofóbicas. No fin dos sesenta encargouse da dirección o profesor Fenollera e logo, de 1971 a 1984 o de química, Alberto Arce, cunha intensa e meritoria labor, facilitando aos colexiais desenvolverse expoñendo en conferencias as súas pescudas, como a quen isto conta, que mesmo creou un Seminario de Estudos Galegos. Centro cunha expresiva revista, Lume, tanto en castelán como en galego...e un retranqueiro mural do acontecer que campaba nas paredes , o Fécula. Seguindo as conferencias como a do dramaturgo Lauro Olmo, Vitoria, Fernandez España...e un lembrado asesor que sería subdirector Xose Anxo Fernández Roca, factótum, enxeñoso, creando iniciativas, entre sobranceiras festas , guateques incluidos, coas celebérrimas carreiras de burros, nas que se poñía a proba quen era máis asno.
Colexio na miña promoción 64-75 cuns 100 residentes procedentes de diversas partes do estado e de Galicia, algúns recibindo nomes da súa procedencia, Canario, Foz, Trabadelo, Alija, Valdepeñas...servidor era O Carballiño, en teoría de férrea normativa con porta pechada ás 12 e cunha xanela aberta para quen trasnoitaba, todo unha metáfora. Así pois ambiente liberal, familiar tamén aínda que tamén dentro dunha aparente xerarquía de consiliarios, veteranos, futricas ... Curso iniciado coas crueis futricadas, novatadas, un xeito de rito de pasaxe, con himno incluído “Soy futrica señor veterano de un respetado Colexio maior.... obligaciones sagradas yo tengo...” desfiles pola cidade, subida e baixada das maletas dos veteranos, convidalos......comedor de almorzo, xantar e cea, servido por entrañables traballadoras, Mari, Concha, Maruja...cama feita, lavado de roupa...Campus vixiado por mais decorativo sereno que eficaz, vestido de pana, correaxe e gorra, supervivente dos villeu troiescos, entre trasnadas, petardadas ... asalto ás tunas que pretendían dar serenatas ás colexiais de Fonseca, aturuxos..
E agora a chamada de atención pola falta de humanismo, contrariamente aos principios universitarios.
3 OUTUBRO 2026

