Sobranceiras e sacras penedas que asoman na paisaxe galega

Ampliar: Pedra Filga en Caldas de Reis



Galiza ofrece atractivas formacións gratícas, as que dende a prehistoria recibirón cultos, ás veces asociadas con petróglifos, epígrafes, con ermidas e cruceiros que as cristianizan... monumentos naturais que deben preservarse xunto coa súa contorna

En todas as culturas son respectadas, admiradas e mesmo se lle outorga divindades ás grandes formacións pétreas que asoman na natureza. Penedas erguidas, ídolos,  arredor das que se fai festa, busca acubillo, dende as que ver, onde acoller adegas ou pastorear. Consideradas sacras, voas que se asocian divindades, igual que vos pontiagudos montes, faros, altares ao fin e ao cabo, achegados ao sobrenatural. Resultado do movemento da codia terrestre, luídas ou rachadas pola erosión, a chuvia, o vento, os raios... collendo formas estrañas, nas que, co devalar da luz do día se queren ver monstros e que no horizonte compiten coas nubes.

 Quedámonos pois aquí con algunhas das singulares rochedos de Galiza, coas súas formas, mitos e ritos. Sabendo, a un tempo, daquelas de sona  que caracterizan os países célticos, como en Gales, a patria de Merlín, conxuntos que se asocian coas súas trasnadas e meiguerías; no Atlántico irlandés a illa-rochedo, o mosteiro de Skellig Michael , en diálogo co océano dos atlantes como os farallóns do Land´s End da irmán Cornubia... o labirinto pétreo de Perros-Guirec na Bretaña, as rosadas Calanques de Piana, en Córcega, nos Alpes italianos os Dolomitas de Belluno... na Occitania gala o rochedo acastelado de Monségur, como nos Picos de Europa o Picu Urriellu, en Portugal a Penha de Guimâres... ou San Juan de la Peña en Huesca,  Monserrat... Algúns deles asociados co acocho  de reliquias, como o demandado Santo Grial, base do Sangue Real ... Entre outros,  o Torcal de Antquera, a Cidade Encantada de Cuenca,  o estremeño berrocal de Trujillo, os bolos da Pedriza no Guadarrama... chamativas formas sobre as que, por algo nos empeñamos en poñer a cruz, cima dun calvario, dunha ascese. E tantas neste planeta con cortiza formada de silicatos, moi variadas rochas e augas.

Pedra, parte da identidade galega, como das irmáns nacións celtas, materia prima da súa cultura. De pedra é a súa osamenta, o chan, a casa, o altar, o cetro,  a sepultura...Onde tampouco falta a teoría de que o topónimo de kallaecia teña que ver con coios, callos, kallaicoi como habitantes entre pedras... Dis que tamén con canle aberta na pedra, Portucalem...E si non é vero é  ben trovato....Isidoro de Sevilla di que o, kal,  gal, galacteo... en relación con gálatas, galos e tantos nomes de cariz prerromano, céltico,  asóciase con lácteo, branco.

Sobranceiros monumentos naturais sempre ameazados pola arrogancia

  Solemnes paisaxes, penedos, rochas ou castelos, arrodeadas da aura dun sedutor misterio, o que a tradición pon en relación coas mouras ou os mouros, os devanceiros, os memorados, cos seus tesouros, vexase o listado que ofrece o que foi popular grimorio atribuído ao mago San Cibrao, o Ciprianillo. Buscados e celebrados sitios na noite do San Xoán ou abrindo ao tempo escuro dos Magostos, para cultos vencellados cos Catro Elementos. Xornadas nas que se conta asoman as mouras e a galiña dos sete pitos de ouro.  Velaí  a que chaman Cabeza do Xentil, ídolo labrado e polícromo sobre a Peña Tú (LLanes), o posterior santuario de Panoias en Vila Real, con constancia epigráfica do culto a divindade oriental Serapis, como no Cabezo dos Frades en Guarda, o rito da suevetaurilia (sacrificio de 3 machos, touro, cabra, porco)  Litolatría,  ritos considerados pagáns polo cristianismo. Volvendo entón ás teimas do panonio (Hungría) Martiño de Dume (sc. VI) e á súa insistencia en anatemizalos, esconxuralos en concilios como os de Braga,  Toledo e máis alá, Tours, Arlés...Cultos comúns na Galia  como na Gallaecia célticas, propoñendo a ermitáns, ebrios de Deus, erguer ao seu carón ermidas labrar o seu sartego. Sobre as que se expresaron sentimentos en petróglifos, epígrafes, cruces, ás veces  de termo, para delimitar terras, como ben estudou Ferro Couselo. Sempre na mente os penedos de Serres, en Muros, coa Laxe das Rodas, ou no Val Miñor a gran laxe que coroa o Monte Tetón, co gran circulo concéntrico. Monumentos non sempre ben respectados por esa outra arte das pancas, da dinamita, de maquinaria pesada, facendo delas canteiras Aínda así, a pesar das redes de estradas, do urbanismo, do vandalismo, este confín segue a ofrecer  a sensibilidades afeitas xa a megalomanías as sempre respectadas penedas.

Tema das pedras sacras acollido polo espírito dos patriarcais sabios románticos, tratando de afianzar a identidade galega:  Barros Silvelo, Verea y Aguiar,  Vicetto, Murguía, Conde Balvís... e quen máis  - seguindo as recomendacións de Risco e de López Cuevillas, dentro do  programa do Seminario de Estudos Galegos -  o verinés Xesús Taboada Chivite, autor de O Culto das Pedras no Noroeste Peninsular, discurso co que entra na Academia Galega o 20 de novembro de 1965, contestando o etnógrafo Xoaquín Lorenzo, Xocas e faino lembrando o que dicía Castelao dende o seu espírito priscilianista, panteísta: Teño medo de morrer fora da Galiza, porque quixera que a miña carne pasara a ser terra da nosa terra¸ o meu sangue auga dos regatos e os meus osos penedos dos nosos montes...  Estudosos das orixes, nas que dicían radica a orixinalidade, encadrelando a Prehistoria, antigüidade coa antropoloxía, atopando formulas etnoarqueolóxicas, as que compre sumar novos aportes, como os de Carlos Solla ou  a obra de Martín Almagro Gorbea e Fernando Alonso Romero, Peñas Sacras de Galicia (2022).

Un inacabado viaxe fantástico e iniciático entre as penedas de Galiza

Viaxe polas sacra saxa, como rito de pasaxe  que debera comezar polo penedío Pindo, coroado pola Moa, cuberta  de lacus , pozas redondeadas pola acción das augas e das sales... a mole de Penafiel na súa aba co epígrafe do 1130 que excomunga a quen practique cultos naqueles castelos; o Capelo do frade,  o Guerreiro, os Xigantes, a cova da Xana, ben sabidos de Xosé Bareiro Barral, autor de Los montes del Pindo: Olimpo celta y desierto de piedra (1987), como Pepe de Fieiro, afeito a subir guiándonos, como a Pedro Marfany Vilarassu que tamén escribiu sobre o tema, como sobre as Penas Santas do Facho fisterrán, entre elas a cova da bruxa Orcavella, do ermitán San Guillermo, cristianizando cultos fecundativos cos que non poido...  como tamén sobre as penedas de Traba, vixiantes de terras, berce da máis sobranceira fidalguía. Pepe Galovart tamén se enguelledou no tema. E as penas de Oulego, moles de cuarcita, en Rubía de Valdeorras, coa lenda do paso de Roldán e de doncelas petrificadas, no camiño Real dos bicos do Courel,  como a Tara branca, cantada po Novoneyra.

Nas Prosas Galegas, Cuevillas dende o seu espírito celta, terreal e cosmogónico, na interacción paisaxe-paisanaxe, reconstrúe a paleopaisaxe deste vértice peninsular, sobre o que asoman as veneradas penedas. Xa temos dito noutra que moitos castros escollen sitio para defenderse con muros e foxos, castran montes, respectando outeiros coroados por sobranceiras pedras, como no Chao de Samartín (Grandas de Salime), a un tempo que o reaproveitan como canteira. No monográfico sobre a parroquia do Velle, os autores, Cuevillas, Fernández Hermida e Xocas, refírense a aquelas penedas que abeiran o  Miño, irmáns da que coroa o Monte Alegre e sobre a que se realizan cultos de fecundidade... como no Carballiño a Pena dos Namorados ou mesmo as da Picaraña en Ponteareas... Cuevillas escribía en Noite na Citania: ...pedra serei entre as miñas pedras e cando ela desaparecen eu tamén desaparecerei. Pó dos seus camiños, peneda ouricelada diste monte,  lumieira de porta bicada polo sol...

Monumentos megalíticos, penas insculturadas ou non, bautizadas segundo as súa propiedades ( funerarias, de sacrificios, agoreiras, fertilizantes, de termo...), como pola súa forma e propiedades: abalandeiras, furadas, da auga,  negra, moira, do raio (ceraunias). Velaí en Muxía, a carón do santuario da Virxe da Barca a Pedra dos Cadris, a de Abalar, que se di como os restos da barca na que peregrinou a Virxe... e as pedras do Demo, o Perello. Sobre Vimianzo o San Bartolo e tamén o Monte Faro coa furada Pedra do Encanto, desaparecida polos buscadores de rochedos ornamentais...En Corme a Pedra da Serpe de Gundamil, ara natural sobre a que se labrou unha serpe alada e se  ergueu un cruceiro. E eses montes, o Leboreiro  co santuario da Peneda (Melgaço), San Pedro de Rocas na Ribeira Sacra de Esgos... en Leiro a serra de Pena Corneira, como unha cóbrega de sete cristas... A Pedra Cabalgada do Brazal  en Olveira...As Penas de Rodas en Outeiro de Rei, cantadas por Manuel María, como o grande bolo da Mazafacha no Xalo de Carral ou Santiaguiño do Monte asociado nas lendas coa Raíña Lupa e coas predicas de Santiago. En terras de Tordoia a Pedra Longa...E xa non digamos, coroando o Monte Seixo, Terra de Montes a Porta do Alén ou en Caldas de Reis a Pedra Filga... xigantescas formacións naturais.

9 OUTUBRO 2026