A aura de cultura e paixón do profesor Beiras

Ampliar: Beiras asomando na casa da Reboraina de Aguiar. Foto La Opinión



O profesor de Economía da Universidade compostelán Xosé Manuel Beiras (1936-2026) é figura clave na renovación do nacionalismo galego, despois de Bóveda. Con seductora aura de lider, propenso a alianzas, as que memo desvirtuaron a súa teoría e ansia

Xosé Manuel Beiras Torrado, acaído profesor dende o final daqueles rebeldes  anos sesenta, vestidos de trenca, barbas e melenas, cubertos de boina e estrela, ao estilo Che, os que seguiron as revoltas estudantís  do maio francés . Días dos cantoautores, dos contundentes versos de Manuel María, Novoneyra,  Ferrín, Celso Emilio... da  creación de agrupacións culturais con suxestivos nomes:  o Galo en Compostela, o Facho na Coruña, Auriense en Ourense, Abrente en Ribadavia, Avantar no Carballiño, Sementeira en Carballo... renacer cultural. Cando The Beatles lle poñían banda musical  de peace  and love ao mundo e renacía a aristotélica conciencia de zoon politikón. A igrexa volvía as súas orixes de liberación, mentres a férrea ditadura franquista seguía a perseguir e a fusilar á discordancia. Os libros perseguidos mostrábanse  en ritual de silencio nas trastendas de librerías, Tanco en Ourense, Seoane en Pontevedra, Librouro en Vigo, Arenas na Coruña, como na compostelán Rúa do Villar e en ambas cidades, Eduardo Hernández... As  vietnamitas e a chuvia de panfletos,  as primeiras pintadas, aquela inacabada na baixada da compostelán Ferradura á Residencia : LOITAREMOS CONTRA A RERE... alguén cavilou que Arere era un represor, non,  era a frase inacabada dun nervioso grafitizador que tentaban poñer Loitaremos contra a represión.  O berro era Galiza Ceibe!!. No Miño ourensán, entre unha nova revolta irmandiña se erguía o encoro de Castrelo.

O idioma galego co sedutor pouso da memoria, da Historia, da cultura...

No estrato da conta vital un remata sendo o que fixo. A formación de Xosé Manuel Beiras radica nun sólido ambiente cultural, o idioma, a historia, a arte, a literatura, a música... cultura necesaria para sedución. Vida e obra que  se enxerta na espiral da anovación das teorías dos inadaptados, ao estilo irlandés, seguindo o ronsel de Nós (plural e distinguido). Diferente, catedrático de Estrutura e Institucións Económicas en Compostela, con máis que sobresaínte curriculum: formado na súa cidade, pasando pola Sorbona , na Londóns School  of Economics and political  Sciencies, no no Institut de Science Économique Appliquée de Paris... anovando a teoría económica  de Bóveda, enxergando Galiza dende Galicia.  Lembramos unha conferencia de Beiras no paraninfo de Fonseca, presentada por Otero Pedayo cun esta esperanza que eu tiven de neniño no colo... Alexandre Bóveda e Galiza como ensoñación” (2009) é artigo de Beiras que expresa aquelas súas ansias.

Xosé Manuel Beiras naceu en Compostela un 7 de abril do 36, familia de nove fillos, a da viguesa Herminia Torrado Moldes e Manuel Beiras Garcia, este formado na Escola de Comercio dunha rebuldeira Coruña,  seguidor do sentimento tradicionalista, céltico-cristián que propagaba Risco, sendo no 1931 un dos fundadores do Partido Galeguista  e que no 1935 , ante o cariz do ambiente apartase do Fronte Popular para seguir a escisión de dereita galeguista, protagonizada por Filgueira e Risco. Xosé Manuel  asume a intelectualidade de Risco, aínda que se pon á esquerda, velaí o seu análise en Vicente Risco e nós: Notas pra unha leria, (Grial  1968), abondando sobre a autodesalienación e a descolonización da persoa e do pobo... Familia que vive na selecta Rosaleda compostelán, arquitectura dentro das ansias do sentir galeguista, deseñada por de la Fuente Álvarez. Espazos de parladoiros sobre  o futuro de Galiza, entón disfrazados  de culturalismo:  García Sabell, Ramón Piñeiro, Maside,  Bouza Brey , Mosquera, Fraguas,  Sixto Seco, Albor... de cando en vez, con Otero Pedrayo e outros. O mozo Xosé Manuel enxergaba e ensarillaba aquelo coa obra de Marx, Gramcsi, Camus... Casa  coa profesora de francés da universidade compostelán Tereixa García-Sabell,  matrimonio do que naceron dous fillos varóns. Péchanse os coutos, medran as sombras e aniña a depresión.

Os anos oitenta supoñen un viraxe,  a crise de ansia esvaece, fende co núcleo de Garcia Sabell e retoma o camiño. Vencellase entón como parella á creadora Aurichu Pereira Carballo , divorciada a súa vez de Salvador García Bodaño , referentes na actividade cultural compostelán, no 1961  fundadores de O Galo, no 1974 da Galera de Arte Grido, do Museo do Pobo Galego... Aurichu xa  coñecía a Xosé Manuel dende a súa infancia e  a que el definía como a súa protectora euménide . Pasando a vivir a unha casiña empoleirada sobre  a Amaía de Brión, Aguiar, a que lembrando a Otero Pedrayo chamaría a Reboraina, (pequena carballeira), arredores das Torres de Altamira, berce dos Trastámara.

Continuar e anovar a misión de Castelao e Bóveda

Anos do inmediato posfranquismo nos que na biblioteca de todo home ou muller considerada progre había obras, non fáciles de atopar, como en inicio foron os albumes de Guerra de Castelao ( Valencia 1937 e N.Y no 38) e o Sempre en Galiza ( Bos Aires 1944) tan perseguidos...entre outros que rompen a raia da censura, como Los conceptos elementales del materialismo histórico, una introducción crítica al Marxismo, de Marta Harnecker (1969, México), El retrato del Colonizado  (1971) de Albert Memmi: o colonialismo nega os dereitos humanos, sometidos pola violencia e aos que mantén pola forza na miseria e na ignorancia, na subhumanidade...  e o libro de Beiras, que supón un antes e un despois, unha fazaña da Editorial Galaxia, O  atraso Económico de Galiza  (1972). Entón cos estertores da ditadura van aparecendo novas editoriais, xornais, novos compromisos, logo a obra de Alonso Montero sobre o estado da cuestión do idioma galego e a contestación dun profesor que conciliaba teoría e praxe, Francisco Rodriguez Sánchez, os aportes de López Suevos sobre a Economía Galega , a Problemática Nacional e o colonialismo. O Caso Galego (1978), as posteriores actualización do profesor Camilo Nogueira Para unha crítica do españolismo” (2012)...

A necesidade de ferramentas políticas para un país coa ansia de SER no mundo

As clases, os libros, os mitins de Beiras comparten un meritorio esforzo pedagóxico e positividade,  artellados no análise histórico da estrutura económica até o presente e cara ao porvir. Analiza o subdesenvolvemento, o dualismo, a dependencia e o colonialismo interior, as súas causas e efectos ensarillados: a frustración social, a emigración, o raquitismo burgués, a insolidariedade institucional, a colonización financeira... Entón o ruralismo, o minifundismo, os foros, a inhibición empresarial, o caos agrogandeiro... a ignorancia, o individualismo e engadiriamos tantas fórmulas de neoesperpentos, síntomas do atraso.  Teimando en que o remedio está, primeiro en asumir a cuestión e , de seguido, a busca de ferramentas políticas para a soberanía de decisión, control dos recursos, artillar o sistema produtivo... Así, obreiros e sindicais asumiron o nacionalismo, vencellando a cultura académica e popular.

Nunha sociedade de anxos e demos, de feridas e cicatrices, un Beiras disposto ao diálogo co mesmo Fraga co que lle tocou lidar no Parlamento de Galicia, no 1993, nun desacordo petando co zapato no escano, ao estilo Jrushchov ...a cea de ambos no Vilas e saír  Fraga eufórico cun Se acabó la guerra fría.  Beiras concilia o marxismo non dogmático co nacionalismo, salientando en que, cando fallan as estruturas do Estado aflora o sentido común nacional e facíao tendendo pontes, buscando alianzas estratéxica con forzas federais estatais, das que non sempre saíu ben parado: no 1963 fundador do PSG, no 1982 converxendo co BNG; no 2012 na asemblea de Amio cando a súa proposta perde e programa a escisión... Discurso aquel dun Beiras erguendo unha camelia vermella  no puño , a que se esfolla... nace ANOVA, Alternativa Galega de Esquerda,  no 2016, En Marea... no 2024 reconciliándose co BNG  nas autonómicas do 2024.

 Coa aura do santo dos croques, o encanto de carismático líder e máis na era da imaxe... Cada Día da Patria Galega era esperadas a súa arenga na Quintana de Mortos e de Vivos, como il dicía, estando fartos de ser unha colonia. Enleados na crúa loita pola existencia como galegos e traballadores, impensable sen a base material do noso país. Non queremos vivir de esmola... Criticando daquela a  barbarie en Bosnia, en Chechenia, convertida nun espectáculo... e peor virá. Criticando o telelixo , o consumo, a Europa Caníbal que  mellor se debera cantar. Reivindicando o humanismo de Platón, de Sartre, de Rosalía, Oscar Wilde,  Companys....   

Salvando xeración e espazo, con non tanta cultura e camiño andado, atopamos relacións de Beiras con Rufián, propensos ao espectáculo, á retranca, tentados pola medusa das alianzas.

16 OUTUBRO 2026