O sempre celebrado arquitecto galego Antonio Palacios

Ampliar: Antonio Palacios Ramilo, arquitecto



0 27 de outubro de 1945, aos 71 anos morre na súa casa madrileña de El Plantío o arquitecto Antonio Palacios. Recibe sepultura nun nicho na sacramental de San Lorenzo, até un 30 de outubro do 1976 cando os seus restos se levan ao seu Porriño natal

Sempre hai motivos para celebrar algo, cos seus dias, os seus oficiantes e comercio tamén. O que non sobra neste país do rio do esquecemento, tan propenso a perder memoria, a súa distinción e a propia historia, entre tanta invasión de noticias e propagandas.

Lembramos pois que un 27 de outubro do ano 1945 finou na súa casa  do Plantío, nos arrabaldos de Madrid, o arquitecto de Porriño Antonio Palacios, Ramilo. Calle José Lomaba Iglesias, 24, á beira do fluír da nacional VI que leva a Galiza. Casiña de planta octogonal que habita pouco máis de tres anos,  dende 1942 até o seu final. Elemental construción pese á propensión do arquitecto ao simbolismo, á teatralidade de habilidades artesáns. Co  “el cuarto de no estar” de 2 x 2 metros e onde , de pe, debuxaba e proxectaba as súas derradeiras obras e inquedanzas, entre elas  un templo-relicario para un lignum crucis, a Veracruz do Carballiño.

Aquel seu chalet  do Plantío  estaba feito a súa medida, o que pese ás celebracións, agora está no brete, sometido a un desmesurado plan inmobiliario. A máis pequena vivenda que fixo aquel arquitecto tachado de megalómano,  por proxectar monumentais encargos, como o Palacio de Comunicacións en Cibeles (1907-1919), o acceso ao Metro, rede de S. Luis (1918), ambos xunto co enxeñeiro Otamendi;  o que hoxe é Instituto Cervantes (1910), o Círculo de B. Artes (1926)... o Hospital de Maudes ( 1908-1916) e tantos edificios bancarios, de vivendas  ou palacetes... transformando e dándolle identidade ao Madrid do modernismo.

 O templo do Carballiño  foi resultado da teimosía dun párroco ansioso de construír, na posguerra, un palacio para Dios, Evaristo Vaamonde da Cortiña. Influído polo círculo intelectual ourensán da singular Angelita Varela, Marquesa de Atalaya Bermeja, asesorada polo sacerdote, bibliófilo e escritor Antonio Rey Soto. Parladoiros onde  Vicente Risco se inicia nos misterios da Teosofía e do sobrenatural,  asuntos que tanto influirían na ética e estética celta-cristián dos seus compañeiros da Xeneración Nós (plural e distinguido, asentaba Otero Pedrayo).  Asorey, Jenaro de la Fuente Álvarez... participarán naqueles encontros, onde Palacios recibirá encargos para a catedral ourensán, así como o do Carballiño.

A sensibilidade de Palacios estaba imbuída dos ismos , así como da decadentista filosofía finisecular, cando a industria  ameazaba ao artesanado, ao tradicional, á identidade e se anunciaba a campante uniformidade  global. De cousas así falábase naqueles encontros e mais no tempo estival no Gran Balneario de Mondariz propiciados polos seus propietarios, os Peinador. O mellor da intelectualidade galega era convidada a animar un ambiente moi metido nas ideas de rexeneración humanista e máis sendo o seu relacións públicas o poeta de Cambados Ramón Cabanillas.  A presencia de Antonio Palacios facíase imprescindible. Ao respecto non faltan revistas, documentos, fotografías...  onde moitos daqueles creadores, entre eles Castelao, avivaron as ansias de re-crear sobre as tradicións, sobre a Arte Galega. E velaí os “Artistas da raza”:  na poesía de cariz bárdico, Cabanillas; na  arquitectura Palacios, na escultura Francisco Asorey, na pintura  Sotomayor, Camilo Díaz...

Palacios o arquitecto da pedra, dos canteiros e da interacción entre historia e creación

A arquitectura de Palacios e máis a realizada en Galiza acóllese e circunscríbese nun xeito de triangul , Santa Trindade conformada polas pedras, os artesáns e a historia da arte, fundindo  tipos de pedras, de saberes dos canteiros e estilos propios desta cultura de encrucillada. Creador que enxerga nos seus viaxe por Europa, polo Mediterráneo e máis por Galiza, como por Portugal, acompañado do seu irmán Pepe ou da súa muller Adela Ramírez e en moitas ocasións de Valentín Paz Andrade, tal como el nos conta.

 Dende o encargo da Fonte do Cristo para Porriño (1905), Palacios porá en valor as pedras da saídas das canteiras do seu Porriño natal. Sendo quen incentiva este recurso, a un tempo que propón a salvagarda das  monumentais e consideradas pedras sacras de Cans, da Picaraña...con esas formas de monstros e con tantos mitos e ritos ao seu redor. Será a familia de Palacios  Ramilo a que comece e prosiga coa explotación de tal riqueza, pedra que o arquitecto reclama para a súas obras. O segundo vértice dese triangulo son os artesáns, cos seus saberes herdados e sobre todo os arxinas, os canteiros...entre eles as experimentadas sagas familiares  dos arredores de Ponteareas. O cemiterio desta vila merece coñecerse, así como a casa-muíño Paramés (1920) deseñado por Palacios nas ribeiras do Tea. Preocupado tamén  pola carpintería, pola forxa, polos vitrais, cando entón abundaban as industrias do vidro, a cerámica... artes que aplicaba dende  a súa faceta de deseñador. E o terceiro ángulo: a historia da Arte Galega, á que tanto ten aportado o megalitismo, os chantos, velaí, ergueita ao ceo e cara ao mar a Virxe da Roca, Baiona(1920). Coñecedor do xeito de construción dos castrexos, comezando polo Tegra, para o que deseña o museo (1920)...  Saberes que pon a proba na arquitectura industrial da Central do Tambre, Noia,  (1927))... Sumando ao seu saber os herdos clásicos dos que da proba no templete da Fonte da Gándara en Mondariz (1908), así como na cantoneira que ocupa o edificio para botica do seu irmán Pepe e na que sintetiza as querenzas:  a conxunción do arco e do lintel, rematada polo peite  de linteis, como a súa sinatura,  baixo a que está o mosaico que pon Botica Nova de Palacios (1909). Clasicismo que campa sobre todo nos grandes edificios do seu plan urbanístico de Vigo, na mente o modernismo vienés e innovacións co formigón...E para o deseño dos templos, o seu é o románico, o císter de Oseira, Melón, Acibeiro, Carboeiro....en Portugal Alcobaça. Pois, como moitos dos galeguistas asumía que no románico  enraizaban as esencias dunha Galiza enxertada nos camiños de Compostela, os que artillan a Europa dos mitos artúricos, retomados polo compositor Wagner...o trunfo da xeometría, dos contrastes barrocos.

Arquitecto que deixa infinidade de apuntes, de cadernos de viaxe, parándose en arqueoloxías,  falando cos artesáns e de xeito especial cos saberes dos canteiro que el trataba de exhibir

Un legado arquitectónico con espírito que compre saber entender e protexer

O edificio do Concello de Porriño expresa o que vimos dicindo:  o mesmo pórtico é equilibrado mostrario de pedras, nas súas columnas, bases, capiteis, doelas... así como de tipos de labras... Conxunto onde manda a inspiración medieval, sobre a que re-crea, onde o relixioso se vencella coa arquitectura civil, a dos castelos e pazos da aristocracia galega.

E a derradeira obra, a que resume aquelas ansias,  a Veracruz do Carballiño, tan cavilada e despois de tantas experiencias acumuladas,  feitas como foi o Templo Votivo do Mar, Panxón, de torre ergueita como un faro de Esperanza; o interior re-creando sobre a arte mendicante, sc. XIII... o proxecto para o templo do Sagrado Corazón na Guía (1930)... non realizado e planos que readapta para a Veracruz do Carballiño cun hostal do Peregrino, onde o arquitecto  atopa outra Santa Trindade que a fará posible  o templo: o fervor dun párroco, don Evaristo Vaamonde da Cortiña (1880-1961), que cree nos milagres do porteiro xesuita de Deusto Francisco de Garate, do Sagrado Corazón... contando cun  singular canteiro construtor que se identifica coa linguaxe do arquitecto, Adolfo Otero Landeira. Obra iniciada nos tristes anos da posguerra, 1943, e que se pode dar por rematada no 1962. Arquitectura con tanto de ascese, busca da cosmogonía, do sobrenatural arredor dunha reliquia, así o di na memoria. A torre como un cruceiro na encrucillada.

Conmemórase agora  aquel 30 de outubro de 1976 cando dende o sinxelo nicho do cemiterio madrileño da Sacramental de San Lorenzo e San José se trasladan os restos mortais do arquitecto a onde e como el quería: o cemiterio de Santa María da Concepción do Porriño. Cadaleito conducido a ombreiros de canteiros, con sepultura sobre a que se pon un gran bolo de pedra co inscrición Antonio Palacios, Arquitecto. Logo o exceso de celo e o intervencionismo encargarase de poñer outras innecesarias placas.

 Sirvan pois as conmemoracións, para manter o espírito orixinal destas arquitecturas as que identifican o singular aporte galego á cultura universal, como maiores coidados para tan significativos e complicados edificios... canto se faga  por obras tan significativas sigue sendo pouco.

27 NOVEMBRO 2026