O “Ideal” da arqueoloxía coruñesa
Lembranzas das colaboracións do que subscribe como Director do Museo Arqueolóxico da Coruña (1975-1997) con ´El Ideal Gallego´, a sensibilización arredor do Patrimonio Cultural da Coruña
Poucas cidades contaron con máis sabios locais , revistas, medios de comunicación e asociacións divulgadoras da cultura e da súa historia que a Coruña . E non foi en momentos fáciles politicamente, primou coa confluencia de ismos que supuxo o Modernismo, a un tempo que florece esa característica identitaria que se reparte entre homes e mulleres, representada por sentires diferentes, cortesáns e galeguistas con raíces no Romanticismo, uns encarnados na Pardo Bazán, outros en Murguía. O Circo de Artesáns era un de tantos escenarios nos que se representaba un heteroxéneo acontecer.
Aínda queda moito que recuperar daquel tempo básico para o noso hoxe, vida e obras como a de Martínez Salazar, Francisco Tettamanci , Vilar Ponte e os mozos das Irmandades da Fala, os Vaamonde Lores, os Carre, Angel Casal, Cebreiro, Madariaga, Angel del Castillo, Luengo, Monteagudo, Chamoso, Martínez Barbeito...intelectuais e divulgadores aínda asolagados nas augas do Leteo . Entre os que tamén se fai sobranceiro quen na primeira metade do século XX, foi Cronista oficial da Coruña, Xoán Naya Perez (1914-1993), arquiveiro- bibliotecario da Academia Galega e un dos piares na construción física de tan senlleira institución. Naya, dende 1935 foi colaborador de El Ideal Gallego, autor de substanciosas crónicas que, tanto nos meten no común da cidade como en personalidades e nos escenarios coruñeses do seu acontecer. Sabios locais nos que coller fío pra seguir bordando a particular Historia da Coruña no tapiz da Historia de Galiza. Entre uns e outros abondan os historiadores considerados “menores”, aqueles que, en xornais ou revistas, como aquela imprescindible nos veráns, “La Coruña paraíso del turismo” dirixida por Regino Barbeito Curra e despois polos seus fillos, recollía aspectos dos que fai gala o seu nome. Páxinas que hoxe son fonte documental para contrastar o que había e o que falta, pra refacer a historia. Divulgadores que ofrecían anacos dun puzzle histórico, entre os que lembramos a Alfonso Gonzalez Catoira, autor de Biografías Coruñesas, e de Cronología Coruñesa 1901-1993, punto de partida sobre o que avanzar.
Non se trataba dunha pléiade de escritores, máis ben eran francotiradores da cultura en anos difíciles, de guerra, posguerra e mudas.... pero que asentaron futuro. Si ben, ao longo do século XX, especialmente nos anos do “desarrollismo” , pese ás súas teimosas chamadas de atención, meteuse pico e pala a edificios emblemáticos pra historia da Coruña, a “Casa Gótica” do Parrote, con esas trazas manuelinas, atlánticas, o Castelo de San Diego, a Igrexa dos Xesuítas en Juana de Vega, o Asilo de Adelaida Muro, os edificios da Estación Marítima... perdeuse o pintoresquismo do Parrote coas súas esculturas cambiantes de barcos que chegaban pra ser reparados na dársena... tamén se desmantelaron moitas coleccións particulares, base de museos e das que facía gala a Coruña, como as de Romero Ortiz, Blanco Cicerón, Cuena, Orol, as da Fábrica de Tabacos, o Museo Eléctrico Fenosa, o Museo de Radio N. E na Coruña... realidades perdidas namentres se tramaban outras virtualidades. Tampouco faltou quen clamou na prensa, enxordecida tamén .Seremos xustos lembrando ao coruñés Manuel Rodriguez Maneiro, formado nesa escola de humanismo que foi a Escola de Estudos Mercantís da Coruña. Maneiro, funcionario de Aduanas, dos primeiros alumnos na Escola Oficial de Periodismo de Madrid e na segunda metade do século habitual no El Ideal Gallego, concelleiro tamén, imprescindible na vida cultural coruñesa de entón, preocupado polos temas militares, portuarios, reivindicando a universidade pra Coruña, infraestruturas como a estación de autobuses, o aeroporto...pero sobre todo insistindo en canto atinxe á salvagarda do patrimonio cultural, como a creación e o mantemento dos museos coruñeses. Autor dunha Guía do Museo de Belas Artes da Coruña (1978), páxinas que deberan revisarse máis, pra saber os legados que houbo e os que se levaron novamente pro Museo do Prado. Lembramos as súas chamadas de atención sobre o estado das murallas, a teimosía coa recuperación para museos da “Casa de María Pita”, e non tanto da “Casa de Picasso”... impregnando as súas ringleiras con paixón desbordada, con certa fantasía e inxenuidade, a que valoramos pola incidencia na mensaxe final, a sensibilización. Sabémolo ben, pois Maneiro foi membro do Padroado do Museo Arqueolóxico do Castelo de S. Antón, dende a súa creación, fai agora medio século, e de de 1975 a 1997 sendo quen isto escribe, seu conservador, il serviu como o máis dinámico valedor da institución sumando as crónicas doutros inesquecibles periodistas do Ideal, como Ezequiel Perez Montes, Luis Pita e un mozo Manuel Rivas, entón en prácticas.
Nos oitenta retomabamos a recuperación do Castro de Elviña, tratando, unha vez máis, de sensibilizar e por en valor tan importante xacemento arqueolóxico, quizais a Brigantia da antigüidade, atopándonos con problemas que aínda duran: a expropiación dos terreos, garantir a conservación e potenciación do escavado, onde gardar e expoñer os alixos atopados...pois o baluarte, prisión dedicada a museo non era o espazo adecuado para os fins da museoloxía...Rodriguez Maneiro estaba atento a todo, tamén aos problemas prantexados nunha Torre de Hércules, sometida a un enredo de competencias e da que ningún organismo se responsabilizaba da súa conservación. Rompíase unha porta, comentábase con Maneiro e, de seguido, no Ideal saía “hay que preguntarle a los romanos de quien es Torre de Hércules”. Anos nos que sabendo que nos dragados portuarios aparecían restos de embarcacións do pasado e de que vinculados ao Club do Mar de Santo Amaro existían grupos de submarinistas afeccionados, tratamos de vinculalos ao Museo Arqueolóxico, coordinados polo inesquecible Rafael Mejuto García. Puxéronse así as bases para unha arqueoloxía subacuática científica en Galiza. Vixiábanse obras urbanas, susceptibles de achados arqueolóxicos, como na Polloza, onde apareceron restos da necrópole hebrea, na Cidade Vella e no mesmo Castelo de S. Antón fíxose unha prospección arqueolóxica teórica-práctica .
Dentro desas ansias de artillar o Museo Arqueolóxico coa súa cidade naceu Amigos do Museo Arqueolóxico da Coruña, alicerces para a actual Amigos dos Museos de Galicia, un xeito de reconverter o museo dos espectadores en museo de actores. El ideal Gallego estivo moi presente no acontecer de informar formando, así é que coordenado por Manuel Gil Bernabe en colaboración con este colectivo, incluíase os domingos o caderniño “Cataventos” no que se daba noticia do estado da cuestión do patrimonio cultural galego, das xeiras ao longo e ancho de Galiza, como un xeito de prolongar a actividade do Museo máis alá do baluarte.
EL IDEAL GALLEGO-suplemento centenario 6-maio 2018