Novembro dos santos, defuntos, castañeira, magostos... e do Santo Martiñ

Ampliar: Cartel Magostos en Ourense, autor X. L. de Dios



A Igrexa separaou a celebración pagana da entrada no tempo escuro, 1 de novembro, para dedicala a Santos e Defuntos e pasala ao 11, dedicada ao santo cristianizador dos celtas galos, Martiño de Tours,patrón de Ourense, festa e lumeiradas dos Magostos

Abondan as páxinas dedicadas na revista Nós á irmandade panceltista, ao seu espírito celto- cristián. Sendo sobranceiro un artigo de Otero Pedrayo no nº 36 (Nadal 19226) titulado O mes de Santos nos países celtas , no que se refire ao Anaon, na Bretaña a santa compaña, así como ao Ankou, o  emisario da morte ou en Erín ao mítico rei do paraíso das fadas Labraid... e como non, tamén nesta illa  á celebración do Samhain. Pero don Ramón, buscador do noso dálle a novembro o nome do tempo dos santos, dos defuntos ou da castañeira.

Búscanse argumentos para animar o comercio e a tradición ben os ofrece: velaí como a arroiada global acomete co americano Halloweem ou co gaélico irlandés Samaín. Sendo en Galiza e en orixe as mesmas tradicións, como ritos de pasaxe, de iniciación á inevitable morte e culto aos devanceiros... Herdos culturais para a entrada no outono, sometidos cada vez máis a perversións comerciais,  sanguiñolentas, influídas polo cine e o gore, o que nada ten que ver coa idea tradicional de figurar á morte, as ánimas, como aliadas da vida. Sendo o que caracteriza este país das benditas ánimas, o dos mortos que peregrinan dun xeito ou doutro a  santuarios como Teixido, con sitios e tempo de lembranzas aos devanceiros. Novembro pois dedicado a Santos, Defuntos, á castañeira e aos Magostos, así en maiúscula, por ser o propio, acendendo fogueiras e naqueles sitios sacros, asociados aos mouros, entendidos como os que se memoran... e por medio a recollida das castañas, a castañeira: esperanzada semente de castiñeiros e alimento no que foi  pais de comedores de castañas, até que se normalizou a mariña, a pataca traída das américas, pasando a ser comedores de patacas.

Magostos,  festa, como tantas tradicionais, centrada pola luz das cacharelas, fogueiras que se converterán en espectáculo pirotécnico. “... el gran placer de los hijos de Galicia, raza que ha conservado el culto y el amor del celta por los fenómenos igneos, por la noche iluminada, compensación del brumoso horizonte diurno...” ( Pardo Bazán,  El Cisne de Vilamorta, 1885).

Nome de Magosto sobre o que xiran vaias teorías, quizais en relación con magnus-ustus ( gran fogueira) mesmo con mago ou amorear para queimar...e con maxia. Festa, en inicio asociada ao encetarse novembro, para despois a Igrexa apartar o paganismo destas xornadas, a celebración dos Santos e dos Defuntos. Encontro arredor de fogueiras de luz, das sementes como as castañas, as que neste tempo estran o souto,  saíndo dos espiñentos ourizos;  como asomando sobre os lameiros ermos as cabazas, como variados  e coloridos ovos cósmicos... e os amorodos vermellos medrados entre as silveiras... e as mazás de inverno, avermelladas, douradas... penduradas das ramas murchas. Símbolos de renacer para o herdo céltico. E xa se encargará o consumo de reproducir esas esferas para penduralas do Árbore da Vida, o de Nadal. Sendo a Árbore todo un símbolo, fundamental no orientalismo e no panceltismo: raiceiras no caos, ramas erguidas á luz do Cosmos... reinterpretada por Castelao para tantos dos seus simbólicos temas.

Santos Martiños: o cabaleiro de Tours e o de Dume, cristianizadores dos celtas

Concentración festiva dos Magostos cada 11 de novembro, celebrando Galiza ao cabaleiro Santo Martiño de Tours, no sc. IV cristianizador dos celtas galos... padrón de Ourense e tomemos nota: iconografía como a dun bo e xeneroso Arturo trotacamiños...Tendo Galiza especial culto aos santos  xinetes de cabalos brancos, imaxes que coroarán fachadas e retablos, xunto co Santiago  e o San Xurxo este vencendo ao dragón das lendas celtas. Santos dos que se usa e abusa para comenencias pouco éticas de imperios fracasados no mundo celta. Acaída cuestión neste país de greas de bestas bravas, de curros...onde se sabe domesticar e montar, onde polo ano 380 se pon a orixe do emperador de occidente Magno Máximo, sobranceiro équite, con méritos no muro de Adriano fronte aos pictos, o mesmo que dende a súa sede imperial, en Tréveris, condena a Prisciliano...asuntos envoltos na espiral das lendas, da que mesmo se conta parte a de Arturo e a súa demanda do Santo Grial.

Tempo e ritos dos magostos, entre outros anatemizados, cristianizados en Galiza polo Santo Martiño de Dume (Braga), persoeiro do sc. VI  formado nos eremitorios de Terra Santa e que emula e mesmo remata confundíndose en misión co seu paisano e homónimo da Panonia húngara, o devandito Matiño de Tours ( Sc. IV). Tema no que radican moitas tradicións e que ten como escenario as paisaxes do Miño e das Burgas: cóntase que o Campo dos Remedios -  coa súa igrexa e fonte, hoxe atuada, convertido en escaparate da ilustración municipal - foi onde polo ano 550 o de Dume, como un mago ou novo druída curou de lepra ao fillo do rei Suevo Carriarico, tal como di Gregorio de Tours... dende entón os xermanos abandonaron o arriarismo e alí sendo bautizados ao cristianismo. Así conseguiuse a fusión  social-étnica entre a aristocracia xermánica suévica e un común celto-romano, daquela fundamentalmente cristián, creando unha igrexa nacional, estruturada en parroquias co seus centros palatinos.

A aura de Ourense iluminada pola tradición dos Magostos e a celebración do Santo Martiño

Historia que é parte da escintilante aura ourensán, a que resiste e se recobra no tempo da castañeira, a que celebra as castañas asadas, cocidas, os zunchos cos que, ensarillados, a modo de colares faranse rosarios, grilandas cos que adornarse e pasearse os nenos, tamén polos cemiterios, xunto cos ramos de flores, coas velas... Dicíase que por unha castaña comida liberábase unha almiña do purgatorio. Poético simbolismo, de esperanza e renacer. Ademais tempo para baleirar as cabazas,  labralas, abrirlle boca, ollos, nariz, os sentidos... reavivando ás tetes coupes galas, calacús,  que, na noite, co alampear dunha vela dentro poranse sobre os valados, nos chanzos do cruceiro... E no centro a fogueira e no seu remol as castañas asadas , ao redor a xolda, a algarabía,  os nenos a emborrallarse, baixando do monte e cantando nas portas, pedindo o aguinaldo, un doce, uns osiños de santo... e se non os había arremedando. E agora a variante do retrouseiro trick or treat do halloweem .

Sendo Ourense a cerna da festa do Santo Martiño e dos Magostos, con lugar especial na súa catedral, presidida polo sorprendente retablo renacentista de Corniellis de Holanda, sc.XVI,  centrado polo seu patrón, Matiño de Tours, aquí sedente na súa cátedra, Martiño e onde tamén se veneran as reliquias que o de Dume trouxo consigo para facer aqueles milagres... E como non, pola mañá con misa cantada, ofrenda de coroa de loureiro na esquineira coa rúa das Tendas, a dos afiadores, torre coa escultura do santo cabaleiro. E na tarde subir ao Monte Alegre, como unha ascese, todo un símbolo: deixar o que foi convento de San Francisco, despois cuartel de triste memoria, veciño do cemiterio onde repousan tantos ilustres galeguistas... Monte coroado por unhas desas penedas consideradas sacras, en relación co culto ao amor e á fecundidade, cristianizada cunha cruz, hoxe arrodeada de innecesarios gastos de afeamento. Recóllese a frouma para acender as fogueiras, crear fumeira e sumala ao manto de néboa que nestes seráns non deixa albiscar o Miño nin a cidade... As castañas dispostas, triscadas para que non estoupen... o viño novo, pan e uns chourizos para asar, pois é o tempo da matanza. E agora súmase o churrasco... No luscofusco, fartos, emborralladas as facianas, mesturadas co tinto e cantando baixábase á cidade.

Nos anos sesenta Ourense esmerábase en celebrar esta festa, os artistiñas colaboraban en editar díptico convocando. Gardo aquel  de 1968 con poema de Blanco Amor, unha desas xoias literarias, das que quedan esquecidas no acontecer enxebre: Ven no branco bridón noso Martiño/ as honras ourensanas. Canso chega.../Rezaredes despois...levado á adega/ e dádelle unhas cuncas dese viño/ acenante de adoas e de agullas/ que aínda non fala porque é moi noviño./Levádeo logo á farturentas tullas/ onde agarda a castaña gabanciosa/o ledo sacrifizo no outo lume./Rubide con il á cima soedosa/ onde soña que é ceo o esgrevio cume/e as boiras van recheándose valentes/pra que aboie nos ventos o magosto,/ e verédeslle os beixos sorridentes/ a frorecer no seu divino rostro.

11 NOVEMBRO 2026