Museos: hiperconexión, enfoques, públicos , teoría e realidade

Ampliar: REDES



Reflexións arredor do tema proposto polo ICOM para o ´Día dos Museos´ do ano 2018: o papel das redes na sensibilización, en informar para formar sobre o papel dos museos. Si ben hai outras carencias previas na elementalidade da museoloxía.

A nosa é unha sociedade cada vez máis gobernada polo imperio das tecnoloxías da comunicación, as que acosan, intimidan e inciden no individuo con interesadas mensaxes. Panorama en contraste con pobos que, tamén existen e  nin sequera teñen luz e moito menos chegan as ondas do ciberespacio. O asunto non pasa desapercibido.



Dende 1977 o ICOM (Consello Internacional dos Museos) organismo preocupado pola profesionalización e os fins dos museos,  incluíu no almanaque civil  a celebración da xornada de cada 18 de maio como “Día Internacional dos Museos”. E pra cada convocatoria anual lanza a pobos ricos e pobres, dominadores e dominados un lema e sobre o que debater. Os museos e as organizacións do seu redor toman nota e para este día convocan actividades, dedicadas maioritariamente para escolares, que son os máis obedientes. Por algo se empeza, aínda sendo os museos aptos e recomendables para todos os públicos. Si ben estas institucións proxéctanse cada vez baixo  máis grandilocuentes carcasas, con atractivas e icónicas arquitecturas que anovan a teoría do museo como lugar de encontro, como un novo supermercado de cultura  baixo as siglas ou o cartel de Museo de... Centro  de....  Aínda que moitos deles e máis os galegos seguen na prehistoria da museoloxía, non están dotados de infraestrutura, medios, persoal elemental e adecuado, certo que algúns tímidos pasos se teñen dado. Vaia pois o dito de verei que museos hai, como están e direi como está a cultura do país.



Neste 2018 o ICOM asume o papel da comunicación na era das cada vez máis novidosas tecnoloxías,  das redes dixitais ás que é tan propensa e habilidosa a xente moza, a cultura urbana, arredor das que nace toda unha industria. Novos sistemas de comunicación aos que están moi atentos os negociantes da lóxica do consumo, os mercados, espallando mensaxes en ocasións pouco humanistas, máis interesados na adición comercial, na oferta e na demanda. Inventos en progresión xeométrica que levan á aparición e a inclusión da arte dixital, á construción de atractivas imaxes, novos xeitos de creación, novos códigos visuais, novas sinerxías e todos eses sinónimos que buscan a integración nos espazos on line e offline, multimedio, intertextualidade,  con novos formatos e linguaxes. A clásica imaxe estática, herdo de Altamira e que pasa pola Galaxia Gutenberg,mudará, provocará e seducirá a cada intre. Arte máis alá do obxecto que, fora do elitismo, reclama interacción participativa do común, intercambios para chegar furar e entrar, en segundos, en espazos insospeitados do planeta.



Asistimos a aceleradas mudas na nova etnografía das prácticas xuvenís, un vaise afacendo aos cambios e iso predispón e axiliza a mente: do xogo das monecas e das pistolas pasouse ao móbil, do encerado ao caderno e a sistemas cambiantes de ordenador e programas. A educación vese sometida a vertixinosos avances. Fanse evidentes as contradicións no uso e abuso da liberdade, aínda que sempre venza a necesaria ética e a estética solidaria e do encontro tolerante. O tema préstase ao debate e neso estamos.



Así é que o pretensioso tema proposto polo ICOM para este ano e “Día dos Museos”   é  o de “Museos hioerconectados: enfoques novos, públicos novos”. Aínda que moito habería que falar antes doutras cuestións prioritarias: do tristeiro estado da cuestión no noso confín, cando institucións museísticas están á orde dos caprichos de alcaldadas e políticas pouco sensibles, museos malparidos, feitos por encarga, virtualidades fora das realidades, que non asumen o papel da nova museoloxía, da institución do museo como recurso cultural, identitario, turístico que precisa unha revitalización integral de espazos e persoal para as súas funcións, as do acopio, a conservación, o estudio, a  exposición, a sedución do gran público e a divulgación. No caso galego  vigorizar o aporte particular á universalidade. Mostrar a universalidade galega a través das singularidades paisaxísticas, culturais, artefactos, asentamentos, pegadas que provocaran un xuízo no espectador, para transcender como tal e converterse nun actor, o que asumirá que forma parte dunha historia e que, no futuro, tamén se incorporará  ao museo. Eis un principio e un fin do humanismo, enxergar a importancia do ser humano, así como  a súa responsabilidade entre os demais e co planeta Terra.



Para esa hiperconexión e enfoque público, interacción multidisciplinar, integral e toda a verborrea teórica que se queira, cómprelle á institución do museo un continente adecuado, espazos, persoal e medios para os seus fins e sobre todo unha xestión intelixente, facultativa, profesional e iso significa profesar, experimentar, abrir camiños de complicidade popular e  éxito. Mais até agora os museos galegos seguen na fase inicial de desprenderse daquela política que, razonablemente, procuraba rehabilitar singulares edificios do pasado, mosteiros, castelos, pazos... para convertelos en espazos expositivos, para formar neles coleccións e sobre todo para ir dando pasos na madurez desa ciencia que é a museoloxía, que implica a formación dos técnicos de museos ou museólog@s, así como informar e formar ao público.



Un museo reclama persoal especializado tanto para a dinamización do centro, como para a conservación, a documentación, a pedagoxía, para elaborar atractivos programas, intercambiar con outros centros, espallar e dar a coñecer continente, contidos e funcións a través das redes. Deste xeito convive a realidade coa virtualidade, o control das existencias dos museos compártese, queda na memoria colectiva, existirá algún tipo de control popular... e iso presupón investigación e renovación de presupostos científicos. Compre con urxencia atopar sitio no mundo, hai que chegar pra ser e  estenderse.  O que non se da a coñecer non existe, e resulta lamentable que baixo este presuposto se teña perdido memoria dos bens que existen en espazos pechados, escuros, pouco coñecidos, en clausuras relixiosas, cuarteis, despachos da administración...a lei debera prever estes baleiros. Lembro a preocupación de Chamoso Lamas por que as monxas das claras de Monforte ou de Allariz, as bieitas de San Paio de Antealtares, as parroquias ricas... mostraran a súa colección, igual que a Colexiata de Santa María da Coruña, Vilanova de Lourenza... mostra que incentivará as relacións, o estudo, a documentación: deste xeito o patrimonio existe e serán menores os riscos de perderse. Trátase de documentar e transmitir as coleccións, abrir integralmente o museo, coñecer os seus lados claros e escuros, os fondos en reserva, as tarefas, o xeito de traballo.



Da interconexión  á hiperconexión pra mostrar a intimidade da institución do museo, o que require transformacións pra o que se  precisa elaborar sedutoras aplicacións móbiles dedicadas a todos os públicos, programas en liña,  en relación con outros a nivel global,  a fin de democratizar a cultura, compartir o aporte individual e o da colectividade, do local á universalidade. Isto non hai quen o pare, as redes recolleran o fracaso ou o éxito.  Tamén é certo que a ameaza a desterritorialidade, o que compre asumir e previr.

Os museos galegos celebran  este día, outro despois da xornada a do “Día das Letras Galegas”,  fánno con horarios intensos,  abrindo as portas gratuitamente, convidando a todos a visitalo e facelo guiado... asuntos de normalidade na liturxia da anormalidade, proba do fracaso.