No principio foi a auga...

Ampliar: Fonte da Praza do Campo (Lugo).



Repaso sobre a significación da auga nas civilización e na cultura, un dos ´Catro Elementos´ necesarios para a vida, auga do mar, ríos,lagoas, nacedouros, orixe de cidades, base de mosteiros, inspiración para creadores....

A vida principiou na auga, así o certifica a ciencia e así  se conta nos libros relixiosos. Caldo orixinario, enriquecido pola acción milenaria dos Catro Elementos, cocido na efervescencia orgánica pra seguir sendo o que aínda somos.Por algo se parangona a a vida cos ríos que van ao mar... Contraposición Auga - Terra, liquido - sólido, cunha significación especial neste confín de inventores dunha milagreira barca de pedra flotando sobre as augas.. enxebre odisea, translatio, sublime peregrinatio de oriente ao extremo occidente.



Por algo a auga sempre se asociou coa fecundidade, co Paraíso, coas deusas, coas mouras, coas virxes, as encantadas xacias (ou xacios), a xeito de sedutoras nereidas, sereas de río, asociadas co alicorno e co seu paraíso e co cervo...  e velaí as fontes de auga viva arredor das que se espera o amor, nas cantigas galaicas do século XIII, os baños de fecundidade en tempo de lúa chea, asociadas ao lume e ás lembranzas na noite do San Xoán... País de Santos hidróforos, receptores de rogativas pra atraer ou apartar as augas.



A auga rega, nutre, apaga a sede e o  lume, limpa, purifica, por algo e para moitas relixións a auga purifica, símbolo de introdutoria bendición, inmersión, bautismo e asperxer no camiño da morte ... a auga, que ás veces se move con forza, en enxurradas, arrastra, erosiona, destrúe colleitas, construcións e pon a proba o que non se soubo facer en lugar axeitado ou se fixo mal. Auga que tamén traga a terra pra abrir e furar por veas fondas que alimentarán mananciais, fontes e nacedouros de ríos.  Rede acuífera que os xeógrafos artillan en Galiza en cinco sistemas: o Atlántico, o Cantábrico, o do Golfo Ártabro, o da Raia Seca e o do Miño-Sil, este actuando a xeito de eixo organizativo do territorio, servindo dende a prehistoria como gps orientador, dividindo tribos, marcando fronteiras... Leitos de auga sobre os que se trazaron pontes, as que no pasado se dicían feitas polo demo nunha noite. Pra súa xestión, en misión humanista, construíronse grandes ou pequenas obras de enxeñería: portos,  coidos, encoros, pesqueiras, aceas,  canles, regos, muíños, batáns, fábricas...  Veas de augas que se reparten por ancestrais códigos da rega. Auga partida que debuxa o rostro da Terra.



Auga, un dos catro principios da vida que condiciona a cultura galega,  base do característico panteísmo. E velaí todo tipo de pozos, fontes, canles e cómaros, alxibes, gárgolas, tellados,lousados, parachoivas... Augas que foron orixe de núcleos, de vilas que presumiron de fontes ou baños, incluso de “fontes namoradeiras” e “santas” coa súa “flor da auga”  con propiedades milagreiras e todo un ritual ao seu redor. Ourense aséntase sobre esta orixe, tamén como ponte sobre o Miño, igual Lugo co seu balneario , Baños de Bande, de Molgas, Cuntis, Caldas de Reis, Partovia, Cortegada, Carballo... O tema faise infindo e mesmo lle valeu a servidor como discurso de entrada na Academia Galega de Belas Artes, no 1987, co tema “A auga e as fontes na Galiza” abrindo á arqueoloxía, á enxeñería, á arquitectura e á arte das fontes, escenografía final pra recibir e homenaxear á auga. Referente é  “O Libro da Auga”, sisudo e necesario estudo da autoría de Xosé Chao Rego, editado polos Cadernos de Sargadelos (1995),  páxinas  nas que se afonda integralmente no tema: auga somos nós, auga organizada, con retorno ao útero acuático, o ciclo hidrolóxico, auga na cultura e nas relixións, o recurso, pra saúde, seguida do análise dos símbolos da auga,  da súa presenza na historia, nas conviccións, nas crenzas e mesmo na economía... e por suposto na política, como xeito de administrar e conservar a súa calidade. Tema sempre de actualidade e canto se trate sobre ela non resultará insólito, é algo natural e necesario. Compre educar sobre o  ben máis cotizado.



Por algo dende a protohistoria non faltaron as divindades, oráculos e santuarios das augas, por onde comeza a cristianización como insistía Martiño de Dume no seu “De Correctione rusticorum”, mesmo até nos chegaron cantares e contos de meiga, vivos na noite do San Xoán, na que as praias, lagoas e fontes son escenarios de antigos mitos e contos, protagonizados por virxes, santos, mouras ou xacias por medio Augas que segundo a tradición, asolagaron cidades gobernadas por pecados capitais, como a mítica cidade de Valverde, lendas como esta dinse da lagoa de Doniños (Ferrol), a  de Valdoviño, de Alcaian (Coristanco), a mítica Duio de Fisterra,  o Pozo Limideiro en Zas,  en Carnota, Carregal (Ribeira), Estabañón en Viveiro, Lagostelle (Guitiriz) o Lago de Maside,  a de Antela, Catoira, a misteriosa Lagoa Sacra da Estrada...Auga bendicida na Pascua xunto co lume do cirio, repartida entre os paisanos pra logo iles asperxer a casa, as leiras, os animais...



Confín das fontes santas, sanadoras, asociadas a vidas de santas, a aparicións, a  milagres, que mesmo dan topónimo: Santa Mariña de Augas Santas, Augas Santas de Cotobade, Santa Baia de Bóveda, Santa Comba de Bande,  a do Santuario do Monte Faro, Santa Margarita de Montemaior en Bergantiños, Santa María de Gundián, a da Santa Cruz de Aranga,  en Vedra, San André de Teixido,  a da Escravitude,  a de Santiaguiño do Monte en Padrón, a dos Milagres de Amil, Milagres de Baños de Molgas, San Pedro de Rocas...



E chover vai chovendo, máis chove aínda na casa do probe  e sempre nos queixamos por pouco ou por moito.  Auga non falta por aquí e os  arroios, os ríos, a inmensa riqueza das rías,  os encoros e as lagoas saen de nai cando toca. As augas, así en plural, unha das grandes riquezas de Galiza, máis pra gloria doutros que fan rendible a súa enerxía eléctrica... e pra iso asolagaron os mellores ribeiros e ribeiras sacras, nas que florecía até o azafrán. Somos un país de augas,  no que non faltan templos, altares, adiviños das augas, autores de tratados, de poemas e contos sobre a auga.  E velaí a gran riqueza e variedade galega das augas mineirotermais sobre as que tanto se ten escrito en relación coas súas propiedades terapéuticas , asociadas a tanta arqueoloxía.



A chuvia  e o seu ciclo é o a que caracteriza o clima, a que singulariza as paisaxes das fisterras célticas, atlánticas, tan polícromas, coa conseguinte acción do devalar das nubes como alxibes de auga no ceo,  para petar nos montes, esfiancharse en brétema pra caer  en orballeira, en neve, xeo, sarabia ou chuvia...natureza contra a que se atenta con reforestacións interesadas que alteran o ciclo, con vertedoiros, sumidoiros....



Sumamos a esta historia interminable os traballos do doutor compostelán , “Pai do termalismo contemporaneo en Galiza” e creador da idea “vila termal”, Luis Rodriguez Miguez (1932-2016), defensor da hidroloxía asociada á medicina natural de vangarda, estudoso do termalismo en Ourense. Como o  inesquecible vivarense,  reumatólogo, Fausto Galdo (1944-2012), humanista, sabio en temas de augas, autor dunha tese e  libro referente “Historia de las Aguas minerales de Galicia” (1995). Fundamentais os traballos de Luis Alonso Álvarez, de Elvira Lindoso Tato, Margarita Vilar Rodriguez, autores dun libro imprescindible “O lecer das augas, historia dos balnearios de Galicia 1700-1936” (2011)



E velaí un compendio necesario, o publicado polo Consello da Cultura GalegaAs augas de Galicia” (1996) coordenado polo catedrático de Edafoloxía Francisco Díaz Fierros. Valioso traballo sobre a riqueza de augas galegas, sobre o seu valor na cultura e tamén sobre o seu maltrato...cuestión que non cesa e que nos toca.