“Rivera” sempre na dianteira do Carballiño e da Historia do Fútbol

Ampliar: Cesáreo Rivera



Repaso sobre a orixinalidade do xogador de futbol carballiñés Cesareo Rivera, de familia de transportistas, xogador do Sporting Club da súa vila, do Santiago, 1959 do Ourense, Sevilla, do 65 ao 72 no Celta, onde se retira en plena apotese.



Os pobos de encrucillada saben o que significa o encontro, a romaría e a festa da que se fai feira. Son pobos que abren camiños, de xentes que transitan, creando transportes,  levando e traendo individuos, mercancías e ideas. Neste  vello “carrefour” ou  “centro campismo” naceu o Carballiño dos arrieiros, dos tratantes, os que deron forma a xeitos de transporte e mesmo a carrocerías para vehículos de “feiras festas e romarías”  tal como campaba no letreiro da testa daqueles pioneiros autobuses nosos. E velaí o pasado das Carrocerías Piñeiro, as empresas de transporte conducidas por sagas familiares, cosendo Galicia, abrindo camiños no mapa, unindo casas, case tribos, parroquias. Velaí Autos Rodriguez, Campinas, Cababelas, Montañesa, Salto,  Blanco, Rivera...e algúns freelance con flamantes autobuses, como o Guisante, “Servicio Discrecional”, propiciando a oferta e a demanda, a feira.



E ese saber recibir, repartir, saber estar e ser do Carballiño lévano no fardel e posto as xentes de por aquí, algo que transloce vaia onde vaia, fágase o que se faga.  E ben viu e sigue a ver na persoa  de Cesáreo Rivera Pérez, que xa abondaría con tan so chamalo por  Rivera ou Riverita, como se lle coñece, proba do agarimo que se lle ten e merece. Xeito de ser que leva prendido na topografía do seu rostro, amizade, simpatía, a defensa da alegría, ante todo e a pesares de todo... Rivera foi e sigue sendo un referente do Carballiño na Historia do Fútbol, sabémolo mellor, por telo vivido, as xeración de pais e avós que imos sendo, os daquela infancia nas que repetiamos de carretilla o retrouso das aliñacións dos equipos de fútbol, que sabiamos o nome dos estadios, os escudos, camisetas e bandeiras dos clubs. Todo o que se reforzaba co coleccionismo de cromos coa fotografía de ídolos mozos, entre os que máis cotizados era, pra nós,  o de “Riverita”, por ser parte da nosa, da tribo. E alí onde se cante e se conte, onde se fale de Historia do Fútbol Galego, de comparacións duns xogadores con outros, que son moitos os lugares e ocasións,  sempre sairá por algures o nome de Rivera. Nome que abre portas, que facilita un bo arranque e mesmo o convite, será porque nel todos coinciden como grande xogador, persoa e galego, celtista e carballiñés ante todo.



Cesáreo Rivera Pérez, por parte materna é neto de Gumersindo Pérez , “Sindo”, referente e patriarca entre os pulpeiros de Arcos, fillo de Peregrina Pérez Rodriguez e de Cesáreo Rivera Lorenzo, este condutor e empresario de autobuses, con liña a Compostela todos os xoves, xornada de feira na cidade do Apóstolo...Recorrido que era como un gran teatro do mundo, con paradas  en Lalín, Silleda, Bandeira  con fin e inicio de traxecto  no Patio de Madres Compostelán,  onde aínda existe , e ben que nos alegra,  a pensión  La Carballiñesa. Os Autos Rivera seguían unha antiga tradición polos camiños que dos ribeiros ourensáns levaban a Compostela con xente, pipote de viño, fardos de xamóns e lacóns...  pra descargar mesmo a carón da porta de Mazarelos.  Asuntos ben ditos  e contados por don Ramón Otero Pedrayo.



Lembramos a Rivera, cos seus irmáns, vestidos de quevedesco veludo verde oliva e capa de flanela negra, cuberta de cintas,  tocando pandeireta ou bandurra, máis entre a tuna dos “Rebeldes” que cos “Leales”, as dúas inesquecibles  “rondallas” que partían do Sporting. O Sporting club tiña tamén o seu equipo de fútbol, vestía camisa blaugrana e nel iniciase como xogador Riverita.   Aos 18 anos pasa ao xuvenil do Santiago, onde despunta, pra no 1959 pasar ao Ourense, equipo de terceira división, onde coincide con grandes  xogadores e persoas, tamén con iniciativa, hoxe empresarios modélicos que non o esquecen ao compañeiro carballiñés, como Ramón Regueira Ramos, entre tantos. Até que no 1960 véndese  por dous millos e medio de pesetas ao Sevilla. Rivera reinará en Andalucía, paciente, estrela querida no Sánchez Pijuán até que no 1965 -  por querenza e insistencia propia e deixando ofertas do Deportivo, do Atlético de Madrid, por dous millóns de pesetas - cumpre un soño que viña de infancia, xogar no seu Celta de Vigo e así será, triunfalmente até o 1972. Sendo o pichichi de segunda neste equipo, e que no 69 ascende a primeira  nunha antepenúltima xornada, será por un memorable tiro e gol de Rivera, metido de falta indirecta, pra facer tremer o Estadio de Riazor coa Torre de Hércules incluída, dar a gloria ao Celta e meter ao Deportivo da Coruña en segunda. Asunto lembrado e admirado, a pesares do desacougo,  por sempre na Coruña. Cesáreo Rivera aos 32 anos e nun doce momento, sabendo onde estaba e o que lle quedaba de camiño, toma a atinada determinación de retirase: 178 partidos xogados, 43 goles  máis o que contan as crónicas e os críticos, que haber hainas respecto á súa singularidade e ben boas nos días de Enrique Mariñas ou de  Matías Prats, entre outros. Virtudes que o fan capitán do Celta, desenvolvendo esas características carballiñesas de bo facer, de concordia, de crear familia no club.



Resistente ás lesións, sen gripes, sempre disposto no terreo, no escano e nas esperas. Entregado dende o primeiro ao derradeiro asubío do señor árbitro, hábil  e cun disparo contundente, canonazo pensado, mestre na execución das faltas, centrocampista, bo repartidor, dianteiro rápido, de ataque imprevisto pola banda esquerda, intuitivo, intelixente, incansable, elegante... dos que reafirman historicamente a cantada afouteza céltica e galaica.



Polo devandito  Rivera é figura querida  alí onde estivo, na dianteira sempre, bandeira das peñas celtistas e do celtismo dos seus días a hoxe, os que lle outorgan as mellores distincións de honra, sempre ben recibido e aplaudido en Balaídos. Celeste que non deixou de se ser leal seguidor e animador do seu Arenteiro, Veracruz, Carballiño, do seu orixinario fútbol carballiñés. Por todo e máis, que mellor debera contarse,  Rivera está na Historia do Carballiño e do Fútbol Galego, así con maiúsculas.



Coruña –no día de Santa Rosa - 2018