A cor que se lle daba ás pedras
Nas tradicións galegas dos canteiros estaba en darlle á obra acabada en pedra unha capa protextora de cal, mesmo a completar as esculturas de cruceiros, escudos e outras con cor...As modas acabaron con este xeito estético, xa dificil de recuperar.
A restauración do Pórtico da Gloria - coa recuperación da súa cor e doutros aspectos artesanais empregados polo taller do Mestre Mateo e ao longo do tempo - abre a novos aportes na Historia da Arte Galega. Conclusión que esperamos se mostren nunha publicación que nos explique a procedencia das pedras, o deseño previo sobre as que serían esculturas, o fondo de base, as diferentes aplicacións pra representar a pel, o cabelo, o vestido, os complementos..... os materiais para a elaboración dos pigmentos da cor, as técnicas e pinceis empregados, os repintados posteriores, os efectos causados polo baleirado de moldes sacados no 1866 por encargo do museo londinense Victoria & Albert... a perda do verniz e da pátina do acabado... os complementos con outros materiais pra dar maior realismo, en ocasións con próteses de madeira para complementar fallos escultóricos logo revestidos e disimuladas coa cor, entre outros aspectos nos que atopamos similitudes en forma, técnicas e resultados cos aplicados en monumentos do oriente, incluso da India. E non soamente iso, senón que se nos desvele a diagnose dos danos, as fases de tratamento e técnicas empregadas na restauración, as conclusións. Cuestións que abren a un debate necesario e permanente, máis aínda neste país feito de pedra, de arxinas, de históricos gremios de canteiros. A simple visita á modélica Escola de Canteiros de Pontevedra da pra moito que afondar sobre o tema.
Existe o tópico, entre tantos outros referidos a Galiza, que este non é país de pintores, contradicíndose coa tendencia ao barroco, ao xogo entre contrastes de luces e sombras, ao “horror vacui” que caracteriza as manifestacións artesanais e as artes en Galiza. Ben se sabe que cada material ten a súa linguaxe, códigos que compre entender pra “darlle xeito”. E velaí que “o canteiro galego fai Románico como o verme da seda fai o ovo do que sae a seda”... A pedra grá, respecto ás pedras calcarias, máis fáciles de traballar, ten o seu propio idioma. Pedras de diferentes composicións, durezas, texturas, cores... sobre as que se pon o canteiro a labralas, a facer figuracións, esculturas armeiras, cruceiros, estatuas, monumentos... e tenta que a súa obra se perpetúe no tempo. Sabe que a pedra á intemperie, sometida aos fenómenos meteorolóxicos, aos musgos, ao desgaste...ten unha vida limitada que compre alongar. Ben sabe que esa pedra do monte, despois de labrada, ofrece unha cor monótona, xeralmente os granitos fáciles, como os de Parga ou Amoeiro, que se ofrecerá esbrancuchada, micosa...fronte aos granitos duros, grises, rosas, basálticos das variadas canteiras de Porriño. Pois ese aliado pra darlle integralmente vida á pedra - fronte a canto tenta contra ela e mesma e pra darlle realismo ao que se representa - é unha leitada de cal ou tintada con anilinas pra matizar cores. Procúrase que a escultura supere a tripla dimensión.
Máis dende as estéticas contemporáneas, as que valoran o “defecto”, impera a natural “rusticidade”, valorase a pedra vista, falsificando a orixinalidade e mesmo a cor do pel da cultura galega. Asuntos que xa crearon polémica no 1908, respecto á restauración da fachada do Obradoiro da catedral compostelán, tentando daquela o cabido - asesorado polo coengo historiador, Antonio López Ferreiro - devolverlle a cor ás esculturas e símbolos da mesma. Interferiron no debate os medios e o criterio do arquitecto historicista Vicente Lampérez recriminando unha actuación leal co proxecto do arquitecto barroco Fernando de Casas Novoa. Asuntos que lembra M. del Pilar Sánchez- Cantón Lenard en “Apuntes para la biografía de don Antonio López Ferreiro”, no Caderno de E. Galegos de 1960. Resultados de caleado que resultarían kitsch, que chocarían coa estética de hoxe, próxima ao Movemento Moderno, a que pon en valor a esencialidade, a cor única, a propia dos materiais... E velaí que con esta visión trabucariamos ideas orixinarias, esculturas que sen a súa cor inicial, ofrécense como espidas, cando irían vestidas coa cor...
Algo similar pasa co criterio que temos da arquitectura e escultura grecolatina, dende o Partenón ás esculturas de venus ou discóbolos, as que, na procura dun maior realismo ían policromadas. Agora nos museos, no British, no Louvre, en Atenas... xa se deixa constancia pedagóxica do feito e mesmo se presentan reconstrucións hipotéticas do estado orixinal: aportes sobre o tema decorativo, o tecido, o vestido e outros aspectos aos que aínda lle costa chegar a unha arqueoloxía coutada por prexuízos
Velaí como aval a canto de vello vimos dicindo ao respecto o suxestivo libro editado polo Centro de Estudos e Documentación dos Museos Vaticanos con aportacións de especialistas baixo o título de “I colori del bianco: policromia nella escultura antica” (2004). A perspicacia da Arqueoloxía como da Arqueometría están para isto, o que se fai a través de análises de esculturas clásicas con novas tecnoloxías, microscópicas, fluorescencia, raios ultravioleta, mostras de cor, estudos das representacións escultóricas en murais, mosaicos, cerámica... Por outra banda criterios plásticos tratados na literatura antiga por Eurípides, Platón, Virxilio, Plinio o Vello, Plutarco entre moitos outros. Algo denotado polos restos de complementos arquitectónicos en terracota, polícromos en exceso á nosa domesticada ollada. Estudos sempre prudentes en obxectivar os resultados respecto ás cores usadas, fileteados, luminosidade, transparencia, relevos e esgrafiados complementados en xeso, a pátina do acabado... Estudos que tratan de entrar integralmente, superar o análise das formas, no fondo da cuestión, na ética e na estética dunha sociedade e dun tempo. Mudase así tópicos e consideracións erróneas que incumben non so a Arte Antiga ou á arte popular. E velaí a colorista e científica reconstrución do Partenón, da escultura de Augusto de Prima Porta, entre moitas outras. Os conservadores e restauradores, as políticas de xestión, retoman a cuestión respecto a descaleados indiscriminados...O pétreo interior da Catedral de Chartres recaleouse recentemente, seguindo un minucioso análise do proceso gótico explicado ao público na mesma obra. Un “aberto por obras”, oportunidade para que o público participe dos bens públicos.
O tema fainos pensar que moitos pétreos espolios que se mostran nos museos, sartegos, aras, estelas, esculturas de cabezas, de animais... estiveron policromadas, máis incluso do que pensamos. Igual que existiron pezas de madeira policromada, máis efémeras que a pedra ou os metais, pero que as circunstancias climatolóxicas, o vandalismo, entre tantas outras circunstancias, non as deixaron chegar, tal cal foron, até o noso tempo.
Debate necesario que chega a Galiza de xeito serodio, cando se quitou o cal indiscriminadamente de paredes e relevos polo tópico de que “era algo hixiénico”, que tamén. Pero nunca é tarde pra volver á obxectividade e sobre todo á protección das labras.
Igual que algúns chantos dos monumentos megalíticos se ofrecían cor e debuxos, cabe pensar que os petróglifos complementábanse con trazos e cores, igual que os guerreiros galaicos castrexos, as estelas funerarias ofrecíanse polícromadas, igual que os frontais, os tímpanos e até capiteis medievais, cruceiros, escudos. A fachada do Obradoiro compostelán pretendía ser un retablo exterior enxalzando a Santiago. As vellas e enfermas labras en pedra non foron como parecen, era tamén unha pel tatuada e maquillada.
30 - setembro -2018