Medio século de Historia do Museo Arqueolóxico da Coruña

Ampliar: Guía do Museo Arqueolóxico da Coruña



Un 5 de outubro de 1968, fai medio século, abríuse ao público como Museo Arqueolóxico e Histórico o Castelo de S. Antón. Pasado o tempo faise necesario dedicar o centro a contar a súa propia historia e a Arqueoloxía e a Historia a novos espazos...

 



O sedutor misterio do Castelo de San Antón, chantado na badía da Coruña, está en ser illa que xa non en, na súa organizada, militar e pesada pedra gris, na súa longa Historia como recepción portuaria e mesmo na súa parte oculta. No medievo lazareto con capela dedicada ao Santo Antón Abade, iniciándose as obras da fortaleza “Siendo Gobernador del Reino de Galicia D. Juan Pacheco Osorio, Marques de Cerralbo” (1587-1591) segundo se leía, e cada vez menos, no epígrafe que campa sobre a entrada, segundo conta tamén Pedro Fernández Boan e retoma Tettamancy, aproveitando como canteira  as pedras “de la alta y ancha escalera del Castillo de Hércules”. Proxecto e obras á que, en diferentes épocas seguen outras fases constructivas.



Testemuña de primeira liña no 1589 da inxerencia do corsario Drake, punto de recalada da Gran Armada rumbo ao desastre Gran Bretaña, pra logo recibir no retorno ao malparado Recalde,  tempos nos que Felipe II, agradecido á cidade pola súa contribución, lle concede á cidade o título de “ Cabeza, guarda, llave, fuerza y antemural del Reino de Galicia”. Baluartes que no 1639 frean os intentos por entrar na cidade á tropa do almirante francés Sourdis; no 1809, despois da batalla de Elviña, ocupado polos franceses.



A finais do século XVII prisión do fareiro Antonio Gómez Catoira acusado de malgastar pra uso propio o aceite do farol da Torre... cadea de ilustrados liberais como Villarroel, Macanaz, o navegante e gloria da ilustración Malaspina, de Porlier, de militares degradados, de bandoleiros como Mamede Casanova e tantos rebeldes antiréxime, absolutistas ou liberais. A máis de ser museo é declarado Monumento Histórico Artístico, Ben de Interese Cultural, por decreto de 9 de novembro de 1944, con todo o que isto debera supor de vixilancia e cautelas.



Pese a todo canto se sabe e o que queda por saber, nos anos sesenta do século XX, de desenfreado desenrolismo, cando se fixeron desaparecer tantos vestixios históricos e artísticos da Coruña, a Casa Gótica, as fortalezas de San Diego, de San Amaro... cando San Antón poido correr igual sorte, pois nos corredores municipais falábase de ser enclave ideal para Casino, para nova residencia estival do ditador... Pero a insistencia dalgún periodista e sobre todo de Xosé María Luengo, de Martínez Barbeito, de Xoan Naya, as xestións de Chamoso Lamas, non so fixeron que se preservara o edificio, senón que se rehabilitará tamén e que se pensara en dedicalo a Museo Histórico Arqueolóxico da Coruña. Anos atrás e a raíz das escavacións arqueolóxicas de Luengo na Rúa Real e no Castro de Elviña, xa se pensaba nun gran “Museo Céltico” na Coruña. A idea devece e no 1958 o Ministerio da Guerra, a instancias do Alcalde Molina,  entrega o castelo ao Concello da Coruña, despois o alcalde Sanjurjo de Carricarte acolle a chamada e apoia a creación do Museo en S. Antón que será creado por decreto de 24 de setembro de 1964,  o Ministerio de Educación de Lora Tamayo, a través do Director. General de B. Artes, Gratiniano Nieto, colega  e camarada de varios “arqueólogos” coruñeses, apróbase a súa restauración a que será guiada polo arquitecto Francisco Póns Sorolla e como contratista de obras por Manuel Longueira. A un tempo, baixo proxecto de Chamoso Lamas e a constancia de Luengo, vanse reunindo pezas de interese arqueolóxico e histórico dispersas no Museo de Belas Artes, nos espazos da antiga Comisión de Monumentos, no Instituto Da Garda, no Concello...Para no ano 1967 aprobarse o regulamento e un padroado reitor do Centro. Así é que un 5 de outubro de 1968, sendo Alcalde Salorio Suárez  inaugúrase solemnemente o Museo Histórico-Arquelóxico da Coruña: procesión cívica dende o Consistorio ao Castelo coas autoridades entre mazas, pregón do periodista Ezequiel Pérez Montes e deposito en vitrina do pendón histórico da Cidade.... salvas, Misa na Capela da fortaleza, viño de honra...



O caso é que se puxo a salvo un edificio singular da arquitectura militar dun tempo que vai do século XVI ao XVIII, obras vencelladas a prestixiosos enxeñeiros militares: Fernando Cosio de la Cueva, Fratín, Rodriguez Muñiz, Tiburcio Spanochi, Francisco Montaigú,Francisco Cornejo, Juán de Ferriere, Juan Vergel, Miguel Marín, Baltasar Ricaud, Antonio López Sopena.... Juan Martín Cermeño. Proxectos seguindo a moda ilustrada de Vauban, a ritmo coas inquedanzas que se movían dende ese outro gran centro que mantén o “genius loci” da ilustración e co que a Coruña aínda sigue estando en débeda, referímonos ao Real Consulado.



Espazos do Castelo de Santo Antón, os que despois dunha historia de pólvora , medo e cadea pasan a dar cabida a coleccións de arqueoloxía e historia que se van ampliando co tempo. Espazos nos que dun xeito ou doutro, aprendendo o que hai que facer ou non, se experimentaron na museoloxía e nas súas inquietudes os seus responsables...e a cidadefoi madurando nesas relacións cos seu patrimonio.



Dende a inauguración do Museo deica hoxe pasou medio século, a actividade do museo cumpriu, xa supera as súas mesmas estruturas: adquirir patrimonio significativo, conservalo, documentalo, expoñelo, divulgalo....resulta difícil en edifico con tantas limitacións e singularidades, construído pra outra cousa, sobrecargalo, disfrazalo con cartelas, vitrinas, adaptalo ás necesidades da museoloxía do noso tempo, sempre no risco de danarse a súa orixinalidade, asunto non fácil de asumir. E velaí a misión importante dos seus responsables ao longo do tempo, a máis da marxinación ante o nacemento e reiteración de centros virtuais dedicados a algúns aspectos da Ciencia,  algo que entendemos necesario, aínda que entendemos prioritarias as atencións a esas orixes nas que radica a orixinalidade, onde campa o sobranceiro Castro de Elviña, a Torre de Hércules arredor do que foi a antiga Brigantia.



Medio século no que tamén se cedeu a fortaleza-museo pra algúns eventos incompatibles coas características da edificación e a función do Museo: romarías e outras algarabias, coa conseguinte alarma pros seus responsables. Seguidos desoutra intro-historia vivida por un persoal “castigado”  en certa medida  en lugar considerado maldito, das incongruencias dos guías, da actividade dunha Casa de Botes, que foi atractiva taberna,  para nos oitenta recuperarse como recepción e biblioteca do Museo.



Xa se debera ter reformulado o futuro de San Antón e do Museo Arqueolóxico e Historico da Coruña. Sabendo que tan singular arquitectura debera ser museo de se mesma: das súas fases arquitectónicas, dos seus fins, dos seus gobernadores, presos, dos embates da Historia. A Arqueoloxía e máis a Historia fanse merecentes de novos espazos máis amplos, acordes coas necesidades da Museoloxía de hoxe: recepción con todos os servizos, marchandaising, cafetería, servizo de documentación, arquivos, biblioteca, almacéns, taller de restauración e conservación, aulas didácticas, espazos expositivos con itinerario lóxico, complementos audiovisuais, novos sistemas expositivos, iluminación etc.. e persoal especializado. San Antón cumpriu, a pesares de todo, sen faltarlle endexamais a querenza dos coruñeses, témolo compartido. E o que está de ser será, como xa foi noutras parte, véxase o exemplar Museo de Pontevedra, parte inseparable da cidade e dos seus cidadáns.



Mentres tanto é lamentable ver como se perden coleccións históricas da Coruña, cidade antolóxica neste aspecto, como os achados de escavacións se reparten por dependencias afastada do Museo, co risco da súa conservación e mesmo de perder memoria ante falla de persoal...



Sirva o transcurso do medio século a sumar á longa historia do Castelo de Santo Antón  para unha revisión médica do seu corpo e do seu espírito: corpo de pedras e labras que lle poñen identidade, enfermas pola erosión. Estruturas forzadas a acoller anacos de Historia que mesmo confunden a función orixinaria da fortaleza. San Antón está chamado a contar a súa propia Historia, onde tamén se  contribuíu a poñer base a Arqueoloxía e a Museoloxía coruñesa e galega.   



21 outubro -2018