“A derradeira lección do Mestre” Castelao

Ampliar: ´A derradeira Lección do mestre´, Castelao



No 1945, 5 anos antes da morte de Castelao, este presenta o lenzo de gran formato ´A derradeira lección do mestre´ no que recolle un tema xa tratado por el nas estampas da guerra civil en Galiza para ´non dar a esquecemento da inxuria ...´

 



Mitificamos persoas, cousas, feitos... isto é convertémolos en mitos, e os mitos xa se sabe, conlevan ao seu redor unha aura de fabulación, sobredose de valoración e distorsión tamén. Aínda así todos os pobos presumen e enxalzan os seus mitos, sen faltar os que os deturpan deica convertelos en esperpento, parte do retrato do colonizado. “ O difícil é facer coa arte dos canteiros o Pórtico da Gloria” tamén dicía iso Castelao. Nación de Breogán, país do buscado Grial, do que se fai escudo; onde ten sepultura o íntimo amigo do Cristo... de mulleres rebeldes que mantiveron esencias da casa e da Terra... de adaís, de servís capataces e caudillos ebrios de imperios e que mellor nin lembrar... pero tamén doutros que engrandeceron a terra e a súa cultura, o Padre Sarmiento, Murguía, Rosalía e todo o seu Rexurdimento, despois Risco, claro que si, denantes de ser torturado e amedrentado pola familia e por suposto Castelao, todos co seu nimbo tamén de mito en ringleira cara a un Alba de Gloria.



Galiza, aculturada, sometida a unha profunda crise de identidade, anómica entón, cos seus conseguintes efectos, onde pese a que se teña dito que é  “Pais do rio Letheo”, propenso ao esquecemento... pese tamén en que cada acontecemento se peche cantando un himno que suplica non deas a esquecemento da inxuria o rudo encono”, non so segue a esquecer a súa mesma orixe, isto é a súa distintiva orixinalidade, a identidade construída na súa Historia, senón a esfaragullala até ser difícil reconstruíla.



Castelao dedicouse a iso e fíxoo con tan potencia, con tanta carga de coherencia, que todo intento por desactivar e rexionalizar a súa obra cae no ridículo. En Castelao todo conduce ao Nacionalismo Galego e ao humanismo. “A derradeira lección do mestre”, a derradeira obra de Castelao, o seu testamento pois, reclama e quérese con todas as estampas e albumes que denuncian a barbarie da guerra e dos que morreron pola liberdade e por Galiza.



Baixo o epígrafe de “Castelao Maxistral” e a aclaratoria de que a “a boa obra ao mestre honra”, que mesmo puidera ser a tan marxista como cristián de que “polas obras coñecerémolo”, dende o 5 de outubro até o 3 de marzo deste 2018, móstrase baixo a monteira deconstruída do edificio do Museo da Historia de Galiza do Gaias,  o óleo de Castelao “A derradeira lección do mestre”: teimuda insistencia do rianxeiro en non dar a esquecemento da inxuria o rudo encono, cando o golpe de estado e a ditadura imposta levou ao paredón, ás cunetas, ás cárceres, ao exilio, á tolemia, ao medo, ao silencio e a unha longa noite de pedra a moitos “bos e xenerosos”, homes e mulleres galegas, a progresistas e liberais. As secuelas quedan.



Dende que vimos este lenzo de gran formato, xa hai décadas, nun cuarto do Centro Galicia de Bos Aires, sentimos e pregoamos que era como o noso humilde “Guernika”, dixémosllo a Pilar García Negro, comentámolo con Manolo Rivas, así anda ciscado en artigos e  así seguímolo a contar, asumindo que, entre os marxinados, a comparación ten maior pegada. Retrato dunha guerra fraticida onde a igrexa era a reacción feudal... e os mestres republicanos o progreso.



O comisario da  referida exposición é o vicepresidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, quen leva anos recollendo, clasificando a inmensa obra de Castelao, tarefa prioritaria que non souberon facer nin apoiaron tantas universidades, institucións e organismos apelidados “de  cultura galega”. Ben se enxerga que é mostra feita sen demasiado apoio económico; quizais o máis custoso foi traer, embalar, asegurar e devolver o lenzo de gran formato (218 x 157cmts ), enmarcado humildemente.



Obra sen máis obxectivo que o de toda obra de Castelao, impactar, concienciar co elemental. Deica agora protexida, como algunhas das derradeiras pertenzas de Castelao, no “Centro Galicia de Bós Aires”, na actualidade sede do Colexio Santiago Apóstolo, herdeiro do Centro Lucense, a colectividade que acolleu, amparou a Castelao até os seus derradeiros días e ao que lle deixa en herdo o que lle quedaba, onde mesmo se fixo posible a publicación de “Sempre en Galiza”. Sabemos que non todo e todos valen pra estas diplomacias de pedir préstamos, de traer, levar ou devolver a Galicia anacos da súa mesma historia. Sabemos das xestións pra esta cesión temporal, da silenciada mediación de Aurelio Miras Portugal, coñecedor da emigración galega con Xosé María Vila Alen e toda esa saga de emigrantes xa descendentes de galegos que buscan un anaco do Corpo ou da Alma de Galiza no que enredar un adn de morriñas.



Dende os inicios do golpe de Estado e da guerra, o deputado Castelao refuxiase con Virxinia en Valencia, empregado a ilustrar a dor que enxerga e que o envolve, entre tanto o hipócrita proceso, a prisión e asasinato de Alexandre Bóveda, persecución, terror e morte que expresa nos álbumes de estampas  de guerra, sendo no de “ Galiza Mártir”  onde recolle a estampa da “Derradeira lección do mestre” que retoma para un gran lenzo cinco anos antes da súa morte: o rostro do Mestre morto é o de Bóveda, pero puidera ser o de moitos outros que estaban naquela alboreira sementeira de galeguidade, mestres nacionalistas e republicanos incluídos que de ser adorados polos seus alumnos e por encirrar con arengas fascistas dende os púlpitos pasaron a ser acantazados, como recolle Manuel Rivas na “Lingua das bolboretas”.



Lección do mestre asasinado, tendido no chan, sementado a Terra co sangue da súa testa;  dous neniños, dos alumnos seus, un maior, outro menor - quizais falta unha nena – rillotes dos que tanto gustaba debuxar Castelao, a esperanza, os “superviventes”, abrazados nun, fanse preguntas... Expresionismo en gamas de brancos, ocres, grises e negros. Non precisa máis: no fondo un toque de esperanza entre sombras, as sombras galegas, inacabadas: o mestre asasinado no camiño, nunha encrucillada que leva a algures, como indica un marco, e sobre del dúas ergueitas carballas, agaiadas, decotadas, esmoucadas, como facían antes pra aproveitar a leña...dos tocos castrados agroman novas ponlas... E para non dar lugar a outras interpretacións, Castelao, fai como facía sempre, complementar a obra coa aclaratoria de que é  “A derradeira lección do mestre”, aquel  mesmo mestre que inspirou e a quen lle dedica a súa “summa” Ideolóxica, o “Sempre en Galiza”, Alexandre Bóveda, no Museo de Pontevedra e que, entendemos, non debera faltar nesta exposición, envolto nunha estrela.



Lenzo agora exposto en ambiente excesivamente luminoso, entre cortinas brancas, sen escenografías...tampouco pide máis, aínda que pro realce da obra o ambiente do cadro debera escurecerse para enxalzar unicamente a gran estampa, como un aturuxo de luz.



Importante mérito xa é traer, aínda que sexa temporalmente esta mensaxe, de expoñela tamén. Quizais campara mellor semellante obra de denuncia, multiplicando a lección, sobre o oco, como unha xanela, que se abre sobre o mesmo sartego de Castelao na igrexa de Bonaval... Asociala cos que morreron por levar na fronte unha estrela e no bico un cantar. Pero non lle poñamos tachas, como diría o mesmo Castelao. Mesmo supliquemos o seu retorno definitivo a Galiza, onde ten senso...e ogallá a acompañe tamén - dende Montevideo, onde se custodia no Centro Galego - a escultura de Asorey “Raza”, a que por ocultar a súa significación de muller galega, sobrevivinte ao traballo, ás tradicións... espida, nimbada, deron en poñerlle o sobrenome de “Santa”. Anacos de Galiza con ética e estética.



Derradeira lección, estampa pra devolver do mito á realidade , seriala e espallala, como fixeron aqueles neniños xa medrados, os que aprenderon a lección dos bos e xenerosos asasinados...e esa parte falta na mostra. Entre aqueles nenos ou mociños nos que caeu a sementeira estaban Isaac Díaz Pardo, Seoane e tantos outros.. ¿en que quedou a lección do seu esforzo por dignificar e devolverlle a imaxe de dignidade a Galiza?.