O lastre dunha historia machista: someter e submisión

Ampliar: MACHIEMBRADO



Introdución a unha historia inacabada pola igualdade entre mulleres e homes, sometida a lastres culturais e o peor polo mercantilismo,a novas liturxias e postureos, cando implica educación cotián, especialmente a través dos medios de comunicación.

O ambiente vístese de violeta e o discurso feminista faise dominante, mesmo con provocadora violencia femista,  entre  máis ou menos enredantes teorías e performances. E non sobraría tan necesario e eterno debate inconformista  pola loita dos dereitos das mulleres en igualdade cos dos homes. Hai avances, aínda que queda moito, pois a cuestión sigue a ser de praxe, de real educación integral. Neste noso mundo, tan competitivo e tan de egos, as mensaxes enguedéllanse en novos xeitos de liturxias, cerimonias, manifestacións, folga, manifestos, batukada, minutos de silencio, lazos violeta, mesmo provocacións, ás veces co efecto bumeran...  E non todo vale xa que na forma está a cuestión de fondo.

Entre tanto novo postureo semella que se perden as esenciais da convivencia,  mesmo aquel principio básico, que debera ser mantra e oración: “nunca á explotación dun ser humano por outro ser humano” e isto implica ao yin-yang home-muller, grupos, pobos... Igualdade entón, desafiando lastres, herdos históricos e culturais de ditado paternalista.

A cuestión da muller está, como debe, no panorama,  asoma  e comercializase tamén, revive a memoria das precursoras esquecidas nunha historia feita por homes: a pintora  flamenca do século XVII Clara Peeters  deica a mexicana contemporánea Frida Kahlo ou a polacaTamara de Lempicka, e como non a mesma  Maruxa Mallo, entre tantas galegas dunha ou doutra clase, cunhas e outras reivindicacións, Rosalía, a Pardo Bazán e nese mundo sen clases incluiriamos tamén palilleiras, pulpeiras, mariscadoras... Sen esquecer que o Estado Español, respecto a outros, ten unha historia precursora no feminismo, a República foi modélica na educación en igualdade e agora faise saber. Haber hainas e así se deixa constancia arredor de cada 8 de marzo, declarado dende 1975 pola UNESCO como “Día Internacional da muller”  en lembranza das protestas das traballadoras do téxtil, das telas violetas, no 1857 en New York, masacradas máis dun cento; tempo no que tamén se manifestaron con tanta contundencia as cigarreiras da Coruña, creadoras dun sindicato e dunhas reivindicacións precursoras, aínda non recoñecidas na Historia do feminismo mundial.  E o que está de ser, pola súa razón de ser, pese ás orelleiras de algúns, será a efectos de xustiza, da madurez sociocultural, da liberdade e da democracia, na que se inscribe a igualdade, como tantos dereitos humanos. Mais as teorías sobran, compre a praxe, vella cuestión a levar ao cotián,  á educación e non soamente ás aulas e aos patios de recreo, senón especialmente ás novas tecnoloxías da educación, as que educan ou maleducan, na súa ansia de seducir e facer adicto ao consumidor, as que, en vez  de servir pra emancipar enfráscanse en alienar.  Compre saber como se fai, cando o fondo é a mesma forma, pra non caer en distorsións ou contradicións, sen paternalismo e sen cotas .

Educación comezando por asumir esa natureza humana que é resultado  das relacións sociais, de particularidades históricas,  algo  que se pode facer mudar no devalar da Historia.  E  entre iso están os estorbos dese mal herdo que se lle outorga ás mulleres “por natureza”  o “eterno feminino” encadeada ás labores da casa ...  Educación sen caer na rutina da educación pola educación, entre frases feitas, cando educar é canalizar  pra resolver problemas que temos diante, en espazos nos que conviven e se relacionan homes e mulleres,  as que implican a todo ser humano a autodomesticarse, dende todos os sentidos, máis o eterno principio cultural da igualdade.

Asumir é o feito mínimo de revolución e de calquera ciencia: asumir, quizais, que neste mesmo escrito, aínda sen querelo, pode haber o remol dunha educación machista, a que non foi tanto no mundo agrario e polo tanto galego. Mesmo os cronistas da Antigüidade ao referirse á Gallaecia, din que hai un matriarcado e noutros casos refírense a xeitos patriarcais...O certo é que na tradición  galega agraria a nai ocupa un papel primordial na administración da casa e do traballo. Si ben, aínda existindo particularidades entre as culturas,  o xenérico acuñado pola sociedade urbana e industrial é que ao home outorgóuselle o rol do dominio, de caporal, pola contra  á muller o  de submisión, o que  conseguintemente abre portas a todo tipo de acosos, marxinacións, humillacións e explotacións... e nesa causa toda esa suma de efectos ensarillados. Como vacina unha educación que implica a tod@s en todo intre. E fronte ao sometemento, como contestación instintiva, rebeldía, desacato...que pode desvirtuar a teoría.

Non asumimos que lastramos o pasado, o dunha sociedade divida en xéneros, por idades, razas , riquezas e poderes, mesmo por  culturas que responden a circunstancias de espazo, tempo e sociais....a visión global, unificadora, que priva identidades en favor de outras, tampouco encaixa, sen o referido principio de nunca á explotación dun ser humano por outro igual... ou quen di iso dun pobo por outro pobo.

Cada día supón unha nova revolución ou involución, xa que a Historia non é lineal, é como unha gran árbore con polas e ramas que medran e florecen dependendo de circunstancias. Dende aquela revolución feita hai case dez mil anos, a Neolítica, que implicou a asunción por parte do ser humano de arrogancia, de poder, de dominio e domesticación de plantas, animais, da paisaxe e do mesmo ser humano, poñendo normas de convivencia en relación co medio... comeza entón a repartirse o traballo: o home abre camiños, a muller mantén a casa, pra ser o tópico retrato da maternidade, esencia da tribo, da xentilidade ou do grupo familiar...velaí as divindades femininas, expresivas do poder da fecundidade. Máis as cousas non quedaron nesas...non temos máis que ler os textos dunha ou doutra relixión, comezando pola Biblia, punto de partida de xudeus, cristiáns e musulmáns... por excelencia machista, feita por homes, especialmente no Antigo Testamento... mentres que no Novo Testamento, aínda que protagonizada por un Mesías, a súa nai dáselle un portal relevante, mediador, pero cargado dunha submisión da que se fará misión de exemplo. E nesas fomos e seguimos maleducados en que o canón é machista. Sen asumir a esencia do papel a cambiar: que o home manda e domina e que a muller sométese a il. Comecemos pois polo que se transmite a través dos medios, movidos polos ventos do morbo comercial, até  instrumentalizados polas mesmas mulleres. Democracia  e liberdade que en ocasións se usa pra explotar por parte dos máis fortes, e non soamente fisicamente, senón  economicamente e polo tanto politicamente.

O cambio económico e sociocultural está na base de todo isto,  Marx, que tanto influíu na contemporaneidade abriu novos camiños no pensamento e nos comportamentos a través da súa teoría da historia da loita de clases, onde se asume que o traballo é fonte de produción e riqueza, co perigo da atesourización dun capitalismo con tendencia a perpetuarse... Asunción que implica xenericamente a tod@s nesa dialéctica de avances. Abríronse así camiños á teoría e á praxe do feminismo. A pesares de que o mesmo Marx foi criticado pola súas doses de moralina coas mulleres obreiras, en condicións degradantes.... a opresión das mulleres, como propiedade privada ou mesmo como escravas, traballadoras domésticas,  maquinaria para transmitir herdanza... Pasos madurados por Simón de Bouvoir fendendo coas formas de vida burguesas, denunciando a desigualdade nos salarios entre homes e mulleres que crean violencia, novos xeitos de xerarquías patriarcais e un neoliberalismo que fai mercadeo, liturxia  e diversión do tema.



8 Marzo 219