A teoría e a praxe galega e universal de Luis Seoane

Ampliar: A Seoane por Quintana Martelo



A Academia Galega de Belas Artes dedica cada 1 de abril a celebrar o ´Día das Artes Galegas´ este 2019 arredor do creador Luis Seoane, caracterizado polo compromiso sociocultural con Galiza. Obra feita pra levar á industria como parte da identidade.

Nesta sociedade das performances ou dos postureos, das novas liturxias e do consumismo, non faltan teorías, artigos como este, conferencias, libros, exposicións, cerimonias, homenaxes arredor dun novo santoral civil que rememora feitos ou persoeiros históricos. Pois velaí que a Academia Galega de Belas Artes instituíu no 2015 para a xornada d 1 de abril como “Día das Artes Galegas”, data que lembra aqueloutra do ano 1188 na que foron colocados os linteis do Pórtico da Gloria segundo o proxecto do escultor Mestre Mateo...Dia pois pra lembrar e celebrar e nada mellor que reflexionando arredor da creación neste confín. Deica agora os homenaxeados foron o Mestre Mateo, Castelao, Maruja Mallo, de la Sota e neste 2019  Luis Seoane, moi propicio a iniciativas como esta. Non ven mal pois en seguir as súas pautas: facer memoria, ensarillar teoría e praxe. Teoría non falta e a praxe xa é outra cousa. Respecto a sñi mesmo Seoane deixouno moi claro e a varios niveis, especialmente dende a divulgación, a través de artigos, libros, ilustracións, palestras...e sobre todo visible na obra  legada, entre a que xulgamos a máis transcendental pola forma e o fondo social, identitaria a do Laboratorio de Formas, visible  mediante as Industrias da Memoria: O Castro, Sargadelos e mesmo o que estaba chamado a ser o I.G.I, Instituto Galego da Información, onde resistiu de xeito numantino ata os seus derradeiros días, Díaz Pardo. Entendendo que un pobo que non fai reflexión sobre as súas orixes, nas que radica a súa orixinalidade, a materia prima, a canteira sobre a que re-crear, deixa perder a súa identidade para irse diluíndo no azucre da uniformidade global. ¿E como están hoxe, en tempos tan democráticos e liberais, aquelas “Industrias da Memoria” ? E arredor delas esas  iniciativas de orixe que lle daban o prestixio de ser por e para algo: O Museo Carlos Maside, a Editorial do Castro, o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, o novo Seminario de Estudos Galegos... Industrias que agora mesmo parecen esquecer aos seus próceres, que deixan esfumar  a súa imperecedoira orixe, a súa identidade até a desfeita e.... como anunciaba o clarividente Isaac están e venta.

Aproveitamos pois a dedicatoria do Día das Artes Galegas a Luis Seoane para validar as súas ideas, a súa obra, pra teimar arredor da súa ética e da súa estética, a que radicada naquel Seminario de Estudos Galegos, espoliado na guerra e despois, asimilado polo Consello Superior de Investigacións Científicas....e Isaac nen Luis deron a “esquecemento da inxuria o rudo encono”, eles tenderon sobre a “ Longa noite de pedra” unha ponte de galeguidade que viña de Castelao aos que aínda seguimos sendo. Teoría socialista, internacionalista, pero de praxe esencialmente galeguista, humanista entón, toureando as circunstancias... “hai que arar cos bois que temos” teimaba Isaac.

O Laboratorio de Formas de Galicia resumía as querenzas, a teoría e a praxe colectiva e galega de Luis Seonae e Isaac Díaz Pardo e con eles de moitos homes e mulleres no exilio, mesmo dos “encunchados” na Galiza da ditadura. A idea era concienciar, levar a  nova imaxe de Galiza aos bazares...e iso conseguiuse e vivímolo e trunfou namentres poido gobernar aquelas industrias Isaac Díaz Pardo, pra máis sometido ao lastre das sombras, ás cicatrices dos herdos e dos mandados, a lección do seu pai, o escenógrafo Camilo Díaz Baliño, á xeración e á lección de Castelao. E por suposto leal ás ideas, ás propostas, á creatividade daquel motor de ideas que era Seoane. Isaac e Luis, na praxe complementábanse como un tandem.

Sobre as súas intencións e sobre as súas obras eles mesmos xa dixeron todo pra non dar lugar a confusións en tempos propensos a trafucalo todo, a esperpentizalo, mesmo a convertelo en espectáculo. E fixérono de todos os xeitos, a través de publicacións e cursos, insisten en que a forma mesmo é o fondo, que o camiño faise ao andar: “rescatar do esquecemento aquelas formas orixinais que dende a prehistoria e a través de diversos estilos, caracterizaron o pasado galego con obxecto de aplicalas novamente á actual decadente artesanía de Galicia e a aquelas industrias que traten de establecer unha caracterización particular na natural competencia con industrias similares doutros países”. Isaac, retranqueiro asentaba en que virán os chinos e ofreceran porcelanas máis baratas... pero sen marca de Galiza, sen a dignificación do pobo, duns homes e mulleres traballadoras.. non levarán a ansia da pegada creativa, a que parte dunha reflexión por construír país e darlle un selo galego.

O mérito da obra de Seoane e de Díaz Pardo está en transcender do ego, do artista individual, pra entregarse a unha obra comprometida e solidaria. O Laboratorio de Formas tratará sobre temas que son familiares a Galiza e que por diferentes razóns - moitas delas causas políticas que inciden nas culturais e que mesmo levan á aculturación -  foron esperpentizados, tinxidos de feismos, esquecidas, perdidas... pese a ser parte das súas costumes e da súa natureza.

Asume Seoane a forza conservadora da relixión, o seu papel na arte , como canto significa a lenda e o mito do Apóstolo do que por intereses imperiais se fai un guerreiro, así como canto supuxo o Rexurdimento na busca das orixes. Universo ao que abre Murguía, o celtismo, as relacións con Irlanda e unha permanente pescuda que prenderá e caracterizará a Maside, Eiroa, Souto, Colmeiro…  sumando os contidos sociais, a ética e a estética protagonizada por Castelao... velaquí os piares do Movemento Renovador Galego, do Museo Carlos Maside, estudando as formas galegas, esa tendencia á curva que atopamos dende os petróglifos ao Barroco, tan en devalar coa paisaxe galega,  ese panteísmo que acouga no subconsciente dos creadores, que marca o carácter diferencial e que agroma nas diferentes artesanías. Poucos países como Galiza poden ofrecer tanta historia e formas tras si,  herdos que chegan a este noso tempo, no que tamén somos testemuña de como se perden.

Aos integrantes e á filosofía do Laboratorio de Formas de Galicia  débeselle a iniciativa de reconstruír un novo Sargadelos, aprendendo a lección do ilustrado Raimundo Ibañez quen de 1791 a 1875 aproveita a forza e o saber do artesanado, o caolín, o ferro, a auga... para construír unha industria referente. ¿E Por que antes e non agora pregúntanse? Nace así a quinta etapa de Sargadelos, traballo conxunto no que o arquitecto Andrés Fernández Albalat da as trazas circulares a un edificio que co tempo se irá ampliando como un núcleo fabril cheo de contrastes e galeguidade, ética-estética. A experiencia xa estaba na fábrica de O Castro de Sada, onde Isaac entregou propiedades, ideas e buscou  mecenas e seguidores do plan, pese tamén ás dificultades da ditadura. E así vanse fabricando xogos de porcelana que re-crean temas con base no Románico, no Barroco, mesmo en homes e mulleres da Historia de Galiza, insistindo na dignidade da muller, axudando a remarcar unha iconografía galega, esquecida até entón ou pechada nos andeis dos intelectuais…  Así é que pra  facer un regalo con “zume de terra e cerna de tradición” que diría Castelao, todos acudimos aos produtos do Castro ou de Sargadelos. A idea non quedaba unicamente na porcelana, fixéronse tamén gravados,  múltiples, tapices, proxectáronse mobles re-creando na tradición galega… todo apoiado nun manifesto en galgo no que aclara Seoane “idioma exclusivo no que se fará toda a súa propaganda en Galicia e en galego e castelán para o resto da península”, publicación dos Cadernos, experiencias, cursos, conferencias... arredor do deseño industrial en Galiza. Todo como prevención fronte á tendencia á imitación do alleo, insiste Seoane, efecto en definitiva da aculturación…nos referentes estaba a experiencia da Bauhaus, ou da Escola de Deseño de Ulm... algo a estudar nas universidades de Galiza para aprender da memoria... e será aínda que de xeito serodio, mentres tanto velaí o noso panorama.



4 Abril 2019