A destrución “oficial” dun recurso cultural: Arretén en Padrón

Ampliar: Arretén (Padrón)



Padrón é escenario moi vencellado á Historia de Compostela e Galiza, arqueoloxía, literatura, tradicións....e dentro dela hai espazos como iría Flavia, Santiaguiño do Monte ou a ruta Rosalia que serian merecentes de maior atención. Paramos en Arretén

Algúns aínda seguen a bater teimudos no mantra de que “a cultura nin vende nin da votos”.  Son os que non teñen cultura , os incultos entón,  os que aínda non saben que a cultura ou tamén a incultura é o que distingue aos países e aos paisanos do mundo, o que os seres humanos cultivamos de xeito especial pra ser no universo. Algo máis que  teorías, feitos, pero  tamén pegadas do pasado: arqueoloxía, etnoloxía, reliquias. Recursos “produtos” culturais que estudan e pregoan en congresos os axentes turísticos...logo, á hora da verdade, pechados, abandonos... namentres campa e dana a ollada ese efecto con causa na aculturación, o feismo, o esperpento, a degradación en forma e fondo. Namentres e como paradoxo non falta aparato cultural a anestesiar a verdadeira cultura, comezando polas concellerías, as delegacións territoriais coas súas comisións de Patrimonio, consellerías e direccións xerais apelidadas “de cultura”.  O artigo 46 da Constitución responsabiliza aos poderes públicos da salvagarda do Patrimonio Cultural dos pobos... e a  Lei de Patrimonio Cultural de Galicia,  5/ 2016 de 4 de maio, no seu capítulo 1 da as “Normas xenéricas de protección” e  entre tanta norma, no seu Capitulo 3, no artigo 91 clarifica cales son os “bens que integran o patrimonio etnolóxico”, elemental a saber  pra quen ocupa unha concellería.

E para exemplarizar facemos parada e comentario en Padrón, antepórtico de Compostela, con tanto recurso patrimonial arredor de canto significa o mito e a Historia, cara á que abre os primeiros camiños que seguen o Ulla e o Sar, e iso atrae e enriquece.

Antes de ser Padrón, no que foi  Iría  estivo o foro dos Cáporos, porto abrindo á ría de Arousa, encrucillada  e mansión, parada e fonda á beira das vías : a “per loca marítima”, as militares vía XIX e a XX do Itinerario Antonino, variante esta que ía de Iria a Sobado e a Lucus.  Entre elas Iría foi civitas privilexiada a finais do século I, en tempo de Vespasiano e de seguido pola súa dinastía Flavia, distinguida como Iria Flavia. Arredor do ano 500 con basílica, das primeiras e máis prestixiosa sedes episcopais de Hispania, determinante no tempo suevo, visigodo e alto medieval,  cando se estribilla o mito datranslatio e a tumba do apóstolo, a Raíña Lupa por medio, o monte Libredón... até que no 1095 o obispado pasa a Compostela….Pero aínda máis.

Territorio onde se pon en evidencia esa secuencia que leva á formación de grupos de casta e rango, o feudalismo, con continuidade sobre Iría no Castelo de Rocha Branca, destruído a finais do século XV coas revoltas irmandiñas... mosteiros como Herbón,  pazos, como o de Arreten... Por algo en todo tempo terra inspiradora de escritores , no medievo Macias, Rodriguez de la Cámara, na contemporaneidade Rosalía, Murguía, Cela....Nicasio Pajares  entre as mellores  tarxeta de presentación. Pero hai quen non o sabe aínda. Recursos sometidos ao tempo,  a plans urbanísticos, á acción individual e oficial , mesmo dos que cifran o progreso na destrución das orixes. Exemplos  dese desequilibrio abondan. A pesares  tamén de que moitos monumentos de Padrón teñen a súa protección e con eles o seu contorno, mesmo unha importante area  declarada como “Paraje Pintoresco” (Decreto 326071977 1 nov.)

Vaiamos ao asunto: fai días soubemos que “Patrimonio estuda as medidas para reparar o Pazo de Arreten”, nunca é tarde, e ben que lle compre amañar as falcatruadas que se deixaron facer. Pois agora unha sentencia firme do tribunal Superior de Xusticia de Galicia  obriga aos propietarios a repoñer a legalidade  e condenados a un ano de prisión por danos no ben histórico con protección integral. Mesmo alí fixéronse obras pra rehabilitación subvencionadas e sen control xa nos 80, logo aumentadas e sen permiso no 1999.  Dende o 2002 seguidas de catro amoestacións de paralización... E a boas horas búscase un consenso entre a Dirección de Patrimonio Cultural e o propietario.

Mentres que son os concellos, as administracións máis achegadas,  as que deberan coñecer e velar polos seus recursos. Serodia e precursora determinación , cando os seguidores da “Ruta Rosalián” coñecían e denunciaban o lamentable estado dos míticos, etnográficos, históricos e literarios  espazos de Arreten…. Pero non queda no Pazo a nosa ollada, deberase extender tamén a súa contorna, os despropósitos burocráticos e desfeitas sobre o terreo cultural provocados dende o 2010 pola variante da AP 9 a Padrón: a burla aos veciños, a destrución de carballeira, dos conxuntos de muíños, liño, arcas de fontes do lugar da Horta dos Cortizos.

Arretén é unha pequena e atractiva aldea de Padrón, ben chantada nas abas do  Monte Meda, hoxe coroado por eólicos e antenas, casal liberado da experiencia das cheas  ás que se sometía a parte baixa das ribeiras da confluencia do Sar e do Ulla. Núcleo antigo, refeito no XVIII sobre o que campa o devandito Pazo, solar do Castros, que foi da familia Perez Lugín, parte materna de Rosalía de Castro, propietarios tamén da Casa da Matanza, a carón da Estación do Ferrocarril, a que prestaban á familia Murguía Castro en  pra afianzar raiceiras na Terra. Arretén  é  hoxe zona fortemente industrializadas, á que dan as costas esas naves e galpóns de traballo e almacéns que reclaman vías de acceso... e que mesmo puideran dialogar  mellor con ese pasado  que conserva as esencias orixinarias: casas, cruceiro, cabaceiros, hortas e un espazo singular o devandito da Horta das Cortizos e o do Sartego, pegado aos mesmos muros do Pazo ... Foi aquel un atractivo lugar: carballeira, hortas, fontes, captación de augas que nutriron a antiga Iria,  eiras, construcións nas que  atopar aspectos relativos á produción labrega galega. Espazos que noutras partes do mundo civilizado estarían a converterse en ecomuseo, isto é onde aínda se mostraría vivo o xeito antigo de produción: onde o muiño moe, onde os cortizos teñen abellas e se recolle o mel, onde se mostra a riqueza que significou e deu sona a Galiza, o seu liño, con canto supuxo a fía e o tear; o millo e as esfollas, a alimentación do gando... onde a auga, recollida en minas ou por sartegos seguiría a nutrir fontes , a correr polos comareiros, nas fontes ou se apoza en bebedoiros, lavadoiros...

Foi este atractivo “locus amoenus”, sedutor e inspirador lugar para unha Rosalía nena e moza, ao que sempre volveu cos seus, contado, cantado, pintado...lugar con espírito propio, co seu “genius loci”... E que nada parece importar ante a “prioridade das “variantes” de acceso a Padrón, cando, si se quere, hai  esas  solucións que vemos en países maduros, pero que parecen custosas pra manter uns muíños ... A frialdade a administrativa argumenta o desinterese do lugar, depréciase a tradición, asóciase e publicítase en relación cun pasado  inútil mcoa pobreza... encárganse informes que logo transpapélanse e gástanse sumas en trasladar, sen sentido e sen rigor algunha construcións de interese etnolóxico: muiño refeito noutro lugar, sen auga... cun coste de 178, 700 euros pra liquidar así o asunto “cultural”,  burlar aos propietarios e  finalmente quedar o sitio como os vemos hoxe, entre as silvas...  masacrado por unha cirurxía inexperta. Provocación , comezando polos que foron propietarios. Pero hai quen pode e persiste na denuncia, o empresario Andrés Quintá Cortiñas e faino por todos os camiños, reclama, solicita novos peritaxes, arqueolóxicos, etnográficos, recorre aos xulgados e atopa  novamente coa  insensibilidade: valorado  o lugar da Horta dos Cortizos e o Sartego polo Xurado Provincial de Expropiacións forzosas  en función da produción de eucaliptos, en 9,194,33 euros...Quizais no futuro, cando madure o sentido común, convirase doutro xeito.



2-Xuño-2019

 

´Horta