Arredor das tradicións festivas do Corpus

Ampliar: Coca Redondela



A cristiandade celebra o solsticio de verán coa esta festa eucarística na que ademais saen en procesión vellas tradicións pagáns: músicas, danzas, monstros...e alfómbranse as rúas. Por algo tamén o escudo de Galiza é o pan e o viño feito eucaristía.

Entre o 20 e o 22 do mes de xuño dáse no Hemisferio Norte o solsticio de verán.  Dende o Neolítico celebrado acontecer, cando o ser humano comproba  a incidencia dos astros na climatoloxía, nos animais, nas plantas e nel mesmo... orienta os monumento,  celebra festa e tece os principios da relixión.

Sesenta dias despois do domingo de Resurrección, nun deses luminosos xoves , o  máis próximo ao solsticio de verán,  a Igrexa Católica celebra o Corpus Christi. Si ben agora, en tempos máis laicos e polo almanaque laboral, trasládase a súa liturxia ao domingo seguinte.  Manifestación pra afianzar a fe cristián arredor da Eucaristía  e farase cun sedutor ritual sacro-profano. As tradicións non traizoan e perviven por ser necesaria chamada ao encontro . A Eucaristía será tratada como cosmogonía de pan, o escintilante e entrante sol do verán,  raiolas que se fan petar nas cámaras funerarias do Megalitismo.

E para remitirnos ao pasado dos avós neste singular confín de devocións e de liturxias aos santiños, non temos outras que coller a Etnografía de don Vicente Risco,  pousaremos neses capítulos que recomendaría nas escolas para coñecer un  pasado inmediato que aceleradamente vai mudando e perdendo senso. Sábese que estas celebracións cristiáns remóntase ao medievo, á metade do século XIII, a partir da difusión do milagre Eucarístico da Bolsena italiana,,semellante ao que acontece nunha misa do Cebreiro no século XV,  cando o pan e o viño se converten en carne e sangue... e alí seguen a venerarse esas reliquias.... Risco entende que a celebración que enxalzan a Eucaristía en Galiza non van máis atrás do século XVI ante as teimas relixiosas do emperador Felipe II . Festa e feira promovida por unha Igrexa que convidaba aos gremios a formar confrarías, motivo tamén  pra  aguilloar a lei da oferta e da demanda, a un tempo que se afianzan os poderes, as xerarquías eclesiásticas e a nobreza. E neste país propenso ás tribos farase rivalizando entre vilas e cidades, pra sacar a relucir na festa canto ofrece a tradición:  arcas e alfombras florais, cabezudos, cocos e cocas, máscaradas do pasado, danzas  e músicas gremiais, de bombos, paus, de espadas, entre cintas de cores e arcas florais...E Compostela, a  “Gran aldea de Galiza” será modélico referente:  saían á rúa oito xigantóns representando os camiño cara á tumba do Apóstolo

Días nos que cada casa contribuía engalando os seus predios, os escenarios do recorrido da procesión: sobre  os balcóns colchas exóticas, na noite anterior debuxábanse as rúas pra lo cubrilas a modo de alfombras florais con ramas, a “enramar” con moito e arrecendente, mouradas espadanas de estraloques, cinamomo... e a repartir pétalos e cores, mesmo complementado con area e serraduras tinxidas de cores . Armábanse nas encrucilaldas efémeros castelos de madeira, flores e papel,  complementados no interior con pirotecnia que se acendía ao paso desa procesión. Luz, cor, músicas, cánticos, incenso e bombas de palenque, ao paso da comitiva. Engalanada e baixo palio a custodia, a veces sobranceiras xoias, obras de arte de ourives históricos, coidados obxectos litúrxicos dos que ben se gababa a parroquia ou a catedral.... As vilas mariñeiras sempre foron leais a esta festa, en especial modélicas as portuguesas, como a Povoa do Varzín. Procesión nas que ademais saian, ben repartidas, todas as irmandades, erguidos ao vento os seus estandartes. Herdanza das tribos e que algunhas parroquias celosas das súas tradicións aínda conservan  bandeiras e estandartes coas imaxes dos seus padróns bordados ou pintados. Comitiva na que non faltaban os particulares danzantes e figurantes, con  ese bailes tan das vilas mariñeiras do norte, do Cantábrico tamén: eles vestidos  de branco e con banda vermella, ao xeito pamplonica, danzando como buxainas, brazos erguidos, trenzando pasos e  cintas, entrecruzando arcos florais, pasando baixo deles, tocando paus ou ao equilibrio con remos... Cariño, Fisterra, ensaio tras ensaio, festa tras festa,  manteñen a tradición. As relacións mariñeiras entre portos fanse evidentes. Tamén se sacan a relucir os xigantes e cabezudos, mesmo amazonas ou pantasmas, como lembra Risco,  verdadeiras obras de artesanía, imitando monarcas , persoeiros doutro tempo: as Cocas, eses monstros que a tradición di habitaba nas rías , nas lagoas ou nos pozos encantados dos ríos... confeccionados en tela e papeliños de cores, como os monstros das festas orientais, herdo das tarascas célticas, nos altares cristianizadas e representadas esmagadas por santos, como a imaxe do San Miguel, de Santa Marta, da Santa Margarida ou da mesma Raíña dos Anxos, sobre Leviatán, o diaño que é anxo traidor... Xeitos de educar a vencer os medos.

Redondela, vila mariñeira  na baía de San Simón, compite con Ponteareas , a que dende o 2009  ten a súa declarada Festa de Interese Turístico Internacional,  así presume de alfombras florais. Mentres que Rendodela ofrece  unha antolóxica mostra do que dicimos, incorporando ademais a danza das penlas, documentada  mesmo en Compostela,  propia do gremio dos forneiros: mulleres adultas, vestidas de encaixe branco, chamadas “as burras”  portan sobre os ombreiros a rapaciñas  que cos brazos abertos ao ceo semellan anxos...e veña,  a virar e virar.

Nos tempos do católico Felipe II  os concellos obrigaban aos gremios a participar nas procesións e velaí ofrendas de gremios de prateiros, xastres, acibecheiros, zapateiros, canteiros, carpinteiros, armeiros, ferreiros ... cada cal honrando a un santo,  coa súa singular danza, entre elas unha de exóticos indios . Compre lembrar a Festa do Boi celebrada  en Allariz e que conmemora o feito polo cristián Xoán de Arzúa, cando  por burlarse do Corpus, arremeteu  cun touro contra os incrédulos xudeus ... Boi das Cordas que concorda con outras festividades como a celebrada na lusa Ponte da Lima. Expresión esta da forza brava da natureza, controlada, que tenta romper o orde civilizado arredor do culto solar feito Eucaristía....No medievo festas argalladas por mordomos e ramistas dos gremios  con programa que se complementaba con autos sacramentais, representacións que aguilloaban a creatividade literaria e escenográfica. Sabemos que en Betanzos  tramábanse vidas de santos e que saían un xeito de demos tentadores, os “Gaimanchiños” que, hai unhas décadas rescatou  o Cronista Oficial , Xosé  Raimundo Nuñez Lendoiro.  E non todo eran historias de santos e mantras relixiosos...a festa tiña tamén súa parte profana, non faltaban titiriteiros nen xogos, competicións, demostracións cabalares,  touradas, herdos dos ritos do taurobolio  xa documentados  de xeito arqueolóxico dende a protohistoria. Manifestacións de tauromaquia que lle deron sona a vilas como Noia, Allariz ou Ribadavía...

Corpus das estreas de temporada, no que  lucirse e asomarse ao balcón. Risco  di que moitas carnavaladas, consideradas groseiras aínda que pintorescas  foron desaparecendo dende a visión crítica, pedante dos curiosos impertinentes da Ilustración. Non cabe dúbida que todo o que tenta contra a vida vai desaparecendo. A celebración do Corpus vive entre a concentración de comuñón de nenos e procesión e Ourense fai do Corpus a súa festa maior.

No “Principiño” de Saint Exupéry , no diálogo entre o Principiño e o raposo  conclúe que “os ritos son necesarios”:  “ ¿Qué é un rito? —preguntou o Principiño. —É algo demasiado esquecido —dixo o raposo—. É o que fai que que un día nos se pareza a outro día e que unha hora sexa diferente a outra. Entre os cazadores, por exemplo, hai un rito. Os xoves bailan coas mozas do pobo. Os xoves entón son días marabillosos nos que poido ir de paseo cara a viña. Si os cazadores no bailaran en  día fixo, todos os días se parecerían e eu non tería vacacións.”



16 de xuño 019