FEIRA NA ENCRUCILLADA DOS CAMIÑOS, OS QUE DA MONTAÑA VAN Ó MAR E ÓS RIBEIROS



FEIRA NA ENCRUCILLADA DOS CAMIÑOS, OS QUE DA MONTAÑA VAN Ó MAR E ÓS RIBEIROS

Lembro uns documentos adquiridos para o concello polo Alcalde Perea á familia Munín, procedentes da súa casa fidalga de Ventosa, perto de Astureses. Referíanse á feira do Carballiño, e coido que con data anterior á referenciada por Docampo Nóvoa - historiador riguroso ó que sempre se fai preciso consultar para estas cuestións de orixe, incluso para desenvolver súas inciais pescudas - quen atopa como documento máis antigo o de 1661 do Arquivo Provincial de Ourense.

Si ben a partir desa data abondan as referencias á feira do lugar do Carballiño, como deixou constancia - entre as súas traducións e admiración por Rilke - o lembrado profesor de literatura Xaime Ferreiro Alemparte. Coido pois que caben posibilidades de mención anteriores, cavilando nas concesións de Sancho IV no 1286, coa feira do dazaseis que se celebraba no coto de Cea, sen determinar ubicación ou data do traslado a ese outro coto que ocupará o Carballiño. Pero pouco máis soubemos do documento devandito.

O Carballiño era lugar de encontro na feira, espacio referenciado posiblemente en relación cunha plantación de carballos ou “caballinneo”. Madeira como combustible domésticoou industrial, madeira para a construcción, para trebellos do agro, do mar, para as landras coas que alimentar os porcos, para o tanino dos curtidoiros, por algo tan abondantes nestas terras… Igual
pasaba cos viveiros de castaños para dar lugar a mestos soutos, cando a castaña tan necesaria como alimento popular vai ser, pouco a pouco, sustituida pola pataca… Tarefas de sementeira e inxerto ben aprendidas, de gran rendibilidade económica ás que estaban moi afeitas os frades na súa empresa agraria e gandeira. Para ser a plantación aquela de caballiños o que lle da topónimo, sen despreciar outras teorías.

Partovia e Señorín, no nacente, están sobre esa historia, como Longoseiro no crepúsculo, son parroquias, núcleos máis achegado a esta feira nacente na encrucillada do Carballiño. Ó pe das vereas nacerán paradas ou “portos”; velaí a “verea” que por Flores levaba a Señorín e que no afan castrapizador chamaron logo e ata hoxe “calle de la Verdad”, onde asentou casa a orde de Oseira, refeita no XVIII e da que, quen esto conta, é permanentemente de nación. A que a partir da Desamortización foi divida en dúas partes, a máis grande a da “Zamorana”, seguida da dos Tizón, a que posteriormente divídese nunha terceira parte, situada a carón da vella igrexa. Parroquial dende 1893, construida pouco antes segundo planos de reforma de Vazquez Gulias e no terreo que foi da venerada capeliña de San Antonio, santo lisboeta e de camiños, moi da devoción dos arrieiros, o que ainda, non hai moito, era celebrado en festa e cando lle correspondía no mes de xuño no “barrio de abaixo”· Espacio e ambente que describe con grande valor etnográfico a Pardo Bazán en “El Cisne de Vilamorta”. Templo de graciosa espadaña con remate de carapucho, onde xa repinicaron máis as badeladas a “Castora” (en lembranza de don Perfectino Vieitez) e a Ana María ( filla de Florinda Ulloa), as que lembran ós seus donantes. Acolledor portalón do templo que miraba ós pendellos que foron dos devanceiros dos Malavís coa taberna do “Chupete”, vidos de Arcos das pulpeiras. Aquel espacio era auténtico ateneo de tradicións carballiñesas, entre dedais de licorcafé pola mañán e racións de callos e pulpo no xantar, ben coñecido de Cunqueiro. Lembranzas, supervivintes aínda do meu Carballiño.

A “Carreira” e o mesmo barrio de “Flores” estiveron feitos de casiñas homildes que miraban ó que foi camiño e á “Fonte da Mina”, para, a partires dos setenta, construirse novos edificios. Neste Carballiño montábase da noite ó mencer a feira: das galiñas, dos hovos, do gando (bestas, marraus, años…) dos cacharreiros de Niñodaguia… dos zocos, da roupa, dos cestos, dos vimbios, das vides, da semente, das pulpeiras de Arcos, do pan de Cea… con espacios para a “sorte do paxariño” e outros adiviñadores, para as curandeiras de serpes e lagartos, para o vello da zanfoña e os moinantes, os pobres e paveros… Festa e feira maior, entrando no outono e no tempo das vendimas, no día de San Cibrao, o 16 de setembro. Curiosamente este era o día do cumpleanos da Pardo Bazán, que tantas vegadas e mentras o matrimonio marchaba ben, celebrou nas casas do seu esposo don Xosé Quiroga, Maestrante de Ronda, por aquel entón Diputado en Madrid.