A lixivia…. cando o remedio pode ser peor que a enfermidade para o patrimonio cultural

Ampliar: Limpeza especializada do patrimonio cultural



Repaso da significación da lixivia na cultura galega:fabricantes, usos e abusos, sobre todo os perigos que pode ocasionar no patrimonio cultural cando non hai un seguimento especializado, máis neste tempo do coronavirus no que se incentiva a hixiene

Nestes tempos do coronavirus e de tantas cuestións sociais a debate: dos sanitarios, dos contistas, das farmacias, das droguerías e do bazar chino... o ambiente envólvese nun halo de popular lixivia.



O cheiro urbano de Galiza, a partir das cinco da tarde, foi e sigue sendo a lixivia.  Si “a casa cheira a limpo”, isto é a lixivia. A louza, a roupa, o chan da cociña ... segundo o instinto da tradición requiren as súas doses de fregas de auga con lixivia. Todo recende a xabón e a lixivia, dende  as mans da nai ás pedra das beirarrúas, as canellas, as prazas e as esquinas... Cheira a lixivia os que foron escenarios do formigueiro da feira, dos postos das polbeiras e dos telderetes… mostrando tamén o seu desgaste, pasada tras pasada, a golpe  e arrastre de cepillos, vasoira, fregona e baldes de auga coa corrosiva lixivia... Sobre os barcos, nas lonxas, na praza de abastos,  baixo os pendellos, nos cuarteis, nas latrinas, pero tamén nos templos e nos pazos.

Hai moito de psicolóxico e extraplanetario, niso de barrer, fumigar por canto comporta de exterminar e que como primitivos depredadores tamén levamos no adn. Así que é cuestión pra asumir, para observar como os mesmos cans que, aproveitando o indulto normativo, se sacaron a pasear  e retornaron intoxicados e revolvendo o fociño

E aqueles mesóns de mesas de táboas gastadas,  frega tras frega a golpe de cepillo e estropallo, marcando ao cabo dos anos o relevo, a topografía das vetas da madeira, improvisadas obras escultóricas que se complementaban cando da xerra ou da cunca de louza branca se derramaba o tinto espeso. O fregoteo sobre as pedra, degradando e acelerando progresivamente a súa descomposición de micas, basaltos... Por limpar ata se limpaba - e con exceso de celo por parte dos ou das sancristanas - o chan, o refectorio, o altar e mesmo os santiños de madeira, así os vemos, coas cicatrices do tempo,  coas súas caras esbrancuchadas: Dolorosas aínda máis palidecidas e San Roquiños anémicos... Mal  se sabían e se saben os protocolos e coidados para co patrimonio cultural.

 Limpezas ás veces complementadas con outros experimentos químicos, destrutivos de canto pillan por diante: o zotal,  a auga forte, o amoníaco, os  deterxentes... Tratamentos que se incorporaron á educación hixiénica. Aínda que non todo vale e menos cando actuamos no patrimonio cultural, espazos e bens que requiren prudencia, consellos por parte de persoal cualificado e sensible co mesmo.

A lixivia imprescindible na tradición galega

 Na Galiza dos portos, das encrucilladas e das feiras e festas estamos experimentados en asuntos de convivencia: a tradición do caleado, que a máis de protexer a pedra e as labras, cruceiros, petos de ánimas e escudos das inclemencias do tempo, tamén tiña uso hixiénico, preventivo ante as epidemias e os contaxios, máis usada en interiores pero tamén en exteriores, ata a metade do século XX cando a estética da pedra vista se impón e medra e aparecen, descarnadas, á vista paredes que, en orixe, se complementaban cunha leitada de cal que mesmo daba vida e ennobrecía as edificacións. E entre limpezas con solucións de lixivia e deterxentes ata mesmo  a vimos aplicar, a alta presión e con cepillos de raíz, sobre singulares monumentos, borrando labras e ate a sinatura do seu escultor, por exemplo o monumento a Curros da Coruña, obra de Asorey.

Como tantas cousas á lixivia é un invento nacido en anos da Ilustración francesa, no século XVIII, ben o sabía o científico Luis Pasteur, entre outros. Foi no distrito de Javel, nas aforas de París e das mans de Claude Lois  Berthollet, “o alquimista da lixivia”, señor que probando co novo invento do cloro e os seus efectos branquedadores deu co que chamaron inicialmente e se comercializou como  “Eau de Javel”  ou lixivia de hipoclorito potásico, para máis adiante ser substituído o potasio na súa disolución con auga polo sodio, espallada e difundida polo mapamundi. Acreditando e esquecendo tamén que o seu uso abusivo pode ser fatal para saúde. Experimentos entre os que seguimos, incentivados pola necesidade.

A lixivia, aínda que comedidamente é a mellor aliada da casa, dos hospitais, máis tamén inimiga na preservación do patrimonio cultural

Galiza pais pois de lixivia e mesmo dos xabóns,  onde seguindo os principios da Ilustración, Coruña ou Vigo en inicio crearon fábricas e industrias dos mesmos, rexentadas ademais por familias defensoras dos principios revolucionarios. País da químico-farmacéutica “Zeltia”, referente cunha longa historia detrás. Inevitable tamén na lembranza é a fábrica de lixivia da Coruña, que no ano 1936 vive a persecución de catro de oito irmáns, os García García, repartidores de lixivia da fábrica do seu pai: tres deles fusilados no Campo da Rata: Jaroes, o xogador do Deportivo Bebel e France...e o cuarto, Pepín, logrou fuxir para Uruguai, axudado por Neruda, para vivir, contalo e, ao cabo do tempo recibir o recoñecemento da Coruña ata 1996.... Triste historia da que aprender, a dos “Irmáns da Lejía” . Fábricas que, ao cabo do tempo, irían sendo absorbidas por multinacionais,

Popular lixivia conformada por hipocloríto sódico, vendida a granel en garrafóns, logo en botellas e máis a partir dos sesenta de plástico...as que contribuíron a degradar a paisaxe, material que non desbotou o ecoloxista integral de Man de Camelle, que recollía cantas devolvía o mar para incluílas na súa arte do desperdicio, deformándoas con lume ata lograr curiosas e polícromas esculturas. Lección ecolóxica pura da que tamén se vai apoderando, deica onde a deixe o coronavirus, a acultura do consumismo e do espectáculo.

 Era do coronavirus, dunha educación na responsabilidade persoal e social, na hixiene no uso dos desinfectantes. Era das empresas de limpeza que deben sensibilizar e formar no uso deses produtos tan prexudiciais para pedra, a madeira, os metais... pras pinturas, os “bens non renovables”

A limpeza no Patrimonio cultural: “coidao, coidate, non o toques”

Pandemia que aconsella acollerse a saberes tradicionais, os da lixivia, tamén a un novo mercado de produtos químicos e a darlle ao caldeiro e á fregona. Cando non todo vale, pois ollo coas altas concentracións, a vaporización e as conseguintes reaccións tóxicas que poden causar,  tanto en quen os aplica como no medio e no patrimonio. Un deses produtos é o oxidante do ozono, perigoso en altas doses. Con el fanse desinseccións industriais,  fumigacións, como as que se realizan en almacéns de madeiras ou vagóns de castañas para previlas de insectos. Prácticas que a mesma administración emprega, en ocasións, en inmobles de carácter cultural, onde se albergan, telas, mobles, cadros, esculturas...que poden saír prexudicados.

Ao respecto, xa no mes de abril, o Ministerio de Cultura alertado polo Instituto de Patrimonio Cultural de España así como pola  Junta de Conservadores y Restauradores, de profesionais do uso da mascariña e das luvas no seu meticuloso traballo cos bens culturais,  a través dun escrito dan recomendacións imprescindibles para desinfectar o patrimonio cultural, sen provocar a súa destrución. Ponse en sobre aviso ás diferentes administracións arredor do uso da lixivia no Patrimonio Cultural. Asunto ao que non son alleas as Escola de Restauración  ou a de canteiros de Pontevedra, o Instituto do Restauro e os bos profesionais de Galiza, coñecedores do que tratamos aquí.  Aconséllase efectuar as limpezas neste patrimonio baixo o asesoramento e recomendacións de especialistas. Sendo ademais máis partidarios do uso do etanol disolvo ao 70/00 en auga, así como das solucións hidroalcólicas ou xabóns neutros, aplicados a presión moi baixa...E sobre todo, aconsellarse e guiarse por quen sabe.

Os profesionais dos museos saben como abordar estes casos, non tanto nas dependencias públicas en edificios e entre obxectos de interese. Espazos nos que si se fai unha limpeza entusiasta, intuitiva, tradicional, máis que científica e contrastada. Advertencia que debe chegar aos responsables, párrocos, abades e superioras de conventos, mesmo entrar nas clausuras e cuarteis, pra non provocar males irremediables. Advertencia baixo o lema o tuit  : “cóidao, cóidate, non o toques”, coa que si, nesta situación, nos adiantamos preventivamente a outros países.

 

21 de maio do coronavirus 2020