TERRA, AUGA, LUME E AIRE NO SAN XOAN DE ANTES

Ampliar: Fogueira de San Xoán ( debuxo de F.Senén)



O panteismo ´céltico´ faise ben patenta na noite de San Xoán, a do solsticio que abre ao verán: danzas ao redor das fogueiras, cedo lavarse coa auga e as prantas, abrir as xanelas e airear a casa... pervivencia de ancestrais ritos de purificación

Os vellos autobuses de transporte que había no Carballiño e nos seus arredores, levaban de diante o  expresivo letreiro de ”Feiras, festas e romarías”. E iso xa dicía o que era o Carballiño, encrucillada onde celebrar a vida e facer comercio aproveitando calquera argumento: arredor das tradicións, dunha devoción a un santiño ou a unha virxe, pero tamén celebrando os seus produtos e máis, aqueles de ”Pra carne, pan, pulpo e viño o Carballiño”

Entre esas festas están as máis ancestrais, as que se perden na prehistoria e celebran os cambios estacionais, equinoccios e solsticios que rexen o agro. Encontros en función dos Catro Elementos da vida que dicían os filósofos presocráticos: Terra, Aire, Lume e Auga e arredor deles festas pagáns cristianizadas e algunha novidade máis: no fin de ano o San Silvestre, logo o Entroido, despois os Maios, o San Xoán, os Magosto, as que máis, entre outras. E cada festa co seu ritual e as reconversións que vai deixando cada tempo. Encontros da tribo nas que non falta a fogueira, lume do que logo os fogueteiros, imitando a Merlín farán efémeras filigranas de pirotecnia pra noites de folión e modernamente proxeccións de luz....e sempre cor, música, danzas e xantar enxebre sobre as mesas. Días nos que nos lugares do pasado as sensibilidades finas enxergan os laidos do Trasmundo, o asomar das mouras...Tempo pra exorcizar o mal.

O San Xoán do bautismo cristianiza o solsticio de verán, o paso do tempo escuro ao da luz, cando xa os prehistóricos tentaban que as raiolas do sol furan entre as antas pra petar nas cámaras funerarias do Megalítico. Sempre celebrando ao sol da vida. Festas que levan prendido algo do pasado, herdos orientais-célticos, romanos, cristiáns e tamén o consumismo e a aculturización de hoxe, botellón por medio, degradando viño, espazos, ambiente, futuro.

De entre as festas cíclicas nunca se faltou en Galiza á cita do San Xoán, tampouco no Carballiño, aínda sendo máis do Entroido e dos Magostos. Coidábanse os ritos en relación cos Catro Elementos: recoller a auga nas tres, sete, nove ou trece fontes, poñer na almofía ese ramillete co mesmo número de flores milagreiras, “a verbena”, recollidas nos lameiros, á beira dos camiños, nos pardiñeiros,  entre elas a que máis o bieiteiro, o tromenteiro, fiuncho,os estraloques, o romeu, ourego... as chamadas flores do San Xoán ou seoane, plantas curativas, panacea na botica popular. Flores que neste tempo se collían ás beiras dos pardiñeiros da Barronca, nos Cutiños, no Mato, en Carrás..... Entre elas e a que máis, merecedora dun tratado é o sabugueiro ou sabugo (saúco en castelán), mesmo tamén  e por algo con ese outro nome, o de bieiteiro que se lle da, en relación coas augas do bautismo, como planta pagán, cristianizada. Ao respecto máis puideran contarnos en Centro Europa, onde o sabugo é considerado máxico, sabio herdo druídico, herba das meigas, das curandeiras.  Arbusto de paus que traballados e ocos poden facerse con iles pitos, tiratacos ... Ademais planta que denuncia e pervive onde houbo civilización, aínda que poida desaparecer todo: á beira do camiño, da casa abandonada, como o loureiro, a figueira, detonantes vexetais dun pasado que o arqueólogo pode saber enxergar para os seus presupostos.

Lavarse coa natureza, enxertarse no humus, danzar arredor do lume: reivindicar o comunal

E lembro á Señora María de Punxín, como meiga, cos seus saquetes de herbas, de porta en porta, recitando uns versos para cada unha daquelas prantas “A artemisa entre o peito e a camisa”, “ o bieiteiro pra  beber o enfermo no leito”....

Verbena de plantas pra deixar na almofía ao remollo, ao serao da noite, pra na mañancina cedo lavarse coa natureza...e ao seu carón unha cunca con clara de ovo  que na mañanciña tomara forma agoreira  dun futuro...Faltará xa que se vaia a peitar baixo a nogueira pra ter bo pelo. Velaí algúns ritos de iniciación nesa ascese ou pasaxe, nese xeito de Xogo da Oca que é a mesma vida.

Noite na que deixar as portas abertas, ventilando a casa co bo aire, xa denantes sacando pra alimentar a fogueira comunal os trastes e mobles vellos onde se tiña metido a couza... Arredor das labaradas bailes e danzas , sen deixar de facer trasnadas a quen tenta contra o comunal, cambiar de sitio o marco, a cancela, atuar a porta de saída da casa....

O medo e prevención ao lume sempre o houbo en terras de galpóns de feirantes e palleiras. Non faltando entón espazos comunais, campas ou campos de feira e festa...eses que toda vila e cidade tiña e das que presumías, onde  xuntarse, vender, celebrar...e onde como diría don Ramón Otero Pedrayo a ilustración municipal encargouse de deixar a súa pegada, unha fonte, un monumento, un aparcadoiro....pra despois non ter onde xuntarse, nin tan sequera onde facerlle sitio ao abraiante palco da Panorama ou da París Noia... Sitios escampados, onde prenderlle con seguridade lume ás fogueiras e deixalas expresar en labarada. Lugar concorrido pra estas lumaradas era a Pena de Queiras, penedo insculturado, na metade do sc. XX  partido pra sacar pedra pra Veracruz...

 Lémbroo ben, á porta de cada casa, cada seu velliño ou velliña, acendendo no solpor  a súa cachela de “lume novo” pra logo por aquela pitela ou torada do San Xoán nunha lareira recen limpa do vello remol. Asunto perdido pero aínda na lembranza dos que tanto vemos mudar. ta

Murguía e logo don Vicente Risco, despois os seus seguidores como Cuevillas, Xocas, Fraguas, grandes amigos e mesmo  “augüístas” nos veráns do Carballiño téñennos contado estas tradicións que aínda vivimos nas terras ourensáns.



24 Xuño 2020