E ASÍ NACEO “O CANTIGUEIRO DE ORCELLÓN” DE MANUEL MARIA E ALGO MAÍS...

Ampliar: Debuxo e montaxe de Felipe-Senén



No 1983 Manuel María entrégalle aos seus amigos da Agrupación ´Avantar´ do Carballiño o ´Cantigueiro de Orcellón´ , un feixe de poemas de varias feituras, populares e sempre amosando a súa fonda cultura e amor a unha Terra coa que se identificaba

Respecto a este feixe de  poemas de Manuel María non está todo dito e menos de primeira man,. O profesor Alonso Montero tentouno en “Agora de Orcellón”  no artigo  “Manuel María e o Orcellón” (Febreiro do 2005)  .

Mais denantes debemos saber como ben sabía Manuel María cales eran as terras que abranguía a Xurisdición medieval de  “Orcellón” e da súa veciña “Castela”, como aclarou o lembrado profesor Elixio Villaverde: o territorio de Orcellón está na banda occidental do Arenteiro, isto é , son as Terras do Irixo, Piñor de Cea e Boborás; mentres que da banda do nacente e lindeira co  mesmo río están as terras de “Castela”, isto é o Carballiño, Cea, Maside, Punxín.... Si ben , Manuel María escolleu o nome de Orcellón por transcender máis na documentación dos devanceiros. Territorio por onde o chairego ben enxergaba o paso e os cantares do xograr medieval Pero Meogo, ao que  tanto Murguía como Ferrín  poñen de clérigo por igrexarios de Banga e Gomaríz...e de aí ao Dacón e ao Amarante dos pais de Paco Luis Bernárdez, o poeta que trunfa na Arxentina, sen perder o seu norte, o mesmo que premiou a Manuel María de mozo e fixo posible a publicación no alen mar do seu “Advento” (1954).

No  Nadal do 1981, Manuel María, entrégame dedicado a miña compañeira e a min  o orixinal dun libro sobre viaxes que inicialmente chamaba “Versos de andar e ver” e que logo na longa demora de buscar editor mudou o título polo de “o Camiño é unha nostalxia”  (1985).  Persistín en que llo dedicara aos amigos de “Avantar” do Carballiño.  Ao menos conseguín que puxera  “A  Xisela e Felipe-Senén do Carballiño” . Mais en agosto de 1982 faime entregada para ilustralo, poñerlle prólogo e facerllo chegar a Xoán Afonso García López, presidente de “Avantar”, como recoñecemento ao amigo  militante “O Cantigueiro de Orcellón”.  Páxinas definitivamente dedicadas ao Carballiño e, de inicio aos seus amigos e amigas de Avantar.

 Alonso Montero di ben, sabendo que Manuel María non da puntada sen fío, que é propenso a usar os heterónimos,  detrás dos que sempre hai algo. No que respecta ao seu cantigueiro non había dúbida, detrás do heterónimo de Ernesto Afonso Reque Varela están: o Ernesto Atanasio, “Corcheiro”; o Xoán Afonso, mesmo servidor como Reque e o César Varela. E mesmo nas verbas de presentación bosquexa un curriculum para o seu “autor” no que enguedella a filosofía  popular e galeguista do Corcheiro coa misión nacionalista de Xoán Afonso nun ambiente difícil, en paralelismo coa actividade dos que están tras os apelidos que usa, de Reque Varela: que  se licenza en varias carreiras e que mesmo fixo escavacións arqueolóxicas... Respecto á mestría poética aclara que se trata de versos sinxelos, transparentes acordes coa paisaxe...  Si acaso, para volver a esas descricións do talante carballiñés nada mellor que ler o derradeiro poema.

Sae do prelo de xeito serodio  na primavera de 1984: edición numerada de 1500 exemplares editado por Avantar e patrocinado polo Concello do Carballiño, o que entón tiña  como Alcalde a Arximiro Marnotes Rodríguez.   No 2016, o Concello, sendo alcalde Francisco Fumega, en colaboración coa Fundación Manuel Maria fai unha nova edición, a que  mantendo integramente os contidos, corrixe unicamente erros anteriores, incluíndo unha presentación do Alcalde e un novo debuxo da miña autoría.

O prólogo está asinado por  “Avantar”, feito a varias mans, por Xoán Afonso e servidor. Como dixemos, de entrada o escritor, coa graza e a creatividade que o caracterizaba, inventa unha biografía    do seu heterónimo Ernesto-Afonso Reque Varela, collendo aspectos verdadeiros de catro dos seus amigos do Carballiño. Con antecedentes en Carucedo, ao pe das Médulas, ben sabía que desa parte berciana procede o meu pai, Felipe-Luis López. O autor cosen esa orixe cos dos demais e mesmo co do propio autor, que mete por medio a súa orixinaria Terra Cha : Emigrante á Arxentina e militante no Grupo Nacionalista Pondal , como estaba na vida do Corcheiro.

Dentes de escribir os poemas Manuel María, que xa algo sabía, preguntou pra informarse doutras cousas e non e deixarse levar  unicamente polos tópicos ou pola monumentalidade e a poesía. Tamén nos rimos respecto a algunhas cousas, por exemplo cando poetiza a auga da fonte do Concello...advertímolo que tiña ruín sona entre os carballiñeses polo difundido rumor que viña da antiga cárcere. Cando  a auga boa era a da concorrida Fonte de Flores que tamén ten poema.

Libro que o Manuel me pediu que o ilustrara...e así fixen con cousas sinxelas, case como de cartel de cego ou de literatura de cordel e cun toque estilo Virxilio que é o que me gusta por aquelo de seguir enredado na aura risquián do meu Ourense.  O presidente de Avantar recibiu  o libro e coidou a edición na imprenta Fumega. Sabendo como era de puntilloso o meu pai, mandeino a que, segundo as posibilidades de presuposto, controlara o papel, a tipografía, as cores e que saíra ben o “regalo” de Manuel María ao Carballiño. E así foi.

Anos despois o alcalde  Manuel Vázquez, “Pachi” viu ben poñer unhas placas cos versos do cantigueiro nalgúns dos lugares cantados por Manuel: Pena dos Namorados, Eira e Fonte de Flores, Concello, Praza da Galiñas, Veracruz.... Latóns lacados, rotulados en materiais débiles e que o tempo e o vandalismo vencen. Arredor de canto vimos dicimos Eduardo Bernárdez, vella cerna de Avantar, instituíu un roteiro seguindo os pasos de Manuel María por eses “locus amoenus” do Carballiño. Do mesmo xeito conseguise que dende o 28 de outubro do 2017 o centro cultural da vila levase o nome de Manuel María.

“.... O meu corazón queda no Carballiño...”

E non quedou aí esa declaración de amor do poeta chairego ao Carballiño, abonda nos seus artigos de viaxes de “Andando a Terra” no xornal “A nosa Terra” nos que nesta vez asinaba co heterónimo de Manuel Hortas Vilanova, escollendo os segundos apelidos de pai e nai.  Textos que mesmo podería facerse unha antoloxía tamén dedicada ao Carballiño.

Coñecemos á señora Pastora, Nai de Manuel María, aos irmáns, funmos e aínda somos, - ogallá que por moitos anos - convidados pola familia. Aquela, vella  e cantada “Casa de Hortas”, dende o 8 de setembro do 2013, nove anos despois do seu pasamento na Coruña, e tras un coidado proceso de rehabilitación, permanece aberta como Museo Manuel Maria. Espazos que nos honran ao lucir, en lugar preferente, algunha desas pinturas miñas que Manuel e Saleta respectaban e poñían nos lugares máis emblemáticos da casa: “os tres poetas”  (Pero Meogo, a Balteira, Gómez Chariño) , a “Piedade” sobre o leito onde naceu Manuel María e morreu a Señora Pastora...  Pintura que é  un “pozo” como definía il, símbolo do sufrimento da Nai ao morrer nun accidente de estada o seu fillo menor e irmán de Manuel María, Susiño.

Entre os degoros urxentes de Manuel María estaba a imposibilidade de coñecer Galiza e sempre repetía que por moi longa que sexa unha vida non da pra tanto. Tiven o privilexio de viaxar con eles, algunha vez naquel seu Corsa conducido por Saleta e noutras no autobús cos Amigos dos Museos de Galicia, onde como cicerones mesmo compartiamos as explicacións: no caso das terras do Carballiño ambientando as paraxes, falando de Pero Meogo, de Otero Pedrayo, do Cesáreo Sánchez, o poeta amigo e masiadao; de meigas, santos, de historiadores; enxergando, distinguido os Ribeiros, catando viños os e se acaso acompañándoos dunhas troitas, dun pulpo, duns pementos da Arnoia ou dun cocido... Gustaba Manuel María de beber aqueles viños “cultos”, a grolos, en cuncas brancas, cálices populares, como microcosmos dicía.

Viaxes dende Cea a Trasalba e logo por Punxín do San Vintila ao curuto do Castro de San Cibrán das Las, terras tamén do seu grande e leal amigo Bautista Álvarez, natural de Loucía, aldea presidida por ese noso pico Sacro que é o Monte do San Trocado. Aqueles encontros entre ambos, arrodeábanse de saber e simpatía.

 Andainas que viraban rumbos pra seguir por Banga, Cabanelas, Pazos de Arenteiro... Beade...  e sempre Ribadavia e na ida e volta o Carballiño...e ao fondo a Pena Corneira e as terras de Avión... Lugares en devalar con cada tempo, tan especiais na primavera como máis aínda polo tempo outonal da vendima e da castañeira. A arquitectura de Antonio Palacios na Veracruz quere expresar toda esa historia e saberes artesanais na pedra, a torre como un cruceiro erguido na encrucillada da feira.

Son  estes versos fáciles, populares, que nacen ao ritmo do choutar. Algúns deles axeitados  pra cantar, quizais ao xeito antigo,  de Santalices, Escritos que peregrinan entre as paisaxes e paisanaxes (como diría o controvertido Unamuno ou Teixeira de Pascoâes  pra humanizar o territorio) do Carballiño. Emocionados versos finais nos que confesa “ Abrín os meus ollos ben abertos/ limpei o sentimento/pra ollas e sentir o Carballiño/ anaco inseparable de min mesmo/ fermosísima tribo de Galicia.../”O meu corazón queda no Carballiño/e sei que un día calquera se fará/lene rumor do Arenteiro /ou acio de uvas , ben granado / que no setembro/ madura ao sol lentamente en Cabanelas./  . Libro de obrigada lectura para as xentes carballiñesas



10 Agosto 2020