LEMBRANZAS DO NADAL DE NOUTRORA NO CARBALLIÑO

Ampliar: Vilancicos (debuxo Felipe-Senén)



Repaso dalgunhas tradicións do tempo do Nadal no Carballiño: oBelén e a Árbore, a cea familiar da Noiteboa, a Misa do Galo , o ´Día das Pegotas´, a Noite do San Silvestre...os vilanicos da véspera dos Magos...e sempre presentes os ausentes

Nesa longa evolución dos ser humano, na que seguimos, vaise coñecendo algo da infinidade do universo, do movemento dos astros, do ciclo solar, do planeta Terra, abrindo a equinoccios e a solsticios que marcan as catro estacións fundamentais pro agro e os animais: meses de frío e chuvia, outros de florecer, de froitos, logo de sementes... Entradas e saídas de cada tempo que hai que celebrar por canto significan pra vida. Algo que acontece no Neolítico. Logo iranse sumando crenzas, creando deuses, cultos, mitos, querendo xustificar o rotar circular.

 

Así é que o cristianizado tempo de Nadal, arredor de cada 21 de decembro, solsticio de inverno, asóciase co Nacemento Cristo. Días con simboloxía e particular tratamento litúrxico. Festas coa ansia  de consolidar o grupo, a casa, a tribo que é a parroquia, bases da sociedade.

 

E Galiza, aínda tan rica en tradicións, ten moito que ofrecer neste tempo no que se expón o bo facer do individuo e do grupo: as músicas, as danzas, os xantares, a cor, a luz, a creatividade... ganchos para o que solidariza. Comezando pola Noite Boa, seguindo do Día de Nadal, logo o 28 ou dos Santos Inocentes e que no Carballiño dicíamos “Día das Pegotas” por isa brincadeira de pegar algo nas costas das persoas.... Seguía a Noite do San Silvestre, ¡Meigas foras!,  apostila que se dicía ao nomear ao santo, ou Noite Vella, a do fin do ano. Pra seguir co día 1 de Xaneiro, Primeiro de Ano,  do celebrado San Manuel e que tantos nomes da en Galiza. Finalmente a Véspera dos Reis, coa Noite dos Magos. E así remata  o tempo do Nadal  nese Domingo da Epifanía, de  Reis ou dos Magos, como preferimos dicir.  Noite e día de estrelas na que aconteceron tantas cousas: a  morte de Valle-Inclán, a de  Castelao, a  de Díaz Pardo...quizais cousas de quen nace con boa estrela nun confín dos vieiros, marcados no ceo polas Galaxias.

 

O ambiente festivo denótase e cada vez máis nun competitivo ambiente entre vilas e cidades. Convite pra promover a oferta e a demanda. No nacionalcatolicismo que nos tocou vivir,  ensaiábanse os vilancicos montábase o Belén... E veña a carretar musgo e ramas polas beiras do Carras e dos cómaros do muiño do Regueiro.

 

As figuriñas das igrexas coas que complementar tales instalacións temporais, non eran moi artísticas, a non ser as do Asilo dos Irmáns Prieto, onde tamén os retablos, a imaxinería e os obxectos litúrxicos eran moi selectos e de artistas. Imaxes de Belén, presepios que se mercaban, de todas as feituras e prezos no  Bazar do Benjamín Sieiro, no Torrado ou no Bazar X.  Mesmo lembro o cheiro daqueles espazos, a cartón alcanforado. Figuriñas moitas delas de procedencia artesanal andaluza ou murciana. Nunca aos artesáns de Galiza se lle deu por explotar esta comercialización. Imaxes que, ao cabo do tempo acababan por eivarse, faltarlle unha man, unha perna a un burro, a cabeza a unha ovella...pola contra as casiñas feitas de cortiza de sobreira ou cartón coloreadas, se non se mercaban improvisábanse.

 

Nacementos que se incentivaban dende a catequese  dominical na vella Parroquial, onde o coadxutor do párroco don Evaristo, don Xosé Díaz, expoñía a súa escrupulosidade, case militar...e así foi , despois da súa etapa no Carballiño pasou a castrense, pra retirarse case do mundo e asentarse en Oleiros da Coruña, onde  nos atopamos para rememorar lembranzas como as que aquí se contan. Pois volvendo aquelas catequeses – asistencia que se controlaba con estampiñas que daban á saída e as que conservo pese ás limpezas que fixo miña nai - nelas convocábanse concursos de Beléns. E ao respecto terei que dicir que sempre ganaba Fernando Blanco “Celta”,  o que xa de pequeno apuntaba o gran arquitecto que é, agora amigo e veciño da Coruña. E servidor quedaba de segundo naquela competición belenística: Beléns que faciamos como aldeas galegas ideais, onde imperaba a paz labrega; mesmo con fume natural acudindo a mechas de chisqueiro... sumando luz eléctrica, con rios que nacían nunha billa, a que se abría e facía de fervenza... Todo sobre un  ceo de estrelas de cartón e purpurina penduradas de fío de tanza.

 

Naquela metade do século XX  o da Árbore de Nadal era unha novidade de película americana e quizais meu pai da mercería  “Las  Novedades” - moi amigo das innovacións e dun escaparatismo de revista, de instalacións e intervencións artísticas -  foi  dos primeiros, se non o primeiro que o instalou no escaparate...aínda conservo aquelas boliñas que encargaba, entre revistas eróticas, a amigos emigrantes en Alemaña ou Suíza.

 

Pero non quedaba aí a cousa, don Xosé, o coadxutor, artellou baixo o coro dunha Veracruz aínda en obras, un Belén vivente, escenificando o evanxeo segundo San  Mateo. Representación pra que se argallou un xeito de casting, no que seleccionou para María, Xosé, os Reis Magos e os anxos, tan cotizados as máis guapa... Nenos loiros, con bucles mellor.... Lembro á Julita do Carballido facendo de Melchor e á María Evelia do Tesouro con barba postiza de San Xosé...os rapaces do común xa tiña mérito que nos disfrazaran de pastorciños... Mesmo a min vestíronme un pantalonciño de mahón, unha camisa de cadros e unha faixa roxa de gaiteiro, co sombreiro do Reque vello  calado...  Resultando un auto sacramental, teatral , de certo nivel escenográfico, con ensaios e debates previos: de si a aparición do anxo era colgalo dende o coro ou que irrompera, de súpeto, tras dun árbore... E todo con musica de fondo, como non,  en latín o “Adeste fidelis....”  “Venite e adoremus” e  tamén o “ Si souberan os meus amiguiños...” Representación que se interrompía con aplausos e vivas si por alí aparecía envolto no seu manteo negro un don Evaristo mirrado pola enfermidade.

 

Os Días celebrados do Nadal, tradición e innovacións: “Pegotas”, San Silvestre, Magos...

 

A véspera e a tarde do día de Noite Boa había gran movemento nos ultramarinos, tamén nas sancristías pra pedir bula pra Vixilia. Pois o tradicional do xantar da cea era un  bacallau con coliflor e cando non un ollo mol ao forno ou empanada de xoubas, anguías... iso si acompañados de bos viños, de sidra El gaiteiro. Iso si, as sobremesas era un estopar de azucres, variadas e caseiras: posta en escena dos saberes e filigranas da cociña de cada casa.

 

Terei que dicir que no Carballiño, por ser vila de traficantes de feira, de transportistas de pescado e mariscos, mesmo de entrante podían non faltar unhas ostras ou unhas cigalas... “O padriño” Pepe Reque, ao menos encargábase de que a cousa fose así e movilizaba Arcade. E ben sei que nas casas máis acomodadas, pasaba algo parecido. Despois da cea, xa fartos, brindes, cantarías, gargalladas e bagoas  polas lembranzas e polos que faltan. E si acaso saída pra Misa do Galo que normalmente era na igrexa do Asilo. Misa que era unha tortura pra dixestión e na que máis de media ducia caian desmaiados ou trousaban sobre os bancos a que fora feliz cea.  E non remataba a noite así...pois despois da misa, algúns concorrían  a algunha das moitas bodegas que había de corredores de viño. Así, lembro á adiantada á moda, Angelita  Pereira, como unha Marlene Dietrich, nas súas bodegas, bailando o que dicía “unha danza macabra”. Hoxe, finada en Barcelona, os seus restos mortais pousan baixo ese gran panteón de Señorín  o que como un templo se abre polos ao tempo e ao ceo. Nunca, entre estas lembranzas de neno marabillado, lle faltará a rosa dunha miña oración.

 

Nalgunha casa,  e ben o vin, as avoas, deixaban na noite e na mesa un prato coa mostra do xantar, si acaso tamén un ladrillo ou unha pedra quente, cando non a lareira acesa e iso si un vaso con aceite e sobre dil mariposas a alampear luz e sombras.... era por si lle petaba sai do reino do Trasmundo os espíritos dos ausentes.

 

O día de Nadal volta a reunirse os da casa arredor da mesa, e o que non estaba, alí onde fose, nos vieiros da emigración,  choraba de saudades. Xantar que consistía en aproveitar o da noite anterior, si acaso xa as carne, o año ao forno, o cocido... e si, máis sobremesa, viños e licores e cánticos toda a tarde. Mesmo en días tan de casa que nin cine había. Logo as cousas foron mudando e Pepe Reque na Sala de Festas convocaba baile na tarde do domingo de Nadal e na noite do fin de ano... ate que irrompeu a competencia da Sala Paulino de Seoane.

 

O Día dos Santos Inocentes era unha xornada con certas licencias tradicionais, moi semellantes ás doutras festas pagáns, Entroido, San Xoán, Magostos..: facer trasnadas aos egoístas e caciques insolidarios...mudarlle de sitio a cancela do solar, cambiarlle o carro... cousas que se consideraban sagradas, até o máis simple  como pendurarlle letreiros, “pegotas”,  polas costas ás persoas ou contar mentiras, facer do dereito o revés, denunciar o abuso da propiedade, un xeito de catarse colectiva a favor do grupo. Día do almanaque sinalado pra quen crea no sino, nas estrelas: pois un 28 de decembro, Día dos Santos Inocentes do 2002, despois da catástrofe do petroleiro “Prestige”, que tinxiu de alcatrán toda a beiramar galega, morreu de pena, Man de Camelle, un ecoloxista integral ao que pra vivir soamente lle cumpría un taparrabos , catro paredes e os sentidos abertos á natureza: San Man de Camelle debe estar entre os Santo Inocentes da Corte Celestial,  aínda que a súa lección  se confunda hoxe e entre no consumo.

 

O Día de Fin de ano no Carballiño, era xornada do Gran Feirón de Derradeiro....e perda que non se teña incrementado esta tradición de inverno que facía concorrer á vila a feirantes de todas partes. Seguido da Noite de San Silvestre, a celebrar ao santo da demononoloxía, por algo venerado no santuario do Corpiño. Servidor non viu esta celebración de lumeiradas nocturnas no Carballiño, pero escoitou a avoa laiarse da falta de lumaradas do San Silvestre á porta da casa, pra recoller logo  e prender na lareira o “Lume Novo”. Metáfora de apagar o Lume Vello, limpar o seu remol e acender o Lume Novo co Tizón de Nadal...para atraer ás boas compañas, señas de luz e espantar o mal que tamén ronda polas sombras. Cousas ben sabidas no occidente atlántico celta. E veña máis modernamente, nese novo entroido de inverno, de traxes de festa e abelorios , a tomar as doce uvas, que naquel meu tempo eran pasas ou figos, ou grolos de augardente vella. E Pepe Reque  e Canducha a convocar na súa sala de festas  baile e cotillón  coa Orquestra Millara... na casa quedaban os nenos e os avós.

 

 A mediados dos sesenta don Enriue Bande párroco de Xendive, chamoume pra montar un “Belén do Condutor” nunha casa abandonada de Brués.... e así o fixemos acudindo a madeira recortada... a cousa non se institucionalizou. Xa despois, a finais dos setenta, o profesor don Julio da “ La Modernista” ou “Julito do Torrón”, xunto cos poucos mozos de alí,  tratou de recuperar tradicións festivas galegas e montar un Belén vivinte,  pero a cousa non foi moia alá. Pola contra no  veciño Dacón tomaron nota, estrebillaron e pra mañá do día de Nadal foron ofrecendo un Belén vivinte, o que ano a ano vai mellorando en escenografía e atracción.

 

Para os nenos, para os comerciantes, o día máis movido era o cinco de xaneiro, a véspera dos Magos:  es escaparates iluminados, mostradores cheos, o ir e vir pola rúa maior... E sen cabalgatas, iso si fatos de neniños a pedir se lle eixaban cantar os Reis, vilancicos , cuncha e pandeiro en man, entre o frío e a neve. que podían non faltar , pra recibir un aguinaldo que eran patacóns, cando máis pesetas ou unha presa de pasas ou melindres. Nesas cantarías, onde mellor nos trataban era na Taberna da Rispada, onde ademais de xuntar unha peseta agasallábanos ata xuntar unha peseta e ademais servíanos unha cunquiña de tinto con azucre e un “ale, tomade un groliño pro frío e pros sabañóns” e a min dicíame “este neno canta como los ángeles”. Non quedaba atrás en propinas a Tereixa do “Guisante” . Así é que non lembro ningunha noite dos  Magos do Carballiño da miña infancia sen estrelas e ilusións.....



Polo San Silvestre 2020 e Meigas fora!!!!!