UNHA ABRAIANTE XOIA DA ARQUEOLOXÍA: A ARRECADA DE OURO DO IRIXO

Ampliar: Arrecada de ouro do Irixo (Museo Pontevedra)



Unha das pezas atractivas da Arqueoloxía Galega é a errecada atopada no 1905 no castro de Cardededo do Irixo. Delicado traballo en filigrana, repartido en dúas parte: a penanular que pinza na orella e a trianguar. Denótanse as influencias orientais

Dende a Prehistoria e na medida que o ser humano se vai organizando por saber e poder, os xerarcas quixeron asociarse e parecerse aos deuses, ao escintilante Sol . Así adornáronse, endomingáronse de ouros e bixuterías de imitación:  con coroas, diademas, peitorais, arrecadas pendurados das orella... entre tronos, cetros, criados, incenso, lámpadas, cortinas e os misterios dos templos...O ouro brilla e dura, considerábase eterno, así pois como un don dos deuses... e algo daquilo aínda queda prendido na sociedade a través das modas.

 

 Ao respecto os cronistas grecolatinos da Antigüidade gababan as minas de ouro e a calidade das pezas realizadas polos ourives galegos. Lembramos aquel epigrama de Marcial, poeta do século II,  dedicado “a Carino”:  versos retranqueiros nos que loa a magnifica colección diste seu amigo, formada por esculturas gregas, distinguindo entre todo  e pola súa calidade as xoias de ouro galaicas.  

 

Como proba de tal tradición do ouro galaico as abundantes lendas arredor de tesouros do pasado, “dos mouros” ( dos que memoran, os espíritos dos devanceiros). Xoias que contan se atoparon ao longo do tempo pra enriquecer casas ... coas que tamén se di se fixeron dentaduras ou se “ofreceron” a un santuario para facer a coroa da Virxe... Como tantas pexas deste material que proporciona a ciencia a través de escavacións arqueolóxicas, máis valiosas estas por estar asociadas a contextos  de espazo, tempo, relacións e complementar así datos históricos. Pois entre esas pescudas arqueolóxicas entra, como referente, o Irixo en relación co “tesouro” dunha sorprendente arrecada.

 

Torques, lúnulas, arrecadas...pezas imprescindibles da arqueoloxía prerromana, sobre as que a madurez da ciencia vai delimitando aspectos relativos a súa significación sociocultural, cronolóxica, contexto....

 

  Estraña verba a de “arracada” en castelán e “arrecada” en portugués, a que algúns entenden en correspondencia coa “arra” , coas arras do  compromiso, as que se entregan na voda a xeito de contrato matrimonial. Polo que se entende a tradición portuguesa, mesmo tamén a antiga galega e xitana de transmitir de nais a fillas,  que as mulleres porten os brincos, os pendentes (arreadas) que un día foran entregadas en cerimonias de matrimonio. Lembramos, mesmo até entrados os anos setenta, a mulleres con estes gabanciosos brincos, aínda en ocasións enloitadas (polo do da morte, polas ausencias da emigración...) pero iso si, cos seus brincos, arrecadas ou argolas de ouro postos, símbolo da dignidade da casa. Nas terras do Carballiño ou de Beariz  lembramos a aquelas “nais” de emigrantes en México ou Panamá, cubertas co mantón negro pero portando os brincos feitos con moeda de ouro e unhas boliñas soldadas pra outorgarlle a tradición da mobilidade.

 

Ourivería que é complemento tradicional ornamental do traxe, revitalizada dende o século XVII cos aportes  traídos fundamentalmente da India  a través dos mercados portugueses polas súas colonias de Oriente. Distinguíndose aínda na actualidade o centro de produción de ourivería de Gondomar, próximo á cidade do Porto, entre outros como Ponte da Lima ou  Viana do Castelo. Núcleos con sorprendentes xoierías, como moitas que houbo en Galiza, algunhas xa desaparecidas, lembramos a “Malde” na Coruña, “Ángel” en Ourense, “Fernández” en Vigo , as que ofrecían un variado mostrario. Aderezos solicitados como complementos dos festivos traxes tradicionais portugueses e galegos. Aderezos compostos de “sapo” pro peito e rechamantes brincos ou pendentes, arrecadas tamén co nome de “candonga”. Pezas de variadas formas, vivas na tradición e moi estudadas no Minho portugués, velaí entre tantos  o antolóxico estudo  “Ouro Popular Portugués” (1992) de Amadeu Costa e Manuel Rodríguez de Freitas: catálogo de diversidade de pezas con diferentes denominacións segundo a forma: botôes, argolas, carniceiras, brincos de moeda, compridos, de chapola ou parolos, as arrecadas de Viana con filigrana, de bambolina,á rainha,” “a rei”... Pola banda galega este tipo de ourivería está tamén  ben coñecida e estudada polo profesor de debuxo que pasou polo Instituto do Carballiño e gran pintor, Fernando Vilanova, de caste de ourives pontevedreses.

 

 Tradicións de adornos de ourive traspasadas de xeración en xeración, herdos da antiga Gallaecia, formas e mesmo técnicas que se levaron pola emigración a México, velaí a xoiería do mundo “charro”, tan en relación coa salmantina e estremeña, caracterizada pola filigrana, o goteado e esas formas xeométricas de carácter cosmogónico.

 

As arrecadas castrexas e a súa orixe oriental

 

Volvendo ás orixes das arrecadas, polos seus achados, vencéllanse á arqueoloxía castrexa, con orixe nos fins da Idade do Bronce e representativas da Idade do Ferro, así como de toda esa área “celta” que abrangue a  vella Gallaecia,  como á “Celtiberia” .

 

Formas de arrecada que combinan harmonicamente a medía lúa co triangulo, en técnica de xogos de filigrana e goteado. Asuntos que nos poñen en relación co mundo oriental, co chamado “Crecente fértil”,  especialmente co mundo sumerio...onde vemos nos relevos das procesións de Persépolis ofrendas de argolas de ouro por ringleiras de persoeiros de toga,  con seus característicos cabelos encrocados e os seus brincos.... Modas que pasan ao mundo dos mercades sirios, púnicos, tartésicos, ibéricos, etruscos, ligures, célticos...non temos máis que ver algunhas esculturas de homes e mulleres das culturas referidas, enxoiadas. Podendo usarse as arrecadas en par ou mesmo unha soia nunha orella, tal como demostran algunhas esculturas ibéricas do Cerro de los Santos ou  o par simétrico que locen a “Dama de Elche”, a “de Baza”... Pezas singulares entre tantos tesouros similares, como  o Cortijo de Évora en Cadiz ou máis próximo a nós o castrexo do Arrabalde (Zamora).

 

Os cronistas grecorromanos deixan referencias a estes confíns, insisten en que aquí, antes que eles, chegaran gregos e púnicos e con eles seus cultos, saberes....camiños de orientalismo que caracterizarán a un mundo denominado polos propios romanos como “celtas”.  Imperio romano que acollía na súa milicia a soldados dos pobos conquistados e era tolerante con crenzas daqueles exóticos mercenarios orixinarios de afastadas zonas

 

As terras do Irixo que aínda teñen moito que potenciar nos eidos arqueolóxicos,  propiciaron á arqueoloxía galega unha das pezas de ouro máis delicadas e representativas da ourivería da protohistoria, da cultura castrexa. Referímonos á arrecada de Cardedo.

 

A arrecada como pendente ou adorno de orella denota casta e rango do seu portador e pode presentar varios tipos de suxeición: ben por pinzamento-incisión ou pendurada dun cordón ao redor da orella. Pezas xeralmente feitas en técnicas moi diversas, en metais preciosos pero tamén noutros non tan duradeiros, como bronce. Sendo en ouro demostran a habilidade tecnolóxica dos ourives, formas que, unha aguda arqueometalurxia do ouro axudará a denunciar talleres de ourives, mesmo ambulantes, procedencias...

 

Ao respecto o arqueólogo ourensán, da Merca, Bieito Perez Outeiriño é autor dunha monografía imprescindible pro estudo inicial das arrecadas “De ourivería Castrexa , 1 As Arracadas“ ( Boletín Auriense do Museo Arqueolóxico de Ourense1982). Traballo que retoma o aberto por Florentino López Cuevillas “Las Joyas Castreñas” (1951) abondando aquel nas arrecadas, na súa distribución, decoración, nas tecnoloxías e nas tipoloxías, cunha especial revisións da arracada do Irixo, así como os seus paralelos coas de Cances,  A Graña, Castrolandín...

 

Arracadas que a arqueoloxía vai poñendo en relación con novos achados de pezas con certo parecido e documentadas en contextos,  todo o que posibilita maior fiabilidade á hora de  análise metalistográfico: técnicas,  estilo, para establecer clasificacións. Entre elas e polo parecido está o ariño en forma de media lúa crecente, en dúas bandas de sogueados e que poido complementarse cun apéndice triangular (como a de Irixo) a atopada no ano 2002 no estudo arqueolóxico do monumento-sauna do Castro de Punta dos Prados en Espasante de Ortigueira; así como a atopada no Castrolandín en Pontevedra. Pezas datadas nun contexto do século III a IV a.C

 

Pezas tan delicadas como a do Irixo enxalzan a cultura castrexa por ofrecer un  traballo de gran habilidade tecnolóxica, normalmente concibidas en dúas partes: unha  de ariño semicircular, penalunar do que parte un apéndice inferior, a xeito de acio triangular conformado por varias esferas, normalmente rematados nunha ou tres deses glóbulos. Peza do Irixo con similitudes á arrecada atopada no Monte Neme de Cances(Carballo de Bergantiños) Museo de Pontevedra e dada a coñecer no 1957 por Blanco Freijeiro. Tipoloxía  dentro da que tamén encaixa a arrecada do Castro de A Graña (Toques), atopada nas escavacións de 1987, fragmentada, no Museo das Peregrinacións en Compostela; así como a de Castrolandín, Cuntis, atopada nas escavacións do 2005, ademais xunto a unha placa con filigrana. Arrecadas con variantes, pero con similitudes,  como as portuguesas de Laundos, Afife, Estela... ou a ourensán de Vilar de Santos.

 

Cóntase que a arrecada do Irixo foi atopada no 1905, no lugar de A Grota ( Acrota ou A croa de ¿?), preto do Castro de Cardedo en Santa María do Campo.  O que a descubriu foi un labrego que lla pasou en venta ao párroco de Cameixa, don Maximino Nogueira Nogueira e que ao final da súa vida acorda entregarlla ao Director do Grupo Escolar do Carballiño “Calvo Sotelo”, don Bernardino González. Peza que deu a coñecer Xaquín Lorenzo Fernández, “Xocas”  co traballo  ”La arracada  posthallstattica de Irixo(Boletín de Monumentos  H. Artísticos de Ourense 1943), logo documentada por López Cuevillas e dende 1957 grazas á intervención de Manuel Chamoso Lamas , entón Comisario de Belas Artes, pasará ao Museo de Pontevedra, pra ser ademais estudada polos arqueólogos  Blanco Freijeiro, Perez Outeiriño, así como recentemente pola revisión motivada a raíz da aparición da errecada de Punta dos Prados (Espasante, Ortigueira) por Parcero-Oubiña, García-Vuelta O. e Armada, X. L:  “ Contextos y tecnologías de la orfebrería castreña: En torno a una nueva arracada de Punta dos Prados (Espasante, Ortigueira, A Coruña)” en “Complutum” (2009).

 

Peza do Irixo que na parte semiesférica, penanular, que vai en disminucón cara aos extremos de pinzamento, está decorada cos característicos fíos sogueados, tres bandas en espiga, separadas por un fío liso, lixeiramente torsionado . Parte máis ancha do ariño unido por soldadura á estrutura inferior, esta en acio triangular  formada po 80 glóbulos en disminución e rematados por unha chapa semiesférica, concava, de borde dentado, que no seu interior aloxa un dos tres glóbulos de maior diámetro

 

As dimensións segundo Perez Outeiriño e Lorenzo Fdez.  son:  Altura 2,75 cmts/Anchura 1,9 cmts/ diámetro máximo vertical do ariño 1,65 cm/ Anchura do ariño  0,7 cmts, anchura mínima 0,15 cmts/ peso 1,8 gramos. Detectan os arqueólogos nas pezas áureas mencionadas unha relativa unidade de patrón formal e tecnolóxico, o pouco peso e o pequeno tamaño: a unión do semicírculo penalunar ao triangulo ou acio de bolas, o xogo con bandas de fíos en espiga, torsionados e soldados,  como complemento ornamental. A non ser na arrecada de Vilar de Santos que  mostra estes “adornos” repuxados na placa de ouro.

 

E non remata aquí o asunto: Recolle ademais Pérez Outeiriño un rumor que contaba que nos arredores do Castro de Cardedo se atoparon, entre unhas pedras, un arame de ouro enrolado e con il varios lingotes do mesmo metal, un dos que foi doado para facer as coroas da Virxe e do Neno do Santuario de Nosa Señora dos Milagres, imposta en cerimonia no 1964....

 

Dende o 2015 a arrecada do Irixo, como elemento identificador, incorporouse a un cuartel do escudo municipal.



27  Febreiro 2021