ARREDOR DAS PONTES SOBRE OS RÍOS DO CARBALLIÑO

Ampliar: Ponte Veiga medieval e nova en construcción 1920



As pontes unen. E o Carballiño como vila de encrucillada tende pontes de diferentes époas osbre o Arenteiro e o regueiro do Carrás: a ponte medieval de Veiga, a moderna de Toscaña, como os viaductos do ferrocarril... coa súa historia detrás

Ben elixido o emprazamento do Carballiño, erguido sobre unha lomba a 402 metros sobre o nivel do mar,  anfiteatro campando entre os montes do Paraño, a Madanela e a Martiñá, pra abrirse aos Ribeiros que todos van ao Miño. Vila chantada entre o  curso medio do río Arenteiro e o pequeno regueiro do Carrás...fluír este que alí por onde pasa collerá o nome do seu lugar: Corzos, regueiro do Mato, Carrás, Varón... pra desembocar no Avía  á altura de Gomariz, onde pouco máis atrás, en Pazos, o Arenteiro  xa o fixera nese Avía que sigue cara a Leiro e Ribadavia pra atoparse co Miño baixo o Coto de Novelle.

 O ser humano pra evolucionar foi experimentando, abrindo camiños, subindo e baixando montañas, vadeando ríos, buscando zonas onde atravesalos a pé, con barcas ou  con dornas, como nas que noutrora e ate os anos sesenta atravesaban o Miño... e construíndo pasais e pontes.

 Si estas son foron terras de castros, de templos, mosteiros, vilas ou castelos fórono tamén de relacións, de camiños e encrucilladas, entón de pontes. Pontes algunhas delas xa perdidas ou modificadas, pese á sabedoría e ao esforzo dos seus promotores e construtores. Outras foron asolagadas polos encoros, ben o sabemos como aquelas medievais que temos pasado nos  camiño de Avión, antes da construción  do encoro de Albarellos.

 O ríos, a máis de ser medio vital, servían de complemento defensivo a castros e castelos e sobre todo separaban tribos, grupos....aspecto aínda moi por esclarecer pola Arqueoloxía e a Historia. E foron as pontes e os camiños un elemento que artillou o territorio, ben o sabían os romanos e ben se soubo no medievo e nos anos da Ilustración, os que tanto progreso supoñen.

 Na tradición popular pasalas pontes equivalía a despirse e certo medo ao que viña despois. Pois velaí ergueita a cruz sobre moitos deles como para esconxurar males e bendicir o rito de pasaxe, tal como lembra a novela do “Lazarillo de Tormes”:  onde ao encetar o camiño e ao saír de Salamanca, denantes de atravesar a súa ponte romana sobre o Tormes, o vello cego, curtido nos camiños, colle ao rapaciño, achégao á escultura do berraco antigo que alí hai e, de súpeto, dálle sobre il unha cacheirada. Dábase cumprimento así a un ancestral  rito de iniciación, de paso, pra internarse nesa ascese , odisea ou xogo da oca, de aventuras e desventuras que supón toda viaxe.  Escenarios de antigos ritos:  onde a media noite tres Marías bendicían á parideira pra un bo parto.... os exorcismos e esconxuros.

 Arredor de todas as grandes pontes antigas atopamos a lenda que se repite e di ser obra e artimaña do mesmo Demo, feitas nunha noite. Tema que ten moito fondo e  do que temos falado con Ernesto Atanasio, “Corcheiro”, concluíndo en que as pontes supuña entrometerse noutros territorios e tribos, convivir con elas ou combatelas para apropialas... Con elas comezaron outros problemas entre os que limar a convivencia e o humanismo.

 As pequenas pontes arcadas do Carrás, as medievais e modernas do Arenteiro

 Despois destes principios teórico e éticos sobre as pontes, volvemos ao emprazamento do Carballiño, entre o Arenteiro e o Carrás. Vila nova, nacida pola comenencia do mercado, do encontro, servíndose das vellas pontes, anovándoas  ou construíndo outras pros novos sistemas de comunicación.

 Aos vellos de antes, aos tataravó, os que case foron os fundadores da vila, témoslle escoitado que as primeiras casas do que sería a vila estaban en Carrás, e que eran de cordaneiros de Maceda. Gremio fundamental ao traballo labrego e gandeiro, establecidos ás beiras daquel vello carreiro que do Cuartel Vello ía cara Señorín,  con ponte sobre o mesmo regueiro do Carrás. Antiga, sólida e pequena ponte de pedra con arco de medio punto... sabémolo ben. As obras posteriores, dos anos sesenta, a construción dun matadoiro (que xa non hai), doutra pequena ponte, as ampliacións da estrada, os entubados puideron sobre a vella ponte , cubrírona e sobrecargárona de asfalto. Lembro a  inmediata estrutura industrial, de madeira, feita con certa provisionalidade, nada estudada, nin fotografada e que acollera unha fábrica de xabón... Asistimos ao seu esmorecemento e desaparición. Estruturas de abandono nas que aniñaba certo misterio: no interior enferruxábase un vello camión, como un Chevrolet, que hoxe sería cotizada peza de museo e sobre o que caian as tellas, as vigas podrecidas e a chuvia. O que si aínda queda, preto, é un peto de ánimas, con crucificado labrado na súa capela semicircular, con reixa de ferro. Testemuña da sensibilidade e crenza popular que debera ter mellor trato por  incluírse entre os  Ben de Interese Cultural con protección xenérica. Aínda queda alguén que, ao paso, lle pon flores, quizais sen reparar no epígrafe e na data que recorda o pasamento dun camiñante naquel lugar. Punto no que partía outro vello sendeiro que beiraba o Carrás, cara ao Penedo e onde nos lameiros do Pilán había unha pequena e pintoresca ponte de poldras.

 Primitivo camiño a Señorín, aínda que había outros quizais do mesmo tempo, como o que do centro da Vila, da Eira de Flores, a chamada verea Vella, levaba por Flores, atravesaba os lameiros do Mato, onde había outra pequena ponte arcada atravesando aquel Regueiro que tamén nutría a acea do pequeno, pero antolóxico muíño, sobrevivinte a carón do que foi Piñeiral do Benitiño, os lameiros e a congostra da Cachela, os da leitería do Pepe do Reque...sitio por certo de concorridas lavandeiras e que se me repite moitas veces nos soños, entre a ansia e o  medo de atravesar o río.

 Pequenas pontes sobre o Regueiro, onde no mesmo Mato é cara á Pena e á Fontiña do Ouro, había uns pasais, petóns de pedra seguido doutros pra facilitar o paso ... Tipoloxías das que non quedan fotos e poucos quen o conten.

 Si, quedan as grandes e poderosas pontes, as máis antigas, as que coinciden cos Camiños Reais, aínda que tamén esta denominación de perde. Entre elas a vella Ponte Veiga, ben trazada, co seu arco de oxiva, que, en relación con outras no mesmo camiño cara Compostela, como é a do Irixo , lle pon época, o século XIV. Vella ponte Veiga tendida entre dúas penedas cos seus pequenos aliviadoiros, que debaixo deixa a auga escura, case negra, onde se tiraban as pedras e facían circos e circos, espontáneas e ancestrais esculturas efémeras. Sitio arredor do que se escoitaba que era o punto onde na noite vían as luceciñas preventivas das señas....onde había un pozo escuro e tentador, de afogados... medo sementado entre os nenos pra apartalos daquel sedutor lugar.  A xente chamáballe e séguelle chamando a aquela ponte, a “Ponte Romana”, unha confusión que dalgún xeito sigue a outorgar fama á ansia romana en construír pontes e daí o significativo nome de pontifex, o que traza pontes pro encontro.

 Na mente están esas outras pontes tamén medievais, camiño de pedras luídas polo paso, as máis solemnes, as de Leiro, vila que case é un museo de tipoloxías de pontes: a das Poldras, do Campo da Santa Cruz, a de San Clodio, do Sc, XVI, ponte esta  que entusiasmaba a Chamoso...e a Ponte da Esperela, dos tempos de Isabel II....e mesmo dende o Carballiño a Boborás a da Pontarriza,  a de Cavadoso, as de Pazos de Arenteiro... Pontes estas que poden ter como doela central a imaxe labrada dun santo, lector ou peregrino....como esconxurando ou indicando que o camiño é sabedoría. A nova ponte de Godás, próxima ao serradoiro e ao monte de Miomás, responde aos principios decimonónicos, sobria, funcional, resistente....hoxe, como moitas outras escondida tras un manto de silvas, amieiros e sabugueiros.

 Na mesma vila, próxima ao Balneario estaba pasarela de madeira da Ponte Toscaña, da que si quedan fotos, denantes da construción da nova ponte, esta  elemental, de taboleiro sobre sólidos piares. Entre esas novas pontes as dos anos 5o : a pequena de Señorín sobre o Carrás,  trazada a un tempo que se abría aquela nova vía, descontextualizando aquel querido muiño dos meus soños...a algo máis antiga da nova ponte Veiga, entre a medieval e o serradoiro... o Viaduto do Ferrocarril Zamora-Coruña, sobre a presa do Cuco, como no Irixo o viaduto de Agre, sobre o Viñao, obras de coida estética, aínda en difíciles anos de posguerra, deseño dun equipo interdisciplinar, entre os que estaban os enxeñeiros José Luis Tovar Bisbal e o carballiñés don Marcelino Parrondo, moi interesado en canto significaban estas obras.

 Alegra que, fronte ao paso do tempo, ao descoido, ao vandalismo tamén, de cando en cando, haxa plans de limpeza e mantemento destes monumentos. É bo símbolo que se sigan a trazar pontes, aínda decorativas como as dos muíños das Lousas...ou  os retos que supuxeron as grandes obras do Ave a Galicia.. con aquela desgracia, que tamén queda na memoria, acaecida en setembro do 2007, cando se derruba parte do taboleiro do viaduto en construción de Pol de Piteira. Historias onde se poñen a proba os saberes, o longo camiño andado e as ansias de convivir, comunicarse e humanizarse.



27 de Entroido, Febreiro 2022