Entroido galego: variedade, ostentación, tradición, creación... competencia

Ampliar: Detalle camisa de Boteiro de Viana do Bolo (1975, foto F.Senén)



Unha das festas mais tradicionais de Galiza é a entrada na primavera, a corentena do Entroido: gran variedade de máscaras, con orixes que se perden na prehistoria e recollen elementos de cada tempo. Festa de tradición e creatividade, gastronómica

Unha das características da Galiza, motivada pola paisaxe e a intervención do ser humano, isto é polas incidencias culturais: a fonda prehistoria, o mundo céltico, romano, cristián, medieval, a misión, as viaxes... é a variedade, o minifundismo de leiras, castros, parroquias, o barroquismo. E pese a todo non poden os bombardeos mediáticos e consumistas con semellantes orixes e  o orixinalidade, aínda así tamén se deixan enxergar os feismos, os castrapismos, os novos esperpentos como efectos da aculturación.

Quéirase ou non Galiza está feita de tradicións panceltistas, romanas e fondas interferencias cristiáns, as que se expresan especialmente ao longo dun  almanaque festivo en relación co ciclo agrario, desestacionalizando, sabendo o que significa a romaría, a festa e a feira, o tempo e o lugar de encontro, de oferta e demanda, de socialización. Tal recurso patrimonial vale un mundo, sábeno ben os técnicos turísticos que aproveitan  a positividade do atractivo cebo para seducir e atraer á marca.

O INSTINTO DA TRADICIÓN, COA LUZ E A COR INVADE O ENVICIADO MUNDO URBÁN

Festa argallada polo instinto máis que polas admistracións, as que deben dar espazos á tradición e á creación. O que empurra a tal rexurdimento é unha forza interna,  a do “espírito” dirían os selectos intelectuais de Nós e non ían desencamiñados, pois é a forza da resistencia a SER parte desa unidade na diversidade que significa universidade.

Anúnciase a primavera, ábrense entón as arcas das lembranzas, rescátanse tradicións que non traizoan, traxes de antes, disfraces con chocas e exóticos mantóns, máscaras de bestas... aplícanse receitas astronómicas  para compartir na mesa e retómase e ampliase o almanaque festivo, unha corentena que se centra en tres días, domingo, luns e martes de  Entroido co fin no Enterro do ídolo pagán, de palla, farrapos e cores que preside a festa: Meco, Urco, Momo... O Mércores de Cinxa abre as portas a outra corentena, a da recatada Coresma, tempo  de reflexión... e tanto nun  como noutro tempo a ansia de superar o medo ás incertezas da morte entre vellos ritos de iniciación e pasaxe.

A máscara significa a besta que ven do monte, que esperta coa luz, coa cor e cos recendos primaverais, cando retornan as bandadas de paxariños e esperta do seu letargo o oso... Encétanse domingos de xogos e lerias, de relación e  iniciación : formigueiro, lardeiro, oleiro, corredoiro, con xoves intermedios dedicados a compadres e a comadres e o trunfo festivo no domingo, luns e martes, cando saen as máscaras das chocallas, as que levan ao cinto cencerros, esquilas, axóuxeres, campaíñas que lle porán ritmo á festa, xunto co bater de bombos e ferralas dos folións....E como tantas tradicións e verbas galegas, a de chocalleiro ou choqueiro, quedará reducida a unha idea enchafallada, cando non o é...igual que o de mascara da borralla, que era a que esfarelaba a borralla, a cinsa, o feluche...

A muller vaise incorporando nos nosos días a unha máscara que fundamentalmente era masculina, a que simboliza a forza bruta do instinto que sae da noite, da cova, da selva, para invadir o mundo civilizado e corrompido. E farao en forma de touro, de oso, de castrón, de demo con cornamenta...acompañado de grupos vestidos de luz e cores, de cintas, flecos, felos, espellos e sempre na tradición ao cinto as chocas e un elemento distintivo, feminino, os esfelechados e bordados panos de Cachimira, os mantóns de Manila... concesión ao exotismo e a unha cultura como a galega feita de camiños e portos que sabe incorporar o traído doutros pobos. Desfiles acompañados de folións, parroquias enteiras, vellos, mozas, nenos, tocando eles os bombos, elas os instrumentos metálicos, facendo tremer as cordas do corazón e da paixón,  poñéndolle banda sonora á cada parroquia. Rica fonte de inspiración para a creación musical.

NOVAS PESCUDAS, NOVOS MUSEOS, A LECCIÓN DA GALLAECIA TRASMONTANA....

As máscaras do entroido tradicional, sometidas ás normas do grupo tribal ofrecen sorpresas, son anacos de arqueoloxía, celta, romana,  aristocráticas medievais, arremedos ás censuras...: temos visto roupas incas, gorros maias, sables e condecoracións de guerras pasadas...  E velaí que atopamos relación con Bulgaria, alpinas , sardas...como coa banda do alenmar, ese universo precolombino...

Menos mal que novos estudos e publicacións, os nacentes museos do Entroido, o do Pobo Galego e o de Xinzo van recollendo o que os clásicos Risco, Xocas, Taboada Chivite reclamaron dende sempre. Ao respecto Galiza debera tomar nota do esforzo trasmontano portugués: recuperar as tradicións do Entroido chocalleiro, que eran as da vella Gallaecia, misión actual do Museo da Máscara Ibérica de Braganza, convidando aos entroidos de Podence, Santullao, Vilaboa, Viñais.... as novas  pescudas na Gallaecia Berciana, por exemplo no Pombriego das Médulas....que reforzan esta singular identidade. Recomendo coñecer as fótos do  trasmontano Egidio Santos,  Folia (2019) como as de Xurxo Lobato no seu libro “Galicia é unha festa” (2020), os monográficos para este tempo de “O Sil”, os que hoxe complementan a parte teórica, gráfica e documental do estado da cuestión.

UN RICO RECURSO TRADICIONAL FRONTE Á INVASIÓN UNIFORMIZADORA CONSUMISTA

Entroido no que mesmo ás veces, saen traxes, máscaras e danzas tradicionais doutras festas, pervivencia pagá  que acompañaba á sacra procesións do Corpus, velaí o Irrio de Castro Caldelas, as Pampórnigas na Hermida quiroguesa, os danzantes do Morrazo, os endiañados e recuperados Gamainchiños de Betanzos ou neste 2023 a Botarga en Ribadavia ....

Máscaras que neste reino da liberade, da sátira e da retranca se acompañan con representacións parateatrais, con sermóns,  apropósitos un universo ao que non foi allea a creatividade galega, velaí a obra de Laxeiro, de Quessada...

E velaí o rico repertorio de mascaras galegas con orixes antigos e anovados, con  nomes que fan alusión a algún dos seus atributos:

Os Boteiros de Viana do Bolo, de Vilariño de Conso e Maceda, de Celavente, da Veiga

Os Peliqueiros  de Laza

Os Cigarróns de  Monterrei

As Pantallas de Xinzo e da Limia

Vellaróns de Riós

Madamas de  Esgos

Panfarrón de Campobecerros

Madamas e Madamitos de Entrimo

Bonitas de Sande de Cartelle

Danzantes de Maceda

Madamas e Galáns de Carzoa en Cualedro

Toiteiros de Bande

Galos da Mezquita

Bergalleiros de Sarreaus

Follalateiro de  Lobios

Máscaras de Samede

Os Felos  de Maceda, diferentes dos das terras de Maside e do Carballiño

Os Xerais da Ulla

Os Volantes ribeiraos do Miño en Chantada

Oso de Salcedo, Proba do Brollón

 Madamas e galáns de Cobres

Merdeiros de Vigo

Sábanas de Viveiro...