18 abril, Día dos Monumentos: herdo pras nosas xeracións

Ampliar: Antes e despois do espolio na capeliña berciana de S. Pedro de Montes



Dende 1983 o ICOMOS ven celebrando a xornada do 18 de abril como DÍA INTERNACIONAL DOS MONUMENTOS E DOS SITIOS, neste 2018 baixo o lema PATRIMONIO PARA AS NOSAS XERACIÓNS, chamada a incorporar nas redes cuestións como a aquí tratada



O Consello Internacional dos Monumentos e dos Sitios foi creado no 1965 a partires da Carta de Venecia. Nace coa ansia de aplicar unha metodoloxía e tecnoloxía científica que garanta a conservación, a  protección e a divulgación do patrimonio cultural dos pobos. O ICOMOS é organización que actúa  como conselleiro técnico ante a  UNESCO e que dende 1983 ven espallando a celebración para cada 18 de abril como “Día Internacional dos Monumentos e dos Sitios” .



Xornada para ser acollida por individuos e colectivos preocupados pola salvagarda do herdo do patrimonio cultural, a fin de sensibilizar sobre a súa vulnerabilidade e os seus riscos, máis nun tempo no que - pese aos adiantos, os que, ás veces, se converten en armas de dobre fío -  vese ameazado, non so polas guerras, senón pola comercialización ilegal de antigüidades e moi especialmente pola ignorancia. Para este ano o tema de reflexión xira arredor da idea  “ Patrimonio para as nosas xeracións”, a que implica o traspaso en herdo, de xeración en xeración, do legado de bens inmobles, mobles e mesmo dos bens inmateriais. Cadea que supón xestión, profesionalización e sobre todo educación por todos os ámbitos. Eidos nos que entra entón a ciencia da museoloxía, a que pon a proba a capacidade e a madurez cultural dos pobos: acopiar,  conservar, estudar, documentar, divulga, rendabilizar... E nesta ansia de tender pontes para facilitar o troque de relatos, entra a educación. Educamos ou meleducamos tod@s, facémolo co exemplo, dende a casa,  na escola, na rúa e... hoxe, na era da información multiplicamos o efecto dende as aceleradas novas tecnoloxías. Tecnoloxías dixitais, audiovisuais, redes sociais, ferramenta cotián, entre as que se acurta o espazo e o tempo, que tanto convidan á interacción como contaminan, pra interferir, acosar e apuntar na diana da intimidade. E pra cumprir co devandito proponse e diríxennos a un hashtag #heritage4generations (polo de pronto primase na globalidade a cultura inglesa).



A UNESCO define o Patrimonio Cultural, como lugares, monumentos, artefactos, mesmo ideas, receitas, mitos, músicas, danzas.... con valor estético, científico, arqueolóxico, etnolóxico ou antropolóxico. O patrimonio cultural debe contextualizarse e valorarse en función do seu espazo e do seu tempo, como pegada e lección de historia, na que descubrir acertos e desacertos, mesmo a xerarquización, o escravismo, o clasismo que supuxeron as pirámides, os castelos, as catedrais... pero tamén técnicas de saber, a filosofía, a democracia, por exemplo. Herdo do pasado, a orixe na que radica a orixinalidade dos pobos, os bens que nos identifican na uniformidade, aos que sumamos inventos e creacións de hoxe, noso aporte á universalidade. Proba do seu valor é que,  por un proceso selectivo, transmítense automaticamente de xeración en xeración, sen faltar as interferencias de desaprensivos que tentan contra el. As formulas de agresividade son cada vez  maiores e máis sutís. Hoxe resulta alarmante o espolio do patrimonio nas guerras do Crecente Fértil , onde naceu a lei, a palabra e viceversa. Faise patente tamén a impotencia fronte á destrución de piares das civilizacións.



O ICOMOS convida a desenvolver o tema a través da transferencia de coñecementos. Teima presente na cultura galega denantes daquela guerra civil que dinamitou a sementeira que foi o Seminario de Estudos Galegos, do que nacería décadas despois o Laboratorio de Formas, ideado por Seoane, Díaz Pardo, Albalat, entre outros , teoría feita praxe nas “Industrias da Memoria”,  O Castro, Sargadelos ... partindo da idea de que o movemento demóstrase andando. Otero Pedrayo insistía en que el era unha ponte que viña de Castelao até os que hoxe somos, co deber de manter e transmitir íntegro aquel mensaxe ético e estético que nos identifica no mundo.  Mensaxe que non pode coutarse e enviciarse en círculos de intelectuais para intelectuais, feito tamén para enredarse na globalidade, asumindo aquel vello e precursor principio galeguista, “Galiza célula de universalidade”.



E centrándose nesta chamada do almanaque civil promovemos o coñecemento do estado da cuestión no que toca ao patrimonio cultural dos pobos, recurso identitario e fonte de riqueza. Tarefa pra que compre o motor do diálogo tolerante, o entendemento e a paz. Como punto de partida asúmese o  liderado da xuventude hoxe, caracterizada pola enerxía e a aptitude para as novas tecnoloxías,  como a confianza nos profesionais  e nos creadores emerxentes, no necesario intercambio de coñecementos. E entre todos abandeirar a iniciativa da responsabilidade,de mobilizarse e de espallar a mensaxe do patrimonio cultural polas ondas do ciberespacio, a través das redes, como se fai con tantas cousas .É este un xeito de enriquecerse si se parte de principios como o que todos os seres humanos somos iguais, con pobos, culturas e enriquecedores aportes. Todos donos e responsables do planeta Terra.



Pois velaí que o ICOMOS convoca a usar  unha práctica cultural emerxente, a estratexia das redes xuvenís, furar entre emoticonos, jajajas...ok e frases feitas...coa chamada de documentar o patrimonio, gravar en vídeo, fotografar, compartilo,  facelo libres de dereitos de autor. Novo xeito de comunicación do que algúns outros  tamén se aproveitarán para o seu uso e abuso. Do compartir ideas sairán novos portes, relacións, concluíndo que nas diferenzas hai moito en común, especialmente a labarada do espírito que chama ao encontro, á  arte. O patrimonio está feito para mostralo, para compartilo. E mesmo se facilita un enlace para conformar ese banco de fotos, epwg.communication@icomos.org



 O fondo da cuestión pon á vista de que os contidos son sedutores, pola contra  fracasamos nas formas de facelo, ancorados no carpetovetonismo, pouco creativos, apatufados, atufados en círculos, charlas, mesas redondas,  que máis ben parecen desfogadeiros  de egos para a autorealización. As administracións deberan convocar ideas pra facilitar o encontro e o diálogo interxeracional arredor do patrimonio e para iso están os museos dos actores, máis que os dos espectadores. Si ben esa parte do patrimonio que a mesma administración xestiona prívase de medios pra desenvolver os seus fins teóricos. A idea proposta non resulta unha novidade pros galegos, pois xa dixemos que ten raiceiras no Seminario Estudos Galegos, pois vai para  máis alá dun ano que se creou a plataforma  Rede Patrimonio Cultural, (redepatrimonio.gal) coa ansia de compartir inquedanzas en favor de canto nos identifica.



Hai outras prácticas de sensibilización baseadas na creatividade e na incidencia: cidades que ofrecen medianeiras,  recunchos inútiles, feismo integral campante, espazos nos que intervir pra rexenerar, convidar a facelo con novas ideas e mensaxes, informando e formando, con ética e estética que abra camiños. O tandem Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane tentaron iso mesmo, re-crear sobre un estilo que viña de antes para levalo a todas partes, tamén aos bazares... o peor é que esa lección rexenerativa, visto o que se ve, e témolo repetido moitas veces, parece que non se aprendeu. A TV que interfire na casa ten un papel fundamental. Iso si, abondan os aparatos, as administracións, organismos, institucións, asociacións, medios apelidados “de cultura” e “galega”, os resultados non son máis que os das liturxias inútiles ou o enredo burocrático, burocracia que non xera máis burocracia e que  tamén transpapela monumentos.



Polo de agora, as redes mozas convocan ao botellón na alameda, arredor da igrexa, no campo do cruceiro...diana de vandalismo, contaminación integral, degradación social e de futuro.



15 - abril - 2018