O inspirador “Libro máxico do San Cibrao”

Ampliar: San Cibrao (Debuxo F. Senén).



Nos séculos pasados foron populares en Galiza estas páxinas que recollen consellos de magos sobre remedios, feitizos, exorcismos e mesmo ofrecen a localización de tesouros antigos....

Xa quixeran moitos pobos do globo terráqueo ter no seu acervo cultural un libro tan de base popular como o “Libro magno do San Cibrao” . Máis coñecido na variable dialectal do bable asturicense como“o Ciprianillo” ,  pois foron os “mercator”, os maragatos, os que o espallaron e complementaron, a xulgar polos saberes e nomes de lugares incorporados nas súas páxinas . Tamén é ben coñecido no norte de Portugal  e será como  “Tesouro do feiticeiro”, “Hectamerón”, “Cruz de San Bartolomeu e do San Cibrao” ou como  “Verdadeiro tesouro de Maxia Branca e negra” .Catecismo de advertencias fronte ás mañas do maligno.



Libro dirixido a relixiosos, logo vulgarizado,  transmitido copiado a man, en edicións antigas e que aínda sigue a editarse como o “Antigo Libro de San Cibrao”. Sobresaínte entre os grimorios, que así se lle chama aos libros de contido máxico, esotérico, atribuídos a papas, a santos, a sabios como Salomón , a magos e a apócrifos e cos que atufar ás xa de por si atractivas brétemas deste confín panteísta, priscilianista, “céltico” e da tópica “Galiza Máxica”. Por algo no embigo xeográfico da Galiza, nas Terras do Deza se ergue o celebrado santuario do Corpiño, enxalzando á Raíña dos Anxos  (anxos bos e malos, asexuados tamén)



Pola parte que nos toca damos fe do seu coñecemento popular no pasado: por terras  montesías de Beariz, preto do magno castro de Magros, escoitamos falar do “Libro de tesouros do Ciprianillo, escrito a man e moi antigo”.  O que, coa ansia de ennobrecelo outórgaselle falsamente  a súa autoría a un dos santos  de nome Cibrao, pra logo confundilo co outro San Cibrao, bispo de Cartago, advocacións tan común na Galiza dos pobos arrieiros e da superstición, sempre cargados de amuletos e de ferraduras da boa sorte . A tradición popular deixa constancia de que tal compilación foi feita, aumentada e corrixida en diferentes tempos e por aporte distintos. Iso si, dise inicialmente inspirada polo mesmo Satán que lla entrega ao mago Cibrao de Antioquía, desvelándolle conxuros, remedios, camiños e lugares de tesouros.  Dende os púlpitos predicábase que estas páxinas eran cousa de infieis aguilloados polo demo,receitarios ineficaces e supersticiosas fantasías declaradas anatema. Asunto arredor do que se desenvolve unha espiral interminable da historia máxica galega .



Obra  machista,  que nos mete en crenzas do pasado, arqueoloxía viva, páxinas ben ilustradas de símbolos, de acrósticos en hebreo... Repartida en tres libros cos seus correspondentes capítulos. NoLibro I e no seu  Capítulo I danse instrucións para combater enfermidades, aclarando “que non é xusto crer que todas proveñen dos feitizos por arte do demo...” Ofrece xeitos de exorcismos, esconxuros, “oracións pros bos espíritos”, invocando a Deus e  involucrando aos submisos asistentes, postos de xeonllos...No capítulo II ofrece oracións pras horas: ao medio día dedicadas á Trindade, na media noite aos Anxos Gardiáns. No Capítulo III  repara na vida e nas virtudes de San Cibrao, nacido en Antioquía no século IV, de caste rica, educado na idolatría pagán, especializado en pactos co diaño, inicialmente  burlándose dos  consellos que lle daba o relixioso de Eusebio, quen fará que  Cibrao renegue de Satán pra pasar a ser  mago que mestura as artes endiañadas coas do cristianismo, especialista en mediacións amorosas. San Gregorio advertiuno de que se desvencellara, de vez, do maligno pra retirarse como asceta. Sarta de argumentos propios pra inspirar e abrir a unha novela fantástica.



O Capítulo IV refírese ás sinales do maléfico nas persoas e ofrece oracións, conxuros e exorcismos fronte aos arrebatos dos posesos,  e faino poñendo sobre o corazón  unha chave co aceno de pechar a porta ao demo, logo bendicíndoo con auga bendita... Interesante é o Capítulo V  que vai sobre os fantasmas e compañas que  purgan penas polas encrucilladas, onde se fai imprescindible santiguarse, rezar,  erguer o cruceiro e o peto de ánimas...



O Capítulo VI  volve aos exorcismos pra botar do corpo ao diaño. O VII   trata do xeito de predicir a través das cartas, a Cartomancia, mesmo da  adiviñación por medio dos números e de nomes, Aritmomancia e Onamotomancia e que asegura era practicada por caldeos e polo mesmo Pitágoras, como a Astronomancia pra entender eclipses e o paso de cometas que agoiraban calamidades... Sen deixar o tema da adiviñación a través dos soños, a Oneirocricia,  entre outros xeitos antigos e propios de arúspices, augures ou druídas e que conservarán as meigas...Entre diferentes  mañas de sondar os arcanos do porvir: a través do aire, do lume, do fume, dos espellos, dos ovos, do renxer das árbores... Propoñendo o sistema “máis moderno” da Cartomancia, dos naipes, os que di inventados en tempos de Carlos VI de Francia , acudíndose  á Baralla das Corenta, velaí o “cantareiche as corenta” . Indicando o que simbolizan, por exemplo di que a a Sota de Ouros representa a quen fai a consulta... e a Sota de Espadas é unha muller de mala lingua, o Rei e o Cabalo aluden á xustiza... e sentencia que si converxe o Catro de Ouros co Catro ou Cinco de Espadas  é sinal de morte inminente....namentres que si fose o Dous de Copas  co Catro de Ouros anunciaría casamento.



O Capitulo VIII instrúe a ler o sino, pola Quiromancia, isto é a través das raias das mans, previo coñecer as influencias astrais, zodiacais,  mes de nacemento,as características físicas, para sentenciar que os nacidos en xaneiro son honestos e tímidos, os de febreiro terán xenio, pero pacíficos, os de marzo egoístas, sedutores...os de abril tétricos, voluntariosos,  os de maio bondadosos, pousóns... os de xuño falangueiros, habilidosos... os de xullo, teimudos, atractivos; os de agosto negociantes, cutres...os de setembro vulgares e bos, os de outubro intelixentes, alegres e folgazáns; os de novembro belicosos, afeccionados aos praceres... e os de decembre esquivos. Tamén aos signos do zodíaco asígnalle cidades do mundo, entre as que non faltan as galegas, por exemplo Ourense e Santiago son Piscis, como Irlanda, Persia e Venecia....  Di que Astorga é Tauro, como Verona e Tréveris... E da un calendario de días e horas fatídicas, por exemplo o 10 de xuño, ás dez da tarde ou o 13 de xullo ás once da noite... Será sobre as influencias do sol, da lúa, dos astros onde o escritor especializa os seus saberes.



O Capítulo IX volve ao tema dos poderes ocultos e da cartomancia, de como Deus permite que o Diaño atormente ás persoas, clasifica aos diaños e ás persoas contaminadas: obsesionadas, maleficiadas, posuídas, lunáticas, fascinadas...Esténdese sobre os poderes da vara de avelaira.



O Libro II de San Cibrao, no seu Capítulo I refírese ao San Bartolomeu , á súa cruz e aos seus poderes contra o mal de ollo. O Capitulo II  fala da maxia branca e da maxia negra, e refírese a crueis ritos arredor do gato negro, torturándoo, matándoo e poñéndolle fabas en cada ollo...enterrado coa cola metida no ano...e advirte do perigo desta práctica que chama a todos os espíritos malignos... Pola contra fala  da maxia do can negro, das virtudes dos fentos, do trevo. O Capítulo III refírese á preparación da cerimonia da maxia, dos instrumentos, espada, coitelos de mango branco e negro, agullas, vara, cordón de sete nos, plumas, copa, braseiros, perfumes para cada día, evocacións e pactos cos espíritos. O Capítulo IV fai mención a secretos sacados de libros antigos, con xeitos de asegurar a fidelidade, de obrigar ás mulleres a que digan todo o que van a facer ou fixeron, xeitos de ser feliz, de ligar,  feitizos con sapos de ollos e boca cosidos... con morcegos... Para prever do raio, a maxia do sal, contra as serpes, pra facerse invisible, o segredo da galiña negra, a agulla pasada por un defunto, os amuletos...



Finalmente no Libro III ofrece o xeito de desencantar tesouros e ofrece unha relación deles no Reino de Galicia, pra entoleirar a moitos buscatesouros. Recorrido pola xeografía arredor de lendas, sitios e tesouros dos mouros... Pra abondar nos secretos dun tal mago Artaphernes .