O real e o virtual na comunicación dixital: as emoticonas

Ampliar: Imaxe galega



Reflexións arredor da linguaxe virtual, dos grafismos e da súa influencia na realidade, na cultura, na arte, na mesma conversa. A globalidade e a localidade nas novas fórmulas de comunicación dixital..

 



“En principio foi o verbo”, a palabra é o que diferenza aos humanos do resto dos animais e que presupón acordo de códigos e leis entre emisores e receptores. E neso séguese a experimentar, sabendo tamén que si a voz ofrece  matices fáciles de enxergar tamén se fan difíciles de transmitir de xeito gráfico. E velaí, pra facelo, a literatura e as súas xenialidades.



E nesa ansia de comunicar creamos e ampliamos códigos orais, xestuais, gráficos ... dende os pictogramas e os petróglifos,pasando por marcas, siglas, ideogramas,  xeroglifos, abecedarios, morse, braille... e dende os inicios da telefonía móbil asentan as emoticonas, inicialmente referidas a esquemas do rostro humano. A base está na linguaxe corporal e facial pra expresar angueira, canseira, gozo, noxo, xenreira ensinando os dentes e marcando as engurras...linguaxe primaria para a que xa estamos dotados de xeito xenético e os xenes tamén se educan á forza do uso dos novos códigos.



O noso tempo faise cada vez máis propenso ás mudas, a  experimentar, refugar ou acoller  mañas e técnicas. Dende estas perspectivas semella que quedan ancorados na Prehistoria os poetas que baseaban a comunicación, o amor en tácticas e estratexias a través de miradas e conversas, do agarimo coas mans, de recendos, a interacción dos sentidos, a cultura e do instinto...  Hoxe, nas relacións persoais - e aínda non na burocracia oficial de ringleiras e tics - vence a virtualidade dixital sobre a realidade. O cerebro, confuso, codifica os novos códigos visuais coa ausencia da salsa dos demais sentidos.



Comunicarse  é relacionarse, tender pontes para o entendemento, perfeccionar linguaxes que non soamente son verbais. Agora, na era da imaxe e con base no pasado, acontece unha nova invasión na comunicación,  ensáiase cun sistema global de imaxes, o das emoticonas (emoción+ icono), gráficos que nos aproximan á complexidade da realidade.



O desenrolo tecnolóxico permite crear, ampliar, codificar, normativizar, normalizar e mesmo conxelar no tempo arquivos audiovisuais, gifs, fotos e todo tipo de gráficos estandarizados ou de creación persoal para a comunicación.Fenómeno que dende o 2007 compleméntase cos emojis xaponeses, (emoji= imaxe en nipón, emoyi en castelán e en galego quizais imaxe, aínda que os sabios de consellos e academias teñen a derradeira palabra. Este xeito de imaxes  virtuais son invento do enxeñeiro Shigetaka Kurita para unha empresa do seu país, en inicio con case 2000 ideogramas. E por iso de que unha imaxe di máis que mil palabras, os referidos emoji,  a diferenza das emoticonas non so representan a faciana do ser humano, senón situacións, cousas, todo tipo de seres, obxectos, lugares.... Así o Xapón, a súa tecnoloxía robótica e as súas persistentes teimas están detrás  e diante de todo.  Interesadamente non quere quedar atrás a californiana  “Unicode Consortium”  tentando monopolizar o tema da internacionalización do software, para ser creadora de novos emoticonas, os que usamos e que equilibran símbolos relixiosos, cor de pel, trazos de procedencia... e que, polo de agora, evitan a agresividade.  Deste xeito as novas imaxes virtuais  actúan como lubricante social dos novos xeitos de vida virtual, atallo tamén pra chegar á personalidade de cadaquén, termómetro afectivo, ademais de ser actividade divertida, sedutor xogo  de comunicación, mesmo no que cada un pode poñer a súa parte creativa, mesmo acudindo a sucintas palabras,  tentando subliñar o ton, poñer humor, amor, desamor, irritación... Serie de carácteres e monicreques xa integrados nos novísimos abecedarios, “Raias” ou “Catóns” elementais da nenez e da mocidade. Asuntos que non se aprenden na escola e si, como si dun xogo creativo se tratara, no cotián,  polo uso, abuso e adición do móbil.



Pola forza do consumo imponse o deseño e o código global das imaxes, sen faltar os que tentan darlle carácter identitario, nacional, local,  humanista, como para unha conversa íntima entre paisanos da mesma tribo. Galiza, o seu mapa, a súa bandeira, a gaita,  a empanada, a tallada de pulpo,os seus tópicos e expresións retranqueiras, pese a ser país de máscaras, de exacerbacións esperpénticas, están ausentes.  Carencia que non axuda ao desenvolvemento das identidades, ao dereito dos pobos e do  que tanto se predica. E mira que neste galaico cabo do mundo abondan temas nos que inspirarse, xa de antes e despois dos “50 homes por dez reas” de Castelao, cincuenta expresións ante diferentes circunstancias, xestos e acenos “asegún” que diría  o sabio filósofo don Vicente Risco. O Seminario de Estudos Galegos, na súa misión de investigar e sensibilizar sobre o idioma, a  historia, a arte e a cultura, de reforzar as raiceiras pra acontecementos futuros, non esqueceu de que somos o que proxectamos...pero  a guerra fendeu e anestesiou en folclore e liturxia aquelas iniciativas. Aínda así na Galiza da ditadura houbo intelectuais que tentaron seguir na sementeira, como Seoane e Díaz Pardo, os que idearon e introduciron naquel ambiente gris o Laboratorio de Formas, teoría e praxe sobre o idioma das formas,  que como as linguas teñen orixe, orixinalidade de procedencia, de patria ou matria.O tema tratado aquí entraba naquelas pautas, coas que se deseñaban tipos de grafismo, símbolos, formas galegas. Máis semella que no País do Leteo todo segue a esquecerse. Nesta dialéctica tampouco faltan os que se opoñen á existencia de imaxes locais por entender que adulteraran a mensaxe global única, novoesperantista.



No tempo das presas, das redes, da comunicación non verbal, a industria das aplicacións móbiles está atenta á demanda, a como incorporar sedutoras fórmulas expresivas virtuais . Invéntanse e estandarízase entón ese código, vocabulario visual, dicionario de grafismos  que expresan sentimentos sobre o rostro, o corpo, as actividades, os transportes... e que se pregan á xeneralidade da cultura occidental.   Roda do consumo na que entran outros produtos, manuais, dicionarios, tratados, páxinas on-line sobre como usar as imaxes,  medio que incide na vida e que se incorpora á arte.  Mesmo a xente moza,tan propensa a imitar, toma xestos das  emoticonas. Adictos á virtualidade esta couta outras linguaxes en favor das novas series de códigos, complementadas con palabras abreviadas, informais, inglesas, moitas tomadas da banda deseñada e dos films de animación,  tópicos que axudan a robotizarnos algo máis.



As imaxes virtuais dan color á conversa dixital pra exercer no cerebro a mesma resposta neurolóxica ou sensación que a visión do rostro real. Forte pegada global culturalmente aprendida. Deste xeito o ser humano faise propenso ao engano virtual pra confundilo co real.



Dentro destas mañas non falta a destreza en construír un xeito de xeroglíficos con ausencia total de palabras. Mesmo a industria, o competitivo comercio tecnolóxico sofisticase máis até chegar ofrecer telefonía intelixente e cada vez con máis interactivas dimensións, mensaxes con vibracións, pulsacións cardíacas... e a todo nos imos afacendo, educando...ou maleducando.



¿Quedarémonos sen palabras, sen literatura espesa? O que si é certo é que a Galaxia Gutemberg, a Galaxia Mac Luhan, a aldea global mudou ante a aparición de novos xeroglifos,  lexicogramas,  elementos extraoracionais, máis alá das normativas académicas que “limpan, fixan e dan esplendor” ao idioma. Cada vez máis ímonos afacendo ás mudas.



Si unha cultura está viva debe estar atenta ás tecnoloxía, facelas súas integralmente,levalas postas, da renda, enxergalas, aproveitalas e facerse ver, sentir culturalmente, idiomaticamente, pra existir. Ains....