Profesionais da Conservación e Restauración do Patrimonio Cultural

Ampliar: Chapuza



Os Conservadores e Restauradores do Patrimonio Cultural fan unha chamada de atención tanto fronte ao intrusismo, como aos criterios de selección en concursos convocados polas administracións, nos que prima a baixa nos precios sobre a excelencia .



Con certa democrática liberdade  campan os timos, o intrusismo, a falla de profesionalidade e de ética...entre outros tantos aspectos que denotan  atraso sociocultural, mingua a sensibilidade, a falta de criterio e conseguintemente a falta de inversións en recursos prioritarios como son os que nos identifican, o patrimonio cultural, inmoble, moble ou inmaterial. Por algo a Asociación de Conservadores e Restauradores de España, ACRE, con experimentados profesionais formados durante máis de catro anos en escolas e facultades de conservación-restauración,  fai unha chamada e moi de xeito especial aos responsables políticos e gobernantes pra que asuman o degradante estado da cuestión na normalización ética e estética dunha profesión necesaria na rehabilitación e revitalización dese recurso identitario e turístico que é o patrimonio cultural. Problemas que medran e atuan a súa capacidade de acción.  Protesta pra que demais se espalle entre cantos se implican na xestión do Patrimonio Cultural como en canto abrangue a esa ciencia aínda non asumida na súa extensión integral en Galiza que é a Museoloxía , con canto ten que ver coa xestión do museo, cando se fala, sen moito criterio de “musealizar”, entendida unicamente como espetar retóricos textos sobre as paredes dalgún continente ou entre contidos de certo interese.



Manifesto que comeza por definir o Patrimonio Cultural como o conxunto de expresións materiais e inmateriais, aporte á universalidade, que identifican un espazo, un tempo e unhas inquedanzas, que configuran unha cultura. Insistindo en que a súa perda, as súas ameazas e o seu deterioro significa perda de raiceiras, de memoria. Algo que conseguintemente afecta á sociedade por malversar un potencial recurso socioeconómico. Como prioridade insístese na necesidade da educación por todos os medios, incidindo na salvagarda dos testemuños do pasado, lexitimados pola transmisión de xeración en xeración como significado herdo.

Chamadas de atención internacionais ao respecto non faltan, como na Declaración de Berlín do 2015, ratificada noutros moitos encontros, como nas determinacións da  “European Confederation of Conservador- Restorer´S organisations” que incide en que  “ o rol fundamental da profesión da Conservación-Restauración é a preservación do Patrimonio Cultural en beneficio das xeración de hoxe e do porvir”. Así a profesións relativa á Conservación e Restauración do Patrimonio Cultural debe ir sempre inseparable de canto significa o mantemento do Patrimonio Cultural, tarefas realizadas por persoal cualificado, asociado a museos, a coleccións públicas e mesmo a xacementos, monumentos e sitios de interese. ¿Cantos museos e coleccións singulares de organismos autonómicos, provinciais,  locais, catedrais, etc, contan entre o seu cadro de persoal  ou contratan especialistas pro mantemento do seu patrimonio?. Máis ben pásase a baeta e faise con vasoira e en algúns casos lavados con lixivia... e sempre hai algún milmañas disposto...esperpentos haber hainos.



Escolas de Restauración e Conservación do Patrimonio Cultural, como a de Pontevedra, cun amplo recoñecemento internacional fan fronte á proliferación de cursos express, sen a formación debida e que incluso se atreven a lexitimar execucións delicadas sobre o patrimonio e que poden ocasionar danos irreversibles, ademais sen seguir pautas lóxicas de documentación previa, de realización e recomendacións pro mantemento.  A falla de madurez sociocultural ponse de evidencia, non están definidas as normas de xogo. Non todo vale, especialmente o máis barato...que finalmente resultará máis caro.



Como paradoxo a  Ley de Contratos do Estado propaga estas contradicións, pois dificulta o acceso da profesionalidade ao darlle prioridade ao abaratamento dos proxectos de conservación. Como consecuencia os profesionais acreditados e cualificados emigran, namentres pulula a intrusión e a chapuza.



E máis efectos: campa a ausencia de Leis  e plans adecuados, conseguintemente anormalizase a insensibilidade e o descontrol, a falla de ambición, sen deseño de políticas de protección nas mesmas administracións, ás que ao menos deberan dar exemplo no cumprimento dos fins das Leis de Patrimonio Cultural. Falla de recoñecemento incentivado por non penalizar intervencións que claman ao ceo, auténticos atentados, vandalismo en ocasións mesmo oficial contra o Patrimonio Cultural. As denuncias non prosperan porque ninguén debe facer de espía ou policía que pra iso están as administracións, e máis porque a conservación considérase un exercicio opinable, estético... E por aquí coa changallada, o  feismo posto como orelleiras e que evita ver o mesmo feismo... e que pra máis inri apelídase “galego”.



A Conservación do Patrimonio non é bricollage, non é un hobby, é unha profesión. Pois velaí que os profesionais con anos de estudo e experiencia reclaman en devandito manifesto:

  1. Que se defina, regule e unifique a profesión de Conservación-Restauración, estudos e titulación, a fin de rematar co intrusismo.

  2. Que se lexisle de maneira clara e se faga cumprir a Lei de cara a unha Conservación, proxectada, dirixida e realizada por profesionais, facultativos da Conservación e Restauración. Evitando en concursos de obras de restauración adxudicacións á baixa nos presupostos.

  3.  Que se adapte e interprete adecuadamente a Ley de Contratos del Sector Público, acorde á excelencia e especificidade neste tipo de intervencións especializadas, contando as Mesas de Contratación con profesionais tanto pra redactar os pregos como pra valorar os proxectos, evitando así que a conservación do Patrimonio Cultural se regule por criterios exclusivamente económicos de “Capacidad Técnica y Solvencia Económica”  co que se premia ás grandes empresas e se castiga ás PYMES que se dedican á Conservación Restauración. Permitindo a libre competencia en igualdade.

  4. Que no ámbito da Conservación do Patrimonio Cultural se traballe con visión a longo prazo e de sostibilidade, contemplando: 1 a investigación e difusión,2 a intervención, 3 o mantemento do ben intervido. Dotando á Administración de persoal técnico competente para estas funcións.

  5. Que se diferencie entre a redacción de proxectos para bens inmobles dos bens mobles, así como da súa execución. Distinguindo en proxectos monumentais os elementos artísticos e que os proxectos e intervencións sexan feitos por especialistas na Conservación- Restauración.


Galiza foi e sigue a ser país de grandes artesáns, base da Arte e das Ciencias, entre eles tamén imaxineiros , algúns aos que se lle encomendou “restaurar” imaxes románicas, góticas, barrocas, retablos, con máis ou menos acertos, ás veces tamén disfrazándoas de  ninots de feira...outros respectuosos que souberon consultar  falar ao pasado... Son os inicios dunha profesión. Leccións ampliadas en clases e en cursos, contrastadas coas novas técnicas e co que se fai no mundo maduro.



Aspectos que entran na ciencia da Museoloxía como un traballo interactivo entre profesionais dedicados ao deseño e actividade do museo, á salvagarda , estudo e difusión de aspectos da Cultura dos Pobos. Somos o que facemos...ou desfacemos.



26-Agosto -2018