A lección de Núremberg: onte da fascinación á violencia, agora á educación pola Paz

Ampliar: Centro de Documentación Nazi de Núremebrg



¿Qué facer con continentes e contidos, con reliquias cargadas de fascinación nazi, de ideoloxías de odio e morte?. Núremberg ofrece un exemplo sobre as ruínas do que foi Centro de Convencións do partido do III Reich .

Compre saber enfrontarse á Historia, que son escenarios, documentos, arqueoloxías de vivencias pasadas entre os uns e os outros. Compre non esquecelas, ocultalas ou dinamitalas, senón facer delas lección. Reto que pon a proba a madurez do individuo e da sociedade, da cultura e da civilización. Debemos pois tomar nota de quen se encamiña cara solucións de encontro co que foron inhumanos deseños de caudillos pro culto de si mesmo...



Resulta difícil a reinterpretación, a reconciliación con creacións tan cargadas de ideoloxía,de ancestrais símbolos dos que se apoderaron, sexan estrelas, cruces gammadas ou sen gammar, mesmo capaces de facer de un Deus partidario das súas mortíferas causas.



 A Europa de tantos herdos filosóficos e humanistas debera estar ben escarmentada, pois viviu tiranías, ditaduras, democracias ...e a pesares de tanta andaina, semella que, por algures, aínda non se aprendeu a lección, senón que mesmo se tapan ou disfrazan os medos, como fan os nenos e os pobos inmaturos. Cuestións  pois a tratar,  pra non volver a repetir erros históricos, pra cicatrizar de vez feridas e seguir na difícil tarefa de construír un humanismo de tolerancia e paz... E para esas leccións permanentes as aulas serán as mesmas arqueoloxías de guerras, bunkers, trincheiras, campos de concentración e traballos forzados, checas,  cadeas, mausoleos, cemiterios duns e doutros, coas simboloxías polas que morreron. Esas grandilocuentes arquitecturas coroadas de aguias e leóns imperiais reforzando a propaganda  de “un Reich milenario” ou dunha “Cruzada de liberación”. Non  hai máis que moverse por toda Europa, especialmente pola beiramar da Normandía do “Día D”  que foi aquel 6 de xuño de 1944 con extensos cemiterios cubertos dunhas e doutras cruces ou insignias, tumbas de soldados e mandos aliados ou nazis, mociños novos. Dende a entrada abondan as explicacións entre novos loureiros ou oliveiras plantadas, placas inscritas, sen apoloxías cara a ninguén, nas que se insiste en que aquelo é lección de paz, de acougo e de  reflexión.



Bibliografía e guías sobre o tema existen, velaí a de “Berlín 1933-1945 tras as pegadas do pasado”,  pra orientarse entre os restos da cidade que as alucinacións de Hitler pretendían converter en “Xermania”, a Capital do mundo, agora cicatrizada coas “topografías do terror” entre mausoleos e museos ao holocausto... Pegadas desactivadas de canto significa o seu orixe segregario, mortífero, pra reconvertilos en leccións de convivencia.

A Alemaña de hoxe, a que retirou e prohibe as insignias nazis pode servir de exemplo e lección histórica. Velaí a cidade de Núremberg, a que foi bandeira do Sacro Imperio Romano Xermánico, tesouro do medievo e da Alemaña imperial do XVIII, hoxe industrial,  vivida e recoñecida por emigrantes, moitos galegos tamén. Tachada  de “Cidade especialmente nazi” onde se sentía pletórica a máquina das columnas nacional-socialistas nazis. Reliquias sobre as que o “Sumo Arquitecto do novo  Imperio”, Hitler, deseñaría a “Nova Nuremberg””...usando como escravos construtores a miles de cidadáns, os máis xudeus, inconformes con tan delirante aparato racista.



Pois velaí en Núremberg os restos do “Terreo das convencións do partido do Reich”. Espazos nos que tras a I guerra Mundial xa se construíra o Campo Zeppelín, en relación co pioneiro da aviación, complexo pro ocio co  Estadio Municipal edificado en arquitectura estilo Bauhaus, tan odiada polos nacionalsocialistas. Reconvertido por estes nunha xigantesca obra, agora ruínas, paseo, lección onde, cos avais das sociedades de Dereitos Humanos e da ONU, dende o 2001 e actúa como área didáctica pra conservar, estudar, documentar e  sobre todo a ética que moveu aquelas estéticas megalómanas, dedicada ás convencións nazis do Reich e o culto ao Fuhrer. A Pedra fundacional colocada por Hitler un 9 de setembro do 1937 foi retirada no 2003. Espazos agora musealizado que se asocian ao ocio dunha cidade na que convive e se lima un pasado terrible cunha apracible e mestiza contemporaneidade.



A Historia foi o que foi e a ela compre enfrontarse, sen medo, sen rancores, sen desquite, con concordia. Foi en Núremberg onde se promulgaron as leis raciais nazis, a dos asoballantes desfiles e discursos do Fuhrer. Cidade onde os nazis locais se enriqueceron polo proceso de “arianización”, expropiando riquezas xudías pra entregarllas aos arios, o mesmo Núremberg dos xuízos, que pola contra  foron un gran aporte ao Dereito Internacional, nos que non se aplicou unha xustiza de vencedores e si se investigaron crimes de guerra, xulgando aos culpables do goberno e do partido baseándose no Dereito Civil.



No 1990  comézanse a tomar medidas prácticas e participativas para enfrontarse á obxectiva “Memoria Histórica”.  A cidade pasará a ser abandeirada da Declaración dos Dereitos Humanos...E hoxe agradecen que aquela “mancha” na historia da cidade, cargada de ideoloxía de delirio e de terror non fosen destruídos, pese a ser arrasada boa parte xa na guerra.



No paseo didáctico polo Terreo das Convencións do Reich, explicase o que eran as celebracións nazís que reunía naquel lugar a máis de un millón de persoas, encontros inspirados, a partes iguales  da cultura cristián  como da cultura obreira socialista, con datas no Día de Acción de Grazas polas colleitas, mesmo cada 1  de maio, como nas convencións do mes de setembro dende o 1933 ao 1938, fanatizados encontros que o Fuhrer abría e pechaba dende unha grandiosa tribuna, seguido de demostracións atléticas, desfiles, afervoados saúdos entre, redobres de tambor, trompetas, bandeiras e lábaros. Paseo polo que foron campamentos dedicados ás xuventudes hitlerianas, mozos e tamén mozas dunha sección fiminina que eran apartados da cerna familiar para entrar nunha actividade paramilitar, entre cancións que enxalzaban o ardor guerreiro....arriar e izar e man en alto...



Recorrido por estacións numeradas baixo a suxestión de “Fascinación e violencia” pra introducirnos no  edificio de nova factura e que evita toda simetría coa grandilocuencia da edificación nazi, obra do arquitecto austriaco Gúnter Domenig  para centro de documentación.. Espazos no que sistemas audiovisuais nos meten nas fascinantes convencións que introducían na violencia. Carteis e películas da fotógrafa nazi Refensthl, así como as referencias ao arquitecto Speer son constantes no recorrido polo abuso  propagandista e fanatización a través da arte.... Paseo polo  Palacio de Congresos, a máis grande construción nazi conservada, baseada na arquitectura grecoromana, sobrecolledores escenarios que buscaban subir a autoestima fronte ás carencias da razón e  que aínda acollería  “O maior palacio de congresos do mundo” que non chegou a rematarse o que se sentius como un fracaso... estruturas sobre as que no 1960 se planifica un campo de fútbol e no 80 un centro comercial.



A Gran Avenida artillaba o novo urbanismo nazi co vello Núremberg, como gran pasarela para desfiles, cara ao Estadio Alemán, a “Olimpia Alemana” , “ o maior estadio do mundo”, dedicado a “Xogos de Combate Nacionalsocialistas”, mestura de manobras militares e atletismo, descomunal deseño do arquitecto preferido do Fuhrer, Albert Speer. Tribunas centradas pola  grandiosa “Catedral da Luz”  como fondo da gran tribuna co “Púlpito de Hitler” coroada coa cruz gammada.



Segue a lección pola  Luitpoldarena, espazo para o culto á morte e ás bandeiras... hoxe monumento dedicado ás vítimas das guerras mundiais.. E segue: o Campo de Marte, a Cidade Campamento, a Estación de pasaxeiros...usadas tamén para a deportación de xudeus cara á ignominia e a morte. Espazos nos que se contrastan as reaccións doutros pobos respecto ao III Reich. 



Núremberg é hoxe un libro aberto na espiral do camiño de desnacificación e de convivencia.



8  - setembro -2018