O Patrimonio Cultural a través de visitas guiadas teatralizadas

Ampliar: Visitas teatralizadas ao Castelo de Soutomaior



Reflexión sobre os imperante xeitos de achegar o Patrimonio Cultural ao gran público a través de visitas guiadas teatralizadas. Performance, teatro que require especialización a sumar a saber o que se explica e sabelo transmitir..

O teatro ten saídas máis alá dos escenarios e máis aínda neste tempo propenso aos enganos, nos que a posta en escena, as performances e as provocacións tanto contan mediaticamente. Na Galiza, iso do teatro, que é interpretación, movemento, xesto voz, intuición, intelixencia, tradición... lévase no adn, e non faltan escolas nin actores que trunfan fora.



As relacións, a educación, tantas veces raiana coa hipocrisía, presupón teatralización. Pesa a que fronte a tanto engano o que se quere e o liderado está no “ao natural”, na autenticidade, ser como se é, profesar o que se fai, profesionalidade entón: paixón, contaxio, catarse... E o tema de como falar en público e seducir ven de vello, Cicerón xa o tratou nos “ Diálogos de oratoria”. Leccións impartidas nos seminarios nos que se preparaba aos cregos pra  dar a cara dende  o púlpito en homilías e demais predicas .Non faltan no mundo comercializado cursos acelerados, libros nos que aprender a falar en público, leccións aprendidas por líderes estadounidenses e ben se nota. Por aquí mal copiamos.



Experimentamos para atraer, así escollemos escenografía, edulcoramos doses, culleradas desa cultura que se tenta coutar en “casas da cultura”,cidades da cultura”, “actividades culturais” e “días”... liturxia, teatro ao fin. E faise provocando un entroido, disfrazo incluído.



As entroidadas convocan, gustan, úsanse pra convencer, mesmo pra que “entre mellor ” o patrimonio cultural e argállanse festas da historia, cópianse e normalízase experimentos: visitas guiadas teatralizadas a museos, a monumentos, cemiterios e mesmo fábricas etc...disfrazándose de espíritos do pasado, de persoeiros históricos, frades, bispos, cabaleiros, heroínas...iso si, agora prudentes co chiste fácil en cuestións de marxinación, segregación, xénero...  O vestiario coidase “a según” o presuposto. Cuestión de saber elixir o persoeiro, que acaia cos espazos que se explican; saber guionizalo pro que se quere comunicar, coas súas singularidades e sobre todo sabelo facer apto pra todos os públicos. Farase quizais meténdolle aportes propios, anacronismos, chocadelas retranqueiras.. tácticas que non son propiedade de todos, aínda que  por algures poida xurdir o xenio.



Así que ollo, non todo vale. Iso da representación é algo que na cultura anglosaxona  forma parte do ensino e hai boas escolas polas que, dun xeito ou doutro, acaban pasando futuros actores. Actividade que está por todas partes, no Parlamento, nas creativas performances das rúas, nas festas...e por suposto nas explicacións das singularidades. 



Cuestión de dramatización, do onde e como poñerse, do ton, da inflexión de voz... de como aplicar os silencios,  o pouso, a ollada, o andar, os xestos, os acenos, implicando, emocionando, provocando ao espectador e sempre no fío do ridículo. Asuntos que non resultan difíciles neste cabo do mundo que é Galiza, afeitos a  titiritadas, aos entroidos, ás máscaras, aos canicelos, ás gárgolas, aos seres míticos e fantásticos do imaxinario tradicional. Algo moi coidado na escocesa Edimburgo, cidade,  que como as galegas comparte enigmas e misterios de negras sombras, célticas tamén, de historias demeigas a Harry Potter,  auténtica universidade nesta práctica na que compiten grupos de actores por explicala a horas intempestivas, revestidos de capa, sombreiro, si acaso incorporando carruaxe, en paseos pola tétrica canella do Royal Mary Kings close, propicia ás pantasmas, ás lembranzas dos andazos, da peste, do asasinato e mais da morte...



Os curmáns-irmáns asturianos, con afiada sensibilidade pra venta da súa identidade, toman boa nota e no 2017 estrebillaron facer visitas guiadas ao ovetense Teatro Campoamor, enfrontándose ao curioso reto de teatralizar o teatro, polo cal asinouse un convenio entre a Compañía de Teatro Factoria Norte e a Concellería de Cultura, e  como argumento a interacción entre o presente e o pasado: o Maio do 68, hippies e por medio o romántico autor das humoradas, Ramón de Campoamor, entre varios outros  persoeiros sheaskeaperianos de “O Soño dunha noite de verán”. O exemplo espállase e a Deputación da Coruña toma nota  pra explicar o  seu Teatro Colón, edificación dos tempos da ditadura, asentado no “recheo” público da Coruña. Aquí será unha representación da  actriz coruñesa  María Casares quen nos guiará por un recinto que ela non coñeceu...e moito tería que dicir “Vitoliña” que así lle chamaban na súa Coruña, de por que non volveu á cidade amada da que foi desterrada, expropiada e espoliada a casa, os mobles, os libros e até borrada do censo... A súa casa francesa de Alloue no Poitou- Charentes, ofrécese chea de morriñas coruñesas, hoxe “Maisón du Cómedient”.



Máis veremos aínda, até que se impoñan outras modas que sempre pasan polo guía normal, mesmo por aquel pintoresco guía-papagaio uniformado coas mesmas teimas. Agora a concellarías de cultura e turismo cálcanse as unhas ás outras, mostran deica onde chega a súa ilustración polas “novidades”, así que convocan prazas temporais, a soldo mínimo, ás que, polas necesidades da vida, concorren mesmo doutores en historia, arte, turismo ou no que sexa, pra someterse a este novo entroido. E así os vemos inerpretando polas rúas da cidade vella da Coruña a María Pita, farano dende a  heroico versión coruñesa, que a inglesa xa é outra ben diferente, entrometéndose tanto en asuntos da Brigancia e do Faro Romano como nas invasións normandas, mesturadas entre ilustrados presos de antes e despois da Guerra Civil, navegantes, mariñeiros, con doña Emilia Pardo Bazán, a que quizais se prestase máis  pra guiar a súa cidade, co seu abano, vestida de  abundante raso, suando costa arriba.



E cavilamos nas posibilidades de persoeiros literarios como os ofrecidos por Wenceslao Fernández Florez, en fantasmas como “Fendetestas” . Como tan ben fai nesas visitas coruñesas un pioneiro nesta actividade, Suso Martinez, sobresaínte na cuestión, por facelo ademais baixo a figura teatralizada dese outro persoeiro de Fernández Florez que é  Fiz de Cotovelos: sabe adubar o morbo da visita coa salsa macabra dos días outonais de tebras, a noite de paraugas e silencio guiando o cemiterio de San Amaro... Visitas semellantes ás do Cemiterio de Agramonte en Porto, á luz dos fachóns portados por implicados visitantes.



Pra sacrlle rendibilidade turística aos castelos de Soutomaior e o de Monterrey tamén se argallou un tema histórico teatralizado. Hai lista de espera para concorrer e mira que os temas feudais darían pra moito, pasando  por conquistas e polos seus actuais propietarios e usuarios.  Tampouco Lugo queda atrás e faino despois de experimentar o éxito dese novo Entroido de verán de temática romana, o “Arde Lucus”, e agora, seguindo na xeira, un centurión guía e explica as muralla e os restos romanos.  No museo de sitio do Castro de Viladonga  coidase o rigor e o hábitat de fai dous mil anos explicase a conciencia, quizais por un arqueólogo disfrazado de galaico-romano, sen os tópicos cornos, cousa non fácil de asimilar.



Os medios acoden ao cebo do disfrazo, a xente concorre e uns chaman aos outros. Mal ou ben a historia entra e si entra a historia poñemos os pes no chan, nas bases do presente.



23 Setembro 2018