Novos e vellos andazos

Ampliar: Tratamento cultivos



Repaso dalgúns andazos, que por diversos motivos, especialmente polo cambio climático, afectan á vida e á convivencia, interfirindo na cultura, facéndose tamén globais.

Novos e vellos andazos



Bacterias, bichos, pragas....O problema non é novo, a tinxe a todos e de vello. E no estudo desas patoloxías están - e máis deberan aínda - as universidades, en Galiza o Centro de Investigacións Forestais, o Consello Superior de Investigacións Científicas , os oceanográficos, as piscifactorías...así como as novas institución creadas arredor de vellos e novos andazos. O seu coñecemento remontase ao Neolítico, cando o ser humano adquire uso de razón social e asume que pode coutalo e domesticalo todo, facelo seu e ao seu xeito: plantar, podar, enxertar, crear hortas, viveiros, invernadoiros, granxas, salazoneiras, piscifactorias ... E de tal resposta humana ás cuestións do medio nacen os cultivos e conseguintemente a cultura que é suma de saberes, de respostas a problemas e coa que rematamos facendo liturxia. Asuntos ben sabidos por experimentados patrucios que aínda quedan, xa ningún de pana e boina, agora de vaqueiros e sombreiro, trotamundos da emigración, eses que, na porta ou dende a xanela da casa, na taberna que queda, pasan as horas mirando o devalar do sol ou de quen fende o ritmo monótono das horas ao seu paso pola aldea, os que filosofan sobre tanta novidade, pra seguir a dicir o que xa dicían os seus devanceiros, que o mundo anda revolto e o que se lle atribúe a Deus  que “si este é o mundo que eu fixen que o Demo me leve”. Mulleres e homes que case todo solucionaban intercedendo aos santiños, na lóxica de someterse a corentenas ou a remedios caseiros. Sobreviventes de andazos sabidos e de  novidades naturais, migratorias e artificiais, mesmo motivadas pola insatisfacción e o abuso.



Conseguintemente a conta do drama nacen e medran empresas dedicadas a poñer remedio ou a causar outros males a través dunha intentada desinfección interfiren no ciclo ecolóxico. E experiencia debera haber na Galiza, non esquezamos que este é o país da modélica empresa, nacida en tempo e lugar xusto, o Porriño, a que desafía a posguerra e as súas pragas de miserias, a dos irmáns Fernández López e outros emprendedores intelectuais galeguistas, pioneiros no I+ D,  a da químico farmacéutica “Zeltía” fabricantes do  popular ZZ feito a partir do xa desacreditado DDT



Non faltan catálogos de insecticidas,  experimentacións, inspeccións, asembleas, congresos sobre o tema, organismos, institución pra velar pola saúde da paisaxe e da paisanaxe...namentres os labregos seguen a usar as “medicinas” pra eidos e lameiros que lle recomendan nas boticas, revístense case de marcianos e cargan ao lombo sulfatadoras, algunhas dignas pezas de museos. Outros con novas técnicas fumigan, contaminan, intoxican.



A globalización, o mestizaxe, a promiscuidade, tan necesarias como a prevención, o ir e vir polo mapamundi de xentes, o traer e levar maletas e contairnes con novos e vellos produtos, roupas, madeiras, mobles, comestibles.. portan con eles insospeitados e minúsculos polisóns: baterías, fungos, insectos, bichos que pasarán a ser, noutras latitudes, incómodos e infecciosos inquilinos. Exóticos viaxeiros que poden levar consigo unha familia, visitantes con efectos directos e indirectos. O cambio climático o conseguinte quentamento global,  axuda a crear ambiente e caldo de cultivo pra especies invasoras namentres sofren as autóctonas na convivencia dos globais xeitos de migracións. Cuestión que leva a novas situacións as que inciden nos comportamentos, nas tradicións, por tanto na cambiante cultura. Asuntos que dan que falar nos organismos internacionais e locais. Polo cal o control de pragas e os servizos fitosanitarios vanse normalizando, experimentando, con acertos e desacertos respecto ao que supón o uso e abuso de insecticidas, os produtos químicos, as fumigacións coa conseguintes efectos adversos... Lembramos os efectos do famoso DDT (Dicloro Difenil Tricloroetano) os efectos dos herbicidas... Así que aquelo tan franciscano e humanista de “que se arrinca unha herba e trema o universo” faise máis que realidade.



Faremos un repaso por esas familias de bichería minúscula, bacterias, ácaros,  insectos, vermes... que alteran as paisaxes, que danan os bosques, hortas e xardíns pra desmoralizar a un labrego que aínda resiste tratando de sacarlle proveito á terra ou a ese seu mar sometido a tantas contaminacións: os parasitos protozoos que colonizan aos berberechos, a marceliosis, as mareas roxas, marróns, pardas  de microalgas tóxicas e outros fenómenos cos conseguintes riscos pros produtos que entran no consumo.



Reaparecen pragas que semellaban so historia dos días da Segunda Guerra Mundial, como o chinche de cama , piollos e as mesma pulgas que, as que, de cando en vez, toman sitio en escolas ou até en hospitais. As carrachas campan polo campo e xa teñen motivado alarma nos humanos. E velaí buscando un tempo que une o caloroso coa humidade a cucaracha americana, viaxeira procedente dos trópicos, con capacidade de adaptación ao medio, que se alimenta de todo. E xa sabemos de tantos tipos de mosquitos, o mosquito tigre procedente de Asía, recoñecido polo seu cor negro e raias brancas,  con picadura intensa e transmisora de enfermidades...E conseguintemente contaminación de alimentos, enfermidades, alerxias...o ciclo amplía a súa cósmica espiral.



E  moito temos escoitado e escoitaremos aínda máis das famosas avespas velutinas, chegadas entre a madeira transportada en barcos dende un clima subtropical temperado, o do Sudeste Asiático. Avespa que se alimenta doutros insectos, entre eles das abellas do país, entón o universo tradicional, mesmo filosófico da apicultura vese revolto. As pegas e outras aves, entre elas as galiña non poden con elas...e na paisaxe de Galiza xa aparecen os seus grandes niños como bolsas pendurando das árbores máis altas ou en lugares insospeitados do campo ou da casa.



E outras avespiñas, máis pequenas, como a do castaño, insecto orixinario de China,  que ameaza soutos e conseguintemente a riqueza da castaña e da madeira, contra a que se experimentou coa solta doutro insecto parasitoide  (Torymus Sinensis) que se alimenta das larvas da avespiña depredadora, antídoto contra o seu avance. E sempre a couza a roer madeira.



As pasionarias ou “gorgojo do piñeiro” que se apoderan das altas copas de escuro arume arpado, mesmo poñendo a raia ás repoboacións do exótico invasor pino de Monterrei, vido de California. A máis do insecto nematodo da madeira do pino,  no 1999 chegado de Portugal... Cerdeiras, cítricos e oliveiras  vense atacadas por bacterias como a “xylla fastidiosa”  ou a “araña roxa” sen deixar madurar os froitos... Mesmo as exóticas palmeiras, dende a beiramar Mediteránea  até o noso confín, son atacadas polo picudo roxo deixando espidas antigas palmeiras, insignia da ilustración e do pasado dunha casa ou dun  pazo... Mesmo o tradicional buxo sufre a praga da couza china, unha eiruga que axiña devora as sebes xeométricas dos centenarios xardíns dos pazos. E coma sempre a vide, tan sensible ao desequilibrio dos fenómenos meteorolóxicos, a vellas e coñecidas pragas como a filoxera, o mildiu, o oidio, o pulgón, a polilla, os tryps, o mosquito verde,  o piral, .. As patacas podrecen polo efecto de novos escaravellos, pioxiños...a couza guatemalteca.



Paisaxes sobrecargadas de invasoras azaleas como acontece en Irlanda, Galiza e Portugal de plumachos (herba das pampas), dos xa vellos eucaliptos e dos máis novos metrosideros...



Incremento da poboación de familias de teixugos atravesando as estradas e mesmo visitando á hora da sesión vermouth alamedas das cidades... as ratas e os ratos... E as medusas, reproducíndose de cada anaco seu, resistindo e facéndose donas do planeta...todo un símbolo. As leccións deben mudar.



7- outubro - 2018