PROTOHISTORIA

Ampliar: torre



MUNDO CASTREXO ( 700 a C-100 a.C).

MUNDO CASTREXO ( 700 a C-100 a.C). O CONTROL DAS RUTAS DO METAL: OS ARTABROS E BRIGANTIUM
Os textos grecolatinos, seguramente recollidos de nautas viaxeiros por estes occidentes atlánticos, abundan ó referirse aos ártabros, ó seu golfo e a súa protexida baía, tan importante para a estratexia militar como para o comercio. Tendo en conta que o camiño máis seguro era a navegación de cabotaxe. Os rios eran referentes para adentrarse nun descoñecido mundo interior, rico na minería de estaño, ferro e ouro…fonte de economía da antigüidade. Fundamentalmente os castros están en función desta novo recurso económico, controlando as rutas ou mesmamente os emporios do metal. A abundancia de habitats fortificados, coñecidos como castros constátase en toda a área que vai das Sisargas ó cabo Prioriño, que tradicionalmente se ven identificando como “Golfo Ártabro”. Os castros de Punta Roza, Subiña, Xaz en Oleiros, Alvedro en Culleredo, os Castros e Elviña, Nostian na Coruña, Pastoriza en Arteixo… son algúns exemplos, entre moitos outros, que proban o esplendor económico, base das referencias.

Os textos refírense a que estes territorios xa foron esplorados por outros antes que os romanos. O profesor Monteagudo preocupase por esta cuestión e refírese a un anaco de prato roxo oscuro atopado nas inmediacións da Torre de Hércules, a todo o que hai que sumar polos estudos máis recentes i escrupulosos a localización de materiais de tipoloxía grega, campanienses de procedencia do sur de Italia, datables ó redor do século III a.C. burdas copias de producción local e que estarían en relación con materiais similares aparecidos en asentamentos da beiramar glega. Estas relacións iranse incrementando ata entrar na era, a xuzgar por anacos anfóricos datados neste momento.

Na actualidade non se dubida de que tartésicos, fenicios, cartaxineses e gregos poideron coñecer as costas noroccidentais de Iberia antes que os romanos, contrariamente ó que expresan Veleio Patérculo e Polibio, os que afirmaron que Decimo Xuño Bruto chegara ata lugares nunca escoitados. Namentras que Strabón ó referirse ás illas Kassiterides, ricas polo estaño, situadas cara o norde do Porto dos Ártabros, manten que somentes eran coñecidas polos comerciantes fenicios que viñan dende Cadiz, “Ocultando a ruta msaritima, e cando os romanos perseguiron a un navegante para coñecer aquelos emporios este voluntariamente fixo encallar seu barco…e recibiu do seu goberno o prezo da carga perdida…” Ben poido acontecer que os materiais importados, de tipoloxía grega, campaniense ou púnica, detectados pola sensibilidade arqueolóxica dos último anos, foran traidos por negociantes intermediarios. Igualmente falta aínda determinar as relacións destes núcleos marítimos co interior da meseta, cos íberos.

A cuestión complic a algúns historiadores ó interpretar o poema de Avieno “Ora Marítima”, escrito no século IV a.C., inspirado na antiga tradición oral, que di que o noroeste de Hispania estaba habitado por un pobo oriundo de Liguria, os oestrinnios, que logo sería invadido polos sefes… Texto que alimenta as pescudas dos “celtistas” ao identificar os “sefes” cun pobo celta que tiña como totem a serpe…

Como referencia valian como un exemplo para ubicar o inicio da cultura castrexa algunhas datacións proporcionadas polo radiocarbono. As que dan como nivel máis antigo o ano 850 a.C. para o castro de Torroso en Mos Pontevedra, o 560 para Pena Rubia en Orbazai, Lugo e 510 a.C. para o Castro de Borneiro (Cabana), momentos de fondas transformacións económicas e sociais. Supoñemos que entre os século VII e VI a.C. os poblados mineiros ou en relación coas rutas do metal comenzan a amurallarse de diferente xeito, efecto dunha causa de rivalidades motivadas polo poder económico.

A evolución das técnicas metalúrxicas leva a un rexurdir económico que atopará unha nova fonte de expansión no mineral de ferro. Os xeógrafos Strabón e espacilmente Plinio achégannos noticias das minas e súas técnicas de explotación. Precisamente Polibio refírese á importancia da área brigantina “…entre os ártabros, no confín da Lusitania, do chan afrora prata, estaño e ouro branco, os ríos arrastran areas de ouro que son lavadas en cuncos semellantes a cestos…” Os enclaves arqueolóxicos mineiros viciños de Corcoesto e Abegondo, entre outros proban este interese.

O nome de “ártabros” aparece nos xeógrafos da antigüidade, Posidonio, Mela, Silio Itálico e Ptolomeo, relacionado xeograficamente cun “Promontorium Artabrorum” , ofrecendo unha ou duas baías, como cree Cuevillas: “Artabris Sinus” e “Portus Magnus Artabrorum”, donde se ubican duas cidades “Claudiomerium” y “Novium”. Resultan problemática a localización, igualmente que a da cidade de Adobrica, a que, segúndo o cronista do século I, Pomponio Mela, estaría no Golfo dos Ártabros, onde di desembocan catro ríos, e que o ilustrado Cornide sitúa nas inmedicacións da actual Coruña, discordando con outros historiadores que a ubican no Ferrol. Contrariamente Plinio cita Adobrica na desembocadura do Miño. Parece ser que os brigantinos formaban parte dunha “xentilidade”, ou grupo desta tribu, coa cidade de Brigantia, posteriormente Brigantium Flavium. Disputa sempre referida entre A Coruña e Betanzos. Cuestión que trata o historiador Emilio González López no seu discurso de ingreso no Instituto de Estudios Coruñeses “José Cornide”: “La céltica Brigantia y la romana Flavia Brigantia”.

O Itinerario de Antonino, feito na época de Caracalla, entre o 196 e o 217, tomado de cartas anteriores, entre elas as de Ptolomeo, ubica na vía XX unha mansión chamada Brigantium en Antonino e Flavium Brigantium en Ptolomeo. Casimiro Torres concilia forzadamente a problemática local, concedéndolle Brigancia ou Brigancio – así a denomina Dion Casio – a esta área da Coruña, namentras que a mansión Flavium Brigantium correspondería coa actual Betanzos.

Por outra banda a identificación de “altíssimum farum” ven a ser outra referencia de axuda neste seguimento de rastros literarios, tal como a describen no séulo IV Istro Aethico e Orosio, ambos textos moi semellantes ó referirse ós límites de Hispania.

Castro de Elviña
Elviña, é un posible antropónimo vido da antiguidade, ainda que outros atribueno á existencia de viñedos. Outeiro de amplas vistas que ocupa unha privilexiada situación estratéxica na parte que da acceso ó istmo e polo tanto ó porto coruñés, así como ós camiños que se abren, tanto pola banda da beiramar como cara ó interior, seguindo o Mero, o Tambre… Rebordechán que domina a baía e as veigas de Feans, proclives ó cultivo e á gandeiría, regadas noutrora polo arroio Mesoiro que na área baixa do castro crearía un xunqueiral, que axudaba tanto á defensa natural do habitat, como á cría de flora e fauna aproveitable pra vida. Espacio cun clima maís xeneroso que a mesma inmediata beiramar, tan proclive ás brétemas. Este outeiro, con silueta e defensas que seguen o perímetro en forma de nave, ofrece croa circular, cara á que ascenden os chanzos defensivos, creando barrios. Murallas, terraplens e foxos aínda por determinar, construidos e ampliados posiblemente en dúas épocas diferenciadas. As que a arqueoloxía precisará na medida da marcha dos traballos de investigación. Si ben o contexto integral do castro como un ampla área na que se desenvolveu a vida: camiños,campos de cultivo e gandeiría…sofreu fondos cambios pola urbanización deste singular espacio, por outra banda histórico. Aquí, no 1809 tivo lugar a batalla de Elviña, entre as tropas inglesas comandadas por Jhon Moore e as napoleónicas, ó mando de Soult . Aldea que durante o século XX mantivo súa significación fondamente rural.

O ano 1947 marca o inicio da investigación científica do Castro de Elviña, ó estblecer un acordo entre a Facultade de Filosofía e Letras de Santiago, a Deputación Provincial e a Comisaria de Belas Artes, representada esta polo arqueólogo Xosé María Luengo Martínez, contando coa colaboración dos profesores auxliares da universidade compostelán, o Dr. Luis Monteagudo García e o profesor Salvador Parga Pondal. O 6 de agosto de 1947, Martinez Santa Olallla como Xefe do Servicio da Sec. de Arqueoloxía do Ministerio de Educación firma a autorización. Dende entón o acontecer da investigación terá un intrincado acontecer que atopa frontalmente coa realidade. Os resultados son importantes a nivel de estructuras, como o recinto amurallado da croa, o alxibe, a chamada “Casa do ídolo fálico”…pero tamén sorprende a cualidade dos materiais, como o chamado“Tesouro do Castro de Elviña”, atopado por Luengo e formado por dúas diademas, un colgante e varias doas en filigrana e vidro. Conxunto de casta e rango que inicialmente e polos motivos simbólicos ou decorativos “orientalizantes” non dubiaron en adxectivarse de “célticos”. Os refinados traballos das pezas, non somentes son proba dun delicado traballo de ourive, que se pon en relación con outras, non menos sorprendentes, tamén da área próxima como o tesouro ferrolán de Bedoia, os torques de Xanceda (Mesía), que desmostran unha depurada técnica de traballo, posiblemente autóctona, en temática e técnica, moi en relación coa producción do Mediterraneo oriental e con tantas cocomitancias celticas-centroeuropeas. Por algo o poeta latino Marcial, nun epigrama a Carino, compara as obras dos mellores escultores gregos coa producción dos ourives galaicos.

Ata a morte do alcalde Molina, acontecida no 1958, persiste a idea de facer de Elviña un parque arqueolóxico e crearse un gran centro ou “Museo Céltico”. Xa no ano 1957, fixéranse unhas curiosas probas de arqueoloxía experimental ou etnoarqueoloxía, teitando de palla a cachoupa na que fora atopada o “tesouro”.

Luengo abre diferentes vías burocráticas e sensibilizadoras coa ansia de garantir, tanto a escavación arqueolóxica como os aspectos legais que axudarían a unha evolución integral da practica arqueolóxica en Galicia: tramítase a declaración de Monumento Histórico Artístico, o que se consigue con decreto 1758//1962 de 5 de xullo, tal como expresa o B.O.E – 173 de 20 de xullo, advirtindo para o futuro que súa ubicación periurbana pon en perigro a integridade do xacemento. Paradóxicamente a partir de entón o xacemento serve de base a varias torretas de alta tensión, aspecto denunciado por Luengo, cunha sentencia favorable exemplar para as causas arqueolóxicas, a de 2 de novembro de 1965 (4758) . A que obriga á empresa eléctrica FENOSA a retirar o tendido, e que non se cumple. A partir de entón, e pese á creación no ano 1968 do Museo Arqueolóxico no Castelo de San Antón, o xacemento cae no total abandono. A partir de 1975, tendo a responsabilidade deste centro museístico Felipe-Senén López, inícianse trámites para reanudar tarefas de limpeza e revisión dos traballos de investigación, materiais, estructuras, planimetría… a conseguinte sensibilización popular e inicio de trámites para a expropiación de terreos. Os traballos de campo retómanse de 1979 a 1985, para concluir que a presencia de vestixios romanos no asentamento dátase nos primeiros anos da romanización no noroeste, no século I a.C. con fondas reformas no sistema defensivo. Intúese a paulatina pérdida das condicións estratéxicas e de habitat acontece a partir do século II. Unha vez máis os traballos vironse interrumpidos pola falla de interese institucional, pese ás diferentes chamadas de atención, para ser retomada a cuestión do Castro de Elviña no ano 2.000, previos os trámites de expropiación e postetriores convenios coa Xunta de Galicia para a realización do Plan “Artabria”, dirixido polo arqueólogo X.M.Bello Dieguez, entón Director do Museo Arqueolóxico da Coruña, que conlevan á construcción da ”Casa dos Antepasados” e potenciación do xacemento en todas as ordes. A un tempo estúdase a recuperación do homilde castro mariñeiro de Nostián, xa prospectado no 1975 polo profesor da Universidade de Santiago Vázquez Varela


· PREHISTORIA
· HISTORIA ANTIGA
· A ALTA IDADE MEDIA.
· IDADE MEDIA